Galicia pedirá explicacións este mércores ao secretario de Estado de Transportes polo atraso nos trens Avril

O PP cualifica de "triste noticia" e o PSdeG subliña que debe primar a seguridade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2023 | Actualizada ás 13:29

Comparte esta noticia

A Xunta demandará este mércores explicacións ao secretario de Estado de Transportes, David Lucas, ante o novo atraso na posta en funcionamento dos trens Avril en Galicia, que non se producirá ata o primeiro trimestre de 2024. En declaracións difundidas polo Goberno galego aos medios este luns, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, expresou o seu malestar polos novos cambios no calendario de posta en funcionamento dos trens que permitirán a extensión da liña de alta velocidade ao resto de Galicia.

"O certo é que non sabemos se será o último e por iso o Goberno de España debe dar explicacións", remarcou Vázquez, que levará este asunto ao encontro co secretario de Estado que se producirá este mércores, onde pedirá ao Executivo central que traslade "un calendario". Así, pide "claridade" sobre o momento en que empezarán a circular o material rodante de ancho variable e achega do número de frecuencias que se implantarían. Ethel Vázquez cre que o Goberno debe clarificar se existen "causas sobrevevenidas" que xustifiquen este novo atraso "que os galegos teñen que asumir".

PP: "TRISTE NOTICIA"

Tamén este luns, o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, asegurou que "a triste noticia" dos "sucesivos anuncios de atrasos na chegada dos trens Avril por parte do Ministerio é que xa non son noticia". O dirixente popular sostivo que a "credibilidade" do Executivo estatal en funcións neste asunto é "cero".

Arquivo - Talgo, tren AVE 'Avril'. TALGO - Arquivo
Arquivo - Talgo, tren AVE 'Avril'. TALGO - Arquivo | Fonte: Europa Press

"Vánsenos dicindo datas sucesivas, a realidade é que cada compromiso do goberno foi un compromiso incumprido", manifestou. Fronte a iso, esperou que o Goberno do Estado "se tome" a chegada destes trens "en serio". "Isto xa resulta unha tomadura de pelo que os galegos non van esquecer e que, desde logo, non creo que se merezan", afirmou.

O PSDEG DI QUE DEBE PRIMAR A SEGURIDADE

Pola súa banda, a viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Begoña Rodríguez Rumbo, sostivo que se trata dun "atraso dun mes" e subliñou que os socialistas non están dispostos a renunciar ás cuestións de "seguridade". Ademais, criticou que o Goberno do PP poña o foco no "incumprimento" dos prazos e lembrou as promesas dos populares en relación á Autovía da Costa da Morte, que aínda non se finalizou ou en relación ao AVE a Lugo. "A realidade é que cando gobernan os socialistas, o AVE chega a Galicia e, neste caso, o Goberno do Estado quere acabar canto antes e que cheguen os trens Avril, pero en termos de seguridade e con todas as probas feitas", dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta