Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2023 | Actualizada ás 13:58
A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, identifica cun "síntoma absoluto de desesperación" a chamada que fixeron dirixentes do PP a unha rebelión de deputados socialistas para que apoien a investidura de Alberto Núñez Feijóo. "Non hai ningunha explicación máis, non hai ningún caso en democracia europea semellante", critica.
A preguntas da prensa durante o cume europeo de emprego que se celebra en Santiago, Díaz avisou de que "a corrupción ten moitas caras e o transfuguismo é unha delas". Por iso, chama ao PP e a Feijóo a "respectar a democracia, a Constitución e a si mesmos". Así, cargou contra Feijóo, "un candidato a ser presidente do Goberno que fai fraude de lei co articulo 99 da Constitución", que "vulnera" o "compromiso que explicitou ante os españois", pois non se reuniu con formacións, "nin sequera" o que anunciou con presidentes de comunidades.
Deste xeito, considera a investidura de Feijóo un "caso único de fracaso anticipado", posto que "non hai máis anticipo de fracaso" que "facer un mitin convertido nun pseudoacto de protesta contra un goberno que non existe na antesala a unha investidura". "Pídolle á Feijóo e ao PP que respecten a democracia, que respecten a Constitución que tanto din respectar ("non é verdade" que a respecten, dixo) e que se respecten a si mesmos", insistiu. Asegura que o que fai "soamente" se explica pola "desesperación" e o "fracaso" de Feijóo, nunha "profunda crise interna que ten o PP desde que chegou o señor Casado".
LEI RIDER
A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, garante que se está actuando con "contundencia" para que se cumpra a lei 'rider'. Apunta que é unha norma que "se está cumprindo", salvo "unha empresa rebelde", en referencia a Glovo, aínda que sen citar o seu nome.
A preguntas da prensa durante o cume de emprego que se celebra en Santiago, Díaz deixou claro que Inspección de Traballo, que é "das mellores do mundo", "goza de competencias completas" e está a actuar con "dureza" con sancións, polo que mesmo recibiron "moitas criticas".
Así, avisou de que "non hai ningunha empresa que estea por encima da lei" e hai datos de "como cae o peso da lei encima dunha empresa concreta", en alusión a Glovo, por "infraccións moi graves", ademais dunha "obstrución" a Inspección de Traballo. "Nunha democracia o principio de legalidade afecta igual a todo o mundo", advirte Díaz en relación cunha "grandísima multinacional" que vulnera dereitos no país.
FIN DE AXUDAS POLA GUERRA DE UCRAÍNA
Por outra banda, cuestionada pola información que publica El País este venres acerca de que o Goberno planea retirar a rebaixa de impostos ao gas e a electricidade, xa que o Executivo enviará a Bruxelas o plan orzamentario co fin das axudas pola guerra de Ucraína, Díaz limitouse a dicir que responderá sobre este tema dentro duns días.
Aínda que apunta que está en conversación "permanente" co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asegura que aínda non puido tratalo e "esta é unha das tarefas pendentes para o próximo goberno de coalición progresista", polo que pide "prudencia", aínda que "o impacto é forte no país".
FORO ECONÓMICO DE GALICIA
O Foro Económico de Galicia augura un menor crecemento en 2024 pola incidencia de factores como a subida dos tipos de interese e a "dificultade" que levará para o consumo das familias ou os investimentos das empresas. Neste contexto, os seus responsables apelaron a captar o "talento".
Así se expuxo na presentación, no reitorado coruñés, do seu Anuario de 2023, no que figura unha entrevista coa vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo en funcións, Yolanda Díaz, que participou no acto a través dun vídeo.
Nel, argumentou que o Banco Central Europeo "segue un camiño equivocado". "A subida de tipos -- de interese-- non serve para reducir o prezo do petróleo e afecta á economía real", sentenciou nunha intervención na que dixo que os datos da EPA "demostran a eficacia do novo modelo laboral". Por todo iso, apelou, ao "diálogo social, á negociación e ao acordo".
CCOO
Comisións Obreiras de Galicia demanda abordar desde o diálogo social "políticas sectoriais propias" para potenciar o emprego en Galicia. Así o expuxo nun encontro co comisario europeo de Emprego e Dereitos Sociais, Nicolas Schmit, con motivo do cume de emprego que se celebra en Santiago.
Así o expresou a representante do sindicato no encontro, a secretaria de Emprego de CC.OO, Maica Bouza, quen lamenta que os fondos europeos chegados a Galicia "non sempre se destinou a conseguir os obxectivos de diversificación produtiva, consolidación de emprego e fixación de poboación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.