Turismo náutico, o gran potencial de Galicia: máis de 10.000 embarcacións recalan cada ano nas nosas costas

Sanxenxo é o porto máis caro de Galicia: durante a tempada alta, un amarre para un barco de 8 metros de eslora custa 23,84 euros por día, e para un de 25 metros, chega aos 208,74 euros por día. En Viveiro, unha embarcación de 5 metros de eslora pode amarrar por 7 euros ao día, e unha de 20 metros pode facelo por 60.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 23/09/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Cada rexión ten o seu potencial encuberto que pode encumbrala ata o máis alto da escala económica. Por desgraza, son moitas as que aínda non o saben. No caso de Galicia, a nosa terra ten a sorte de ter moitas riquezas, mais unha das que experimentou un maior crecemento nos últimos tempos foi o turismo náutico. As boas condicións xeográficas das que gozamos son o centro do potencial económico neste ámbito: un total de 1.659 kilómetros de costa (o 70,9 % do total da comunidade), fronte aos escasos 681 kilómetros terrestres (o 29,1 % restantes).

Porto deportivo de Sanxenxo
Porto deportivo de Sanxenxo | Fonte: Nauta Sanxenxo - Arquivo

Os lindes marítimos pódense distribuír en: rías de Ribadeo e Foz, máis pequenas e suaves; rías de Viveiro, O Barqueiro, Ortigueira e Cedeira, as máis occidentais e profundas, cun relevo abrupto; rías de Ferrol, Ares, Betanzos e A Coruña, coñecidas como o Golfo Ártabro, cun litoral moi recortado, pero con poucos precipicios; rías de Corme-Laxe, Camariñas e Corcubión, a famosa Costa da Morte, moi pequenas pola súa cercanía ás montañas; e as rías de Muros-Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo, as queridas Rías Baixas, máis fondas polos seus vales fluviais e cunha moi beneficiosa climatoloxía. A elas súmase o idílico Parque Nacional das Illas Atlánticas, que goza de 8.332 hectáreas.

Dada a súa latitude xeográfica, Galicia é porto de paso de embarcacións que, procedentes do norte de Europa, viaxan cara o Mediterráneo como punto de escala de cruceiros procedentes doutros países europeos ou americanos. 

Pero para coñecer a potencialidade do turismo náutico en Galicia, o primeiro é coñecer como tal que é o turismo náutico. A definición máis aceptada considérao como un segmento do turismo litoral relacionado con prácticas de ocio e actividades deportivas en contacto co mar e asociado a outros tipos de turismo como o de sol e praia. Inclúense nel actividades como a vela, o motor, o surf, o windsurf, o submarinismo, o remo ou os cruceiros. En xeral, asimílase a persoas cun alto poder adquisitivo, de aí a súa importancia para o PIB da comunidade, pois deixa importantes beneficios económicos.

DE 4.000 EMBARCACIÓNS A MÁIS DE 10.000 NUNHA DÉCADA

O importante Porto Deportivo de Sada
O importante Porto Deportivo de Sada | Fonte: Atlántico Norte Flcikr - Arquivo

Pouco a pouco, a nosa terra estalle a sacar partido: nos últimos 10 anos incrementouse nun 40 % o número de embarcacións que recalaron nos portos galegos. De feito, os portos de titularidade autonómica recibiron unha media de 4.000 embarcacións en tránsito no ano 2010, cifra que se disparou ás 10.150 no 2018, antes da covid. A día de hoxe Galicia conta cun total de 25 portos deportivos, algúns dos cales destacan sobre os outros.

Nese ano 2018 foi o porto deportivo de Muros o máis visitado de Galicia, recibindo 1.277 barcos; seguido do de Combarro, con 937. Sanxenxo, pola súa banda, foi o municipio onde máis barcos recalaron, chegando aos 1.134 entre as súas mariñas de Portonovo e o Real Club Náutico de Sanxenxo. Finalmente, outra cifra destacada son as 639 embarcacións que acolleu o porto de Baiona. Con todo, o máis exclusivo e famoso entre autóctonos e foráneos continúa a ser o de Sanxenxo, que no pasado mes de agosto deste ano 2023 chegou á plena ocupación de atraques todos os días. E non precisamente polo barato dos seus prezos.

SANXENXO: MÁIS DE 6.000 EUROS AO MES POR 25 METROS DE ESLORA

De feito, Sanxenxo é o porto máis caro de Galicia, como así acreditan os datos. Así, durante a tempada alta, un amarre para un barco de 8 metros de eslora custa 23,84 euros por día, e para un de 25 metros, chega aos 208,74 euros por día. En temporada baixa, os prezos son de 9,40 euros por día e de 82,55, respectivamente. Se nos vamos ao custe por mes, para unha embarcación de 8 metros, o custe chega na tempada alta aos 643,62 euros, e para a de 25 metros de eslora, dispárase ata os 6.845,32; e na tempada baixa o custe sería de 253,81 euros ao mes, e de 2.726,46, respectivamente.

Mentres tanto, collendo como referencia o custe dun dos portos máis demandados da provincia da Coruña, o de Muxía, as cifras son ben diferentes. Un barco de 6 metros de eslora pode atracar neste porto durante a tempada alta por un prezo de 7,64 euros por día, e un de 22 metros de eslora pode facelo por 72,71 euros o día. En tempada baixa, o custe pasa a 5,44 e a 52,22 euros o día. Para alquilar o amarre todo o mes, en tempada alta habería que desembolsar 173,99 euros pola embarcación de 6 metros de eslora ou 1.507,43 pola de 22 metros. En tempada baixa reduciríanse as contías a 122,45 e a 1.164,63 euros ao mes.

Así mesmo, noutro dos portos referencia de Galicia, nesta ocasión na provincia de Lugo, os prezos son moito máis reducidos que no de Sanxenxo. Trátase de Viveiro, onde unha embarcación de 5 metros de eslora pode amarrar por 7 euros ao día, e unha de 20 metros pode facelo por 60. Durante todo o mes, o custe dun barco de 5 metros de eslora sería de 141 euros e chegaría ata os 1.508 para un de 20 metros. Aínda así é un custe uns 5.000 euros por debaixo do de Sanxenxo.

QUEN GOBERNA SOBRE OS PORTOS DEPORTIVOS?

Os portos deportivos, como os anteriormente citados, son un exemplo de concorrencia de competencias de distintas administracións públicas sobre un mesmo espazo físico: xunto á Administración do Estado, como titular do dominio público marítimo-terrestre, e ás comunidades autónomas, que ostentan competencia exclusiva sobre ordenación do territorio e urbanismo, sobre os portos deportivos tamén interveñen os propios municipios, con competencias na ordenación, xestión, execución e disciplina urbanística.

Nun principio, os organismos competentes en materia de instalacións deportivas no interior dos Portos de Interese Xeral son as Autoridades Portuarias. Fóra destes espazos, a competencia é da comunidade. En Galicia é o ente público Portos de Galicia o encargado da mellora e xestión e explotación dos portos galegos. Así, a comunidade ten competencias en 122 portos e instalacións portuarias, aparte dos cinco portos de interese xeral para a nosa terra. 

QUE BUSCAN OS TURISTAS NAS NOSAS COSTAS?

Un traballo de GMM Consultores demostrou que os turistas que realizan actividades náuticas prefiren o submarinismo e a vela lixeira, fundamentalmente, xunto co windsurf e o piragüismo. A maioría dos usuarios de instalacións náuticas de Galicia, segundo o estudo, son residentes na propia comunidade, ou proceden de Madrid, e utilizan como aloxamento de forma predominante os hoteis e hostais. Gústalles ir a restaurantes, desfrutar da animación nocturna, realizar compras e visitas culturais. É dicir, deixan unha importante cantidade de diñeiro na zona na que recalan.

O 50 % dos usuarios dos portos galegos son españois e o outro 50 % son usuarios en tránsito, procedentes sobre todo de países como Francia, Inglaterra e outros países de Europa do norte. E aínda que a estacionalidade dos portos galegos fai que en agosto se suba do 80 %, tampouco baixan do 50 % no resto do ano. Así, o sector aporta ao PIB galego o 10 %. E podería ser máis, vendendo a nosa terra coma unha forma de fuxir da saturación que durante anos imperou na costa mediterránea. Ademais, para aqueles turistas que veñen buscando realizar actividades deportivas no mar, en Galicia xa hai rexistradas 378 empresas de náutica de recreo e deportiva. 

Porto náutico de Sanxenxo
Porto náutico de Sanxenxo | Fonte: ANEN - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta