Fraudes, morosos e discriminacións LGTBi... casos para o cento de detectives privados que exercen en Galicia

Dende coñecer o dono dunha finca ata procurar un familiar, calquera cousa susceptible de ser investigada pódese encargar a un detective privado, segundo conta Mario Paul Ziegler, presidente do Colexio de Detectives Privados de Galicia. A súa actuación está actualmente regulada pola Lei 1/2014 sobre seguridade privada, que acota o marco no que poden actuar e as ferramentas a empregar.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 05/10/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cando falamos de detectives privados a todos se nos vén á cabeza o icónico Sherlock Holmes, coa súa lupa, buscando pistas para resolver crimes. A figura destes profesionais foi durante moito tempo mitificada pola gran pantalla, o que fixo que nun determinado momento xa non se puidese saber se a profesión como tal existía de verdade ou non. Dende Galicia Confidencial xa che aseguramos que si, pero non como nolo teñen contado. Da man de Mario Paul Ziegler, presidente do Colexio de Detectives Privados de Galicia (CODEGA), achegámonos a esta figura.

Detective privado
Detective privado | Fonte: Commons

En concreto, na nosa rexión actúan aproximadamente 100 detectives, divididos en diversas axencias ou ben traballando de forma independente, como autónomos. Para chegar a selo non chega con ter esa suspicacia e astucia que se lle presupoñen aos detectives, senón que hai que pasar pola universidade. "En España, e en Galicia por suposto, os detectives fórmanse na universidade, e precisan de tres cursos que inclúen un total de 180 créditos ata a obtención do diploma", explica o presidente do CODEGA. Ademais, para poder exercer, deben demostrar despois ante o Ministerio do Interior que non teñen antecedentes penais.

Entre os casos máis comúns de ser investigados, e lonxe do que poida pensarse, hai cousas de todo tipo. Non só se trata de traballos para mutuas, compañías de seguros ou persoas que queren descubrir se a súa parella lles está sendo infiel. Ziegler cóntanos varios casos reais que se lle presentaron na consulta. Entre eles, a busca dun propietario dunhas fincas, pois un inversor quería mercar uns terreos que lle gustaban e descoñecía quen era o propietario real dos mesmos para poder negociar con el a compra e construír neles unha casa rural. 

Outros casos están relacionados coa investigación xenealóxica, por exemplo, para persoas que queren obter a nacionalidade española e son descendentes de emigrantes, algo moi habitual en Galicia, onde moita xente no século pasado tivo que emigrar a América e agora os seus descendentes queren volver a España. Tamén investigacións sobre paternidade se fan moitas, así como a búsqueda e localización de familiares cos que non se ten contacto dende fai moito tempo ou que residen no estranxeiro. Esta sería unha parte bonita da profesión.

Logo claro, como evidencia Ziegler, tamén están os coñecidos fraudes de todo tipo: de seguros, laborais... Mesmo se contratan detectives privados para realizar contravixilancias: "Unha persoa detecta que está sendo seguida por outra que non é detective (pois só os detectives están autorizados dentro do marco legal para realizar seguimentos, cuns límites para poder actuar), por motivos coñecidos ou descoñecidos, entón facemos un exercicio de confirmar se esa persoa está facendo controis ilegais, pois ás veces poden ter a consideración de acoso; e con esa proba que lle entregamos ao cliente nun informe, este ten a posibilidade de que a denuncia saia adiante, porque a súa declaración ou unha grabación realizada co seu móbil pode que non sexa suficiente para buscar a condena, pero a nosa investigación si".

Detective privado
Detective privado | Fonte: Commons

Entre outros asuntos, tamén os detectives privados levan temas de comunidades de propietarios que teñen queixas porque hai algún piso ou local que causa molestias. E, máis recentemente, os colectivos LGTBIQ+ tamén encargan aos detectives casos de discriminación. Na liña da modernidade, tamén as investigación informáticas están en auxe, de feito, nas axencias hai expertos integrados que realizan este tipo de investigacións. "Calquera cousa que precise ser probada é susceptible de ser encargada a un detective privado e será unha proba que conte con maiores garantías de ser aceptada polo tribunal e como fundamentación para a sentencia", conclúe Ziegler.

ONDE SE PODE GRAVAR E ONDE NON?

Dentro dos elementos que están permitidos e os que non tamén existe moito tabú. O tema dos bolígrafos con cámara integrada ou os láseres de apuntamento son cousa das películas. Iso si, de existir, como recoñece Ziegler, "ningún elemento en si está prohibido, salvo que se use para atentar contra a intimidade ou contra os dereitos fundamentais da persoa investigada". Neste senso, confirma que o que a lexislación prohíbe é a súa mala utilización, non o aparato en si. Por iso os detectives dispoñen dun marco legal ao que deben axustarse e que deben respectar, sexa cal sexa o medio usado.

O que si recoñece o presidente do CODEGA é que hoxe por hoxe, como sucedeu en moitas outras profesións, os detectives gozan de medios tecnolóxicos que antes non tiñan e que lles facilitan enormemente o seu labor. "Fai 25 anos, cando non existían teléfonos móbiles, ou estes eran cacharros inmensos (aínda recordo o primeiro que tiven, que parecía un maletín), usábanse walkie-talkies e cabinas telefónicas", expón. E non fai tanto diso.

Recorda que "na facultade o profesor dos cursos de detective sempre nos dicía que tiñamos que levar moedas soltas para poder chamar por teléfono, por se había que chamar á axencia ou comentar algunha novidade que xurdira a través da cabina de teléfono". "Iso cambiou moito e, afortunadamente, o teléfono móbil sírvenos como a todo o mundo, para comunicarnos dunha forma áxil", conclúe.

Con todo, unha vez máis, é importante coñecer onde están os límites no uso deste aparellos. Como explica Ziegler, os detectives privados tamén dispoñen de cámaras con moitas prestacións, cámaras dixitais de todo tipo, cámaras ocultas... "Pero hai que ter moi claro o que se pode gravar ou fotografar". Por iso é tan necesaria a formación xurídica neste campo. A modo de exemplo, asegura que segundo dicta a xurisprudencia, "pódese filmar en espazos públicos, na rúa ou na vía pública, pero nunca nun domicilio particular, ou en zonas reservadas, baños, vestiarios... Todo o que se considera ámbito privado", explica.

Mais aínda que non se poidan captar fotografías neses espazos privados, o que si pode facer o detective, como apunta Ziegler, é actuar, realizando algún tipo de xestión ou indagación. "A evolución da profesión foi parella á evolución dos medios técnicos e do recoñecemento legal, e témonos que ir axustando ao que vai sucedendo, porque a vida sempre vai por diante do que temos", de feito, "esa versatilidade é unha das características máis importantes do detective, xunto á observación e á discreción, é dicir, á capacidade para gardar ben o segredo, o que supón unha garantía fronte ao cliente e fronte a calquera cidadán". Así, afirma que "as nosas investigacións sempre son reservadas, outra cousa é que cando chegan á autoridade xudicial e cobran unha certa relevancia, teñan que ser presentadas nun informe ante o xulgado". 

DENDE O SÉCULO XVIII HAI DETECTIVES

Saber a cando se remonta a profesión non resulta tarefa sinxela, pois "realmente detectives, entendendo estes como investigadores privados, podemos rastrexalos ao longo da historia dende sempre". Con todo, Ziegler expón que a creación oficial da profesión realizouse a finais do século XVIII. Nesa época, o primeiro detective privado, un clásico da historia que pertencera á policía segreda francesa, funda a primeira axencia de detectives, e trasládaa tamén ao outro lado o océano, a América, onde verdadeiramente se desenvole todo o potencial dos investigadores privados: Alan Pinkerton e a súa axencia homónima.

Aínda que figuras como a de Sherlock Holmes, como concede o presidente do CODEGA, "xa reflexaban a existencia de detectives privados en épocas nas que se contaban esas historias". En España, dende logo, admite que foi no século XIX e sobre todo no XX cando tivo lugar a creación seria das primeiras axencias de investigación, que nun principio recibiran o nome de axencias de información. Na actualidade, explica Ziegler, "estamos nun momento moi bo para a profesión, pois temos moitas máis ferramentas e unha lexislación que nos regula".

Ademais, grazas ao maior coñecemento que existe das posibilidades da investigación privada, a demanda de detectives privados tamén é maior. "Vivimos nunha sociedade na que a información é fundamental para tomar decisións e isto é un cambio de mentalidade que conleva que moitos dos resultados obtidos polos detectives, en canto a información e probas, estean máis no punto de vista das persoas que poden resolver estes problemas, véxase policía ou xuíces", apunta Ziegler.

De feito, asegura que "a nivel xudicial os tribunais cada vez son máis abertos a que as probas aportadas polos detectives sexan tomadas en consideración, sendo probas que non se poden conseguir de ningunha outra maneira, por iso temos un recoñecemento xurisprudencial como testigos cualificados, unha posición equiparable á dos peritos ou expertos". 

A xurisprudencia do Tribunal Supremo xa viña dende os anos 70 ou 80 do século pasado reflexando esta figura concreta do testigo cualificado, pero a medida que se foi desenvolvendo a lexislación sobre detectives, foise desenvolvendo tamén a profesión. E dentro dos fitos logrados na lexislación sobre detectives está a consecución dunha lei que regula toda a actuación dos mesmos, a lei 1/2014 sobre seguridade privada.

Reproducción dun hipotético seguemento dun detective
Reproducción dun hipotético seguemento dun detective | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta