A patronal ourensá busca a mediación das autoridades para unha solución no conflito das louseiras de Valdeorras

A CEO pide "evitar a paralización destas industrias das que dependen máis de 500 traballadores e traballadoras, entre empregos directos e indirectos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2023 | Actualizada ás 15:19

Comparte esta noticia

A Confederación Empresarial de Ourense espera "que se resolva" o conflito das louseiras de Valdeorras "canto antes, polo ben dunha comarca enormemente ligada a este sector de actividade", para o que pide mediar ás autoridades competentes.

Neste sentido, a través dun comunicado de prensa, avoga por "evitar a paralización destas industrias das que dependen máis de 500 traballadores e traballadoras, entre empregos directos e indirectos".

Desde "o máximo respecto ás decisións xudiciais", a patronal ourensá pon o foco na "pronta e satisfactoria resolución deste conflito para ambas as partes", de modo que a actividade destas empresas poida "renovarse canto antes" e "impedir, desta forma, que a situación se vexa agravada ou deteriorada co paso dos días".

Igualmente, sumar ao resto de apoios que ambas as louseiras solicitaron nos últimos días, no medio dos feitos ocorridos nas louseiras Irosa e Samaca de Carballeda de Valdeorras, desafiuzadas das súas instalacións.

A confederación solicita igualmente ás autoridades competentes "a mediación necesaria para restablecer esta actividade nunha comarca tan dinámica e puxante como a de Valdeorras, que basea boa parte da súa economía no peso específico que ten esta actividade, non só para a comarca, senón tamén para a provincia e para toda Galicia".

Canteira de lousa
Canteira de lousa | Fonte: wikipedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta