O BNG pide máis técnicos e unha web coas actas de inspección en residencias e insiste en investigar "filtracións"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo este venres unha reunión con representantes do sector das residencias e, tras o encontro, fixou algunhas reclamacións que levarán ao pleno da semana que vén.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2023 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo este venres unha reunión con representantes do sector das residencias e, tras o encontro, fixou algunhas reclamacións que levarán ao pleno da semana que vén. Entre outras, máis técnicos de inspección e unha web na que se recollan de forma transparente as actas das actuacións para que as familias poidan coñecer os centros nos que se decide ingresar a unha persoa en caso de ser necesario.

De feito, estes dous puntos forman parte da iniciativa que defenderá despois de que no pleno da semana pasada interpelase á conselleira de Política Social, Fabiola García, polas "filtracións" a centros sobre a realización destas inspeccións cunha antelación suficiente como para corrixir deficiencias, as cales a responsable da carteira social negou.

Con todo, a portavoz nacional do BNG recrimina á consellería que non abra unha investigación para coñecer o sucedido despois de que a asociación de inspectores denunciase estas filtracións e pediu "blindar", como así tamén recollerá a iniciativa, o sistema de inspección para que se evite ao máximo calquera información previa aos centros que van ser auditados.

"Estamos a falar duns feitos gravísimos, pero o PP mira para outro lado, nega os feitos e, ante as denuncias, opta por perseguir a quen as fai e non investigar", advertiu Pontón, quen defendeu as propostas "realistas e concretas" que a formación levará ao próximo pleno co fin de garantir "unha atención de calidade e o dereito a unha vellez digna".

MÁIS INSPECTORES

Ademais da investigación, o BNG propón incrementar o número de inspectores, xa que actualmente hai sete para 22.0000 usuarios para uns 950 centros. "Polo menos duplicalos, posto que a supervisión e control das residencias é clave para a seguridade das persoas maiores", apuntou Pontón.

A xuízo da deputada nacionalista, o PP "non quere que a inspección funcione e coloca os intereses das empresas por encima do dereito a unha vellez digna". Así, avisou de que ás denuncias deste verán hai que sumarlle as feitas polo propio persoal das residencias ou os usuarios, así como os informes do Consello de Contas, que en 2018 advertiu da escaseza de persoal, "deficiencias e danos" en instalacións, tras o que chegou a pandemia. Outra das propostas que fará o BNG é a de "blindar" o modelo de inspección contra filtracións, para o que propón recuperar un sistema polo que os profesionais deciden o día das visitas e comunican no momento de chegar á residencia.

TRANSPARENCIA E CLARIDADE

E co obxectivo de "alcanzar transparencia e claridade", o BNG pedirá que se cre unha web de acceso ao público coa información das actas e informes das inspeccións, así como das sancións impostas e as axudas que recibe cada residencia privada ou concertada. "Non é decente que o goberno do PP desprotexa aos nosos maiores nas residencias e se poña ao lado das empresas, moitas delas multinacionais controladas por fondos voitre desde paraísos fiscais ou por entidades relixiosas", denunciou Pontón, quen criticou que "despois de todo o vivido na pandemia sígase co mesmo modelo de residencias privatizando que fai negocio coa vellez".

Ademais, a dirixente nacionalista referiuse á "elocuencia" dos datos que indican que Galicia ten a porcentaxe de prazas públicas máis baixas de todo o Estado e que en 14 anos o Goberno do PP "non puxo en marcha nin unha soa residencia pública". "O único que fixo o PP é votar en contra da proposta de lei do BNG que tiña como obxectivo garantir unha vellez digna ás persoas maiores, calquera que sexan as súas circunstancias económicas e sociais", recriminou. O BNG insiste en que a "mellor opción" é que as persoas maiores gocen desa etapa vital nas súas casas, pero "cando non sexa posible, deben dispor dun modelo de residencias públicas capaz de garantir o dereito a unha vez digna", sentenza.

Reunión da portavoz do BNG, Ana Pontón, xunto a outros deputados e representantes do colectivo de residencias
Reunión da portavoz do BNG, Ana Pontón, xunto a outros deputados e representantes do colectivo de residencias | Fonte: BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta