Jácome comezará os trámites para adisolución do Consello Municipal de Deportes de Ourense

"O que fai falta é eliminar as duplicidades", concluíu o rexedor ourensán.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2023 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

O Concello de Ourense iniciará os trámites oportunos para disolver a finais deste ano o Consello Municipal de Deportes e integralo no propio Consistorio.

Así o anunciou, mediante comunicado, Gonzalo Pérez Jácome, o rexedor municipal da terceira cidade de Galicia, que entende que o organismo autónomo, responsable da xestión do deporte na cidade, "nunca debeu haberse disgregado" do Concello.

Para Jácome, "o razoamento é moi sinxelo". "Se cremos que o Consello Municipal de Deportes é máis operativo estando separado do Concello, tamén teriamos que ter separado Urbanismo ou Asuntos Sociais ou Infraestruturas", asegurou, antes de engadir que "teñen máis movemento e persoal que o propio CMD".

"DUPLICIDADES E SOLDOS EXTRA"

Nesta liña, considera "un sinsentido" telo disgregado porque, afirma, produce unha duplicidade de funcións. "Dobres presupostos, dobres estabilizacións, dobres RPTs, dobres regularizacións. O que fai falta é eliminar as duplicidades", concluíu o rexedor, quen di que esta integración "permitirá aforrar gastos e facer todo máis operativo". Ademais, reprobou que o CMD serve tamén "para pagar soldos extra non só aos políticos senón aos técnicos do Concello, que cando van ás reunións cobran por asistir".

REACCIÓNS DE PSOE E BNG

Tras o anuncio de Jácome, pronunciáronse tanto PSOE como BNG. Así, desde o Partido Socialista a portavoz municipal, Natalia González Benéitez, recrimina que este anuncio "fantasma" demostra que o alcalde "descoñece totalmente os estatutos do CMD" e tamén "denota o seu nerviosismo" e "a súa conduta errática".

A socialista lembra que nos estatutos do CMD recóllese a consideración do deporte como "dereito, saúde e ben cultural" e que o concello ten infraestruturas deportivas con instalacións, asociacións e entidades que aglutinan o deporte local nos seus máis diversos aspectos. É por iso que ademais, agrega, é o CMD o que se encarga de axilizar os diferentes procedementos e coordinar os investimentos "de modo eficaz desde fai tres décadas", desde o ano 1995.

Lembra, ademais, que o CMD só poderá extinguirse por acordo plenario ou a proposta do Consello Reitor mediante acordo por unanimidade e posterior acordo do concello con maioría absoluta dos seus membros, "non pola decisión unilateral e discrecional da Alcaldía". Así pois, critica este anuncio como "outra demostración de que non confía nas persoas ás que delega as áreas de goberno".

XESTIÓN "OPACA"

Na mesma liña pronunciáronse os nacionalistas, quen se mostraron contrarios á disolución do CMD e alertaron de que o alcalde "só tenta xestionar o concello de forma opaca e sen render contas á oposición".

"Pretende coartar o noso lexítimo dereito ao control e fiscalización da acción do goberno", asegurou o portavoz nacionalista, Luís Seara, quen defende o CMD como "un instrumento moi válido" por ter autonomía funcional, orzamento propio e capacidade de decisión, o que, asegura, permite axilizar procedementos e sacar adiante proxectos "que doutro xeito levaría moito tempo". Para o nacionalista "está claro" que o obxectivo "non é buscar unha maior operatividade, senón acaparar o poder e limitar a capacidade da oposición".

Sinala que, "se o problema son as dietas por asistencia", desde a súa formación propoñen a eliminación tanto para os membros da Corporación como para os técnicos que formen parte do Consello Reitor. Así mesmo, o BNG advírtelle ao PP que ten "dúas opcións", permitir a Jácome "que faga e desfaga sendo mera comparsa" ou "porlle fin ao esperpento".

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta