Sabes cales son os perigos de consumir cánnabis na adolescencia? (Parte II)

"Non somos quen de explicarlles aos rapaces que ata os 25 anos non poden tocar todo iso (porros, alcol, tabaco...), pois aínda que a partir de aí tampouco deberían, o dano que se van facer é moitísimo menor", advirte Manuel Isorna, experto en drogodependencia e profesor na UVigo. Só na cidade de Nova York aténdense en urxencias máis de 6.000 casos ao ano por consumo de cannabinoides sintéticos e antes da pandemia, o consumo de cánnabis estaba entre as urxencias máis atendidas, chegando ao nivel da cocaína.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 03/10/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O consumo de drogas ilegais por parte da poboación moza é, por desgraza, algo innegable a día de hoxe. A máis habitual, sen lugar a dúbidas, é o cánnabis, que de feito é considerada como unha substancia inocua para a saúde por parte de moita xente. Quen non cheirou ese olor tan característico da marihuana algunha vez nun lugar público (bar, festival, parque...)? O cánnabis xa está presente nas nosas vidas, pero as súas verdadeiras consecuencias quizais non cheguen ata dentro duns anos. Esperemos que non sexa tarde para poñerlle freo. Da man de Manuel Isorna, experto en drogodependencia e profesor da UVigo, afondamos máis no tema.

Mozos fumando porros
Mozos fumando porros | Fonte: Pixabay - Arquivo

Actualmente, un lugar de consumo frecuente desta substancia son os festivais. Energy Control é unha empresa que se adica a acudir a grandes eventos como concertos e festivais para montar os seus 'stands' e animar aos mozos que van a consumir algún tipo de droga a levarlles unha mostra para analizala químicamente e saber verdadeiramente que é o que se van meter. En Galicia esto fíxose, por exemplo, no Son do Camiño. E os resultados obtidos son que a meirande parte das mostras analizadas tiñan unha cantidade de THC (o cannabinoide que 'coloca', con efectos psicoactivos) de entre un 11 e un 15 %, e moitas outras de entre un 20 e un 25 %. "Non é de baixa calidade o cannabis que se consume en España", conclúe Isorna.

No ano 2019, segundo expón o profesional, solicitaron tratamento por dependencia en España 14.202 persoas. "Pero todos os que traballamos en condutas aditivas sabemos que ese dato non é real, está moi infravalorado, pois se ti tes un fillo con problemas co consumo de drogas, adicto ao cannabis, aos porros, lévalo á privada, para que non quede constancia no seu historial médico, porque iso non aparece rexistrado en ningún sitio", explica Isorna. Así, desas 14.000 persoas dependentes, 10.000 acudiran por primeira vez ao médico, pero case 3.000 xa eran reincidentes, é dicir, tiveran unha recaída, o que evidencia que "o cánnabis é unha droga con importantes propiedades a nivel de dependencia". "É unha droga que chegou para quedarse", afirma o profesor da UVigo. Por desgraza, a maior parte dos xóvenes considera que os porros non xeran adicción, polo que cren que o seu consumo é relativamente seguro. 

PORTA DE ENTRADA INVERSA: DOS PORROS AO TABACO

O certo é que a perigosidade xa non só está no consumo de cánnabis, senón que este adóitase producir vinculado ao consumo de tabaco. "O 90 % dos fumadores de cánnabis mézclano con tabaco", afirma Isorna, que asegura que isto é o que se coñece como 'porta de entrada inversa'. "Tradicionalmente o consumo de substancias sempre seguiu unha orde moi clara: tabaco, alcol e cánnabis, e de aí á cocaína, heroína ou o que fose e, aínda que non todo o mundo que empezaba co tabaco remataba na heroína, o habitual era que ao revés si, é dicir, que todo o mundo que remataba na heroína empezaba polo tabaco", expón.

Fumando cannabis
Fumando cannabis | Fonte: Chmee2 en Wikipedia - Arquivo

Mais, hoxe por hoxe, "cando se lle pregunta aos mozos se cren que é perigoso fumar tabaco, eles din que si, por iso fuman porros, porque din que é máis sano", explica o profesor da UVigo. Deste xeito, afirma que "unha parte importante continuarán fumando porros, uns acabarán en centros de tratamento, outros acabaran abandonando o consumo cando comecen a ter responsabilidades na súa vida, pero unha parte moi importante van ter o que se coñece comúnmente como 'malos rollos', que veñen a ser pequenas ideas autoreferenciais sobre que eu son unha persoa e a miña alma vai por aí fóra vagando sen eu moverme, trastornos disociativos, brotes...". 

É nese preciso intre, cando comezan a notar que o cánnabis lles prexudica, por ser demasiado forte, cando nos porros van botando menos cantidade de marihuana e máis de tabaco. Deses, unha parte importante abandona os porros e remata por pasarse ao tabaco. "Isto é algo que non pasara nunca na historia, e por iso a industria do tabaco tamén está detrás, porque lle interesa apoiar á industria da marihuana", amósase convencido o profesional.

Esta circunstancia da mezcla de tabaco con cánnabis é propia de España e de Europa, pois en Estados Unidos o habitual é fumar cánnabis só. Por que aquí se mezcla? Hai varias razóns, como apunta Isorna: por unha parte o tabaco leva benzeno entre os seus compoñentes, o que facilita a combustión e que se manteña sempre aceso sen necesidade de aspirar continuamente; por outra, polo sabor, porque fumar 'un verde' pode ser demasiado forte para algunhas persoas e o tabaco suaviza; e, sobre todo, por un tema económico: un gramo de marihuana custa 5 euros, cun gramo só se poden facer uns catro porros, pero mezclado con tabaco, da para o dobre, para oito. 

O THC É QUEN DE ENGANAR AO CEREBRO

Entón, chegados a este punto, podemos dicir que os mozos están equivocados ao considerar a marihuana coma unha substancia inocua para a saúde? Dende logo, si. Indo ao terreo da anatomía do noso corpo, a actuación do THC sobre o cerebro é bestial. As neuronas non están pegadas unhas coas outras, senón que para poder transmitir impulsos entre si precisan de transmisores, que cando o THC actúa, non queren ser recaptados pola outra neurona e impiden ter periodos refractarios.

Isorna explícao cun exemplo: "Cando se lle dí 'Francia' a unha persoa, esta comeza a pensar na torre Eiffel, en París... Acto seguido díselle 'Londres' e pensa no Big Ben, no London Eye... Vanse activando estruturas e van xurdindo as ideas, pero cando o sistema de recaptación é incorrecto, non volven todos os neurotransmisores, hai un mal funcionamento do sistema nervioso e as estruturas mentais funcionan mal, polo que non xurden esas ideas, como lle pode pasar a unha persoa con Alzhéimer".

Así, o THC é quen de actuar sobre un montón de funcións. É quen de simular que é un deses transmisores empregados polo cerebro para transmitir información dunha neurona a outra, enganándoo. Entón, por que non se dan mortes por marihuana? O profesor da UVigo explica que "é no bulbo raquídeo onde se regula o corazón, por exemplo, e nel non hai receptores, polo que o THC non pode actuar". Pero si o fai sobre o sistema límbico, que é aquel que se relaciona coa personalidade, os trastornos e a forma de ver a realidade; sobre o cerebelo, encargado da condución das máquinas, como os coches; e sobre o hipocampo, onde está a memoria". 

A IDADE DE CONSUMO CADA VEZ É MÁIS BAIXA

Así as cousas, o gran problema agora está no comezo do seu consumo, que cada vez se dá en idades máis temperás: entre os 12 e os 14 anos. Como explica Isorna, é nesa época cando se maduran as áreas subcorticais do cerebro, que son determinantes para xestar a personalidade. Máis adiante, entre os 15 e os 17, desenvólvense as áreas corticais, que se encargan do pensamento e do razonamento. "Se introduzo substancias, como o cerebro é tan plástico na infancia e na adolescencia, esas áreas non se desenvolveran de forma correcta", afirma, e engade, apenado, que "non somos quen de explicarlles aos rapaces que ata os 25 anos non poden tocar todo iso (porros, alcol, tabaco...), pois aínda que a partir de aí tampouco deberían, o dano que se van facer é moitísimo menor". 

Só na cidade de Nova York aténdense en urxencias máis de 6.000 casos ao ano por consumo de cannabinoides sintéticos. "Normalmente chegan con brotes psicóticos, os enfermos cren que lles van facer dano e póñense moi agresivos co persoal sanitario e a policía, ese é o cadro habitual", afirma Isorna, que tamén detalla que no caso de Galicia, están desenvolvendo unha investigación sobre augas residuais. Tamén se atoparon con cannabinoides sintéticos en festivais: "No Son do Camiño atopamos sobres de cannabinoides sintéticos, non chegan ao 1 % os mozos que os consumen, pero si os coñecen", alerta. Cabe recordar que os cannabinoides sintéticos modificáronse para lograr que tivesen maiores concentracións de THC, a substancia que 'coloca'.

Por outra banda, no que respecta á influencia do consumo sobre o rendemento escolar, esta tamén é moi evidente. Segundo o último informe ESTUDES realizado entre mozos de 14 a 18 anos, os que afirman que consumen cannabis suspenden nun 44 %, mentres que os que non fano nun 28 %. Cando se lles pregunta polas notas, os que consumen sacan sobresaíntes nun 26 % e suspenden nun 13 %, mentres que os que non consumen sacan sobresaíntes nun 41 % e suspenden nun 6 %. 

O CÁNNABIS, DETERMINANTE NO DESENVOLVEMENTO DA ESQUIZOFRENIA

Tamén están aflorando cada vez máis problemas de consumo entre mulleres embarazadas. "En Estados Unidos, Canadá e Uruguai, onde está legalizado o consumo de marihuana, a industria dilles ás mulleres embarazadas que teñen vómitos e ansiedade que o consumo desta substancia pode axudarlles a controlalos, o cal está disparando as cifras de adiccións e todo o que iso conleva para o desenvolvemento do feto", advirte o experto.

E, xa como o acabose, están os problemas de esquizofrenia que, sen o consumo de porros, en moitas persoas non se terían desenvolvido. En concreto, hai un xen que é o responsable de limpar o espacio psináptico, ese espazo entre neuronas. Grazas a el temos consciencia da realidade e, como exemplifica Isorna, "non cremos que un grupo de marcianos nos vai levar a Marte na súa nave espacial para experimentar con nós". A día de hoxe hai 48.000 persoas diagnosticadas de esquizofrenia no mundo. 

Un estudo xenético demostrou que se eu teño os pares 'met-met' dará igual que consuma ou non porros, que non vou desenvolver nunca esquizofrenia; pero se teño a variable 'val-met', o consumo de cánnabis pode facerme desenvolver esquizofrenia, ou non; pero coa variable 'val-val', é prácticamente total a certeza de que a persoa si vai desenvolver esquizofrenia. O mesmo pasa con outros xenes. Así as cousas, "antes de aparecer a pandemia, nas urxencias hospitalarias o consumo de cánnabis estaba entre as máis atendidas, chegando ao nivel da cocaína", conclúe Isorna.

CDB, cannabis
CDB, cannabis | Fonte: Remitida - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Manuel Restreba

E as drogas legais -medicamentos-, que pasa, non producen en determinados casos dependencias e mortes. Ademáis de ser un negocio multimillonario protexido por moitos estados e os seus estamentos privilexiados, que non deixan de ser outras mafias.