Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2023 | Actualizada ás 12:27
A Xunta fixou servizos mínimos do 100% para a folga de persoal de mantemento de seis helicópteros que proporcionan servizos aéreos de emerxencias en Galicia (dúas de salvamento marítimo, dous de gardacostas e outros dous contra incendios forestais) que prosegue durante os próximos meses tras convocarse o pasado mes de marzo.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este xoves senllas comunicacións da Consellería de Medio Rural e Consellería do Mar na que se fixa a necesidade de persoal habitual nos seus postos ante esta convocatoria en toda España polo comité de empresa de Avincis, que é como se chama agora Babcock (antiga Inaer) tras ser comprada polo fondo británico Ancala Partners.
Os traballadores demandan á empresa unha mellora nos salarios, así como avances na negociación do convenio, á vez que critican que teñan uns servizos mínimos do 100%. Avincis Aviation Technics é a maior operadora dos servizos aéreos de emerxencias en España.
De tal forma, na resolución da Consellería do Mar fíxanse servizos mínimos, tanto para a base de Vigo como a de Celeiro de Gardacostas, de dous pilotos por quenda para cada helicóptero, un operador de guindastre, un rescatador e un mecánico. Ademais, deberá garantirse na súa integridade a subministración asistencial para aeronaves, mantemento e reparación.
No tocante a Medio Rural, os servizos mínimos relativos ao helicóptero de coordinación pasan por un piloto, un mecánico e un técnico coordinador, así como un técnico analista. Igualmente, deberá preservarse o servizo de mantemento habitual nos talleres centrais da compañía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.