Cambio de alcaldesa en Vilalba

Elba Veiro volve ao seu posto de médico no centro de saúde da localidade. O Grupo socialista propón ao número dous, Marta Rouco, como candidata a tomar o bastón de mando.

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 02/10/2023 | Actualizada ás 20:18

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Vilalba, a socialista Elba Veleiro, renunciou á súa acta no último pleno ordinario da corporación, no que informou de que volverá ao seu posto como médico no centro de saúde da localidade.

A rexedora logrou converterse tras as eleccións de 2019 na primeira alcaldesa muller na democracia deste municipio lucense tras selar pactos con Vilalba Aberta. No pleno, Elba Veleiro asegurou que chegou o momento de "pór fin" á súa traxectoria política despois de 16 anos. "Teño que comunicar que hoxe entrego a miña acta e poño fin ao meu mandato de alcaldesa", sostivo.

A rexedora explicou que se trata dunha decisión "tomada coa serenidade, a reflexión e a tranquilidade que dá o traballo feito e a satisfacción de entregar o mellor de si nestes anos". Entre os motivos que esgrimiu, destacou cumprir as responsabilidades que asumiu ao comezo da súa andanza, ao conseguir dúas alcaldías progresistas. Ademais, trasladou o seu desexo de terminar a súa vida laboral no centro de saúde. "Xa sabedes que desde finais do ano pasado ninguén cobre a miña cota de pacientes", sinalou para subliñar que a súa prioridade sempre foi "servir ás persoas".

SUBSTITUCIÓN

Noutro comunicado, os socialistas de Vilalba apuntan que a proposta do Grupo Municipal Socialista sinala á actual secretaria de organización da Agrupación e segunda tenente de alcaldesa, Marta Rouco, para coller a substitución na alcaldía, unha cuestión que sinalan que foi ratificada por unanimidade pola executiva local.

Os socialistas destacan que sitúan ao número dous nos pasados comicios electorais como a responsable de asumir o bastón de mando "pola súa capacidade de xestión, experiencia na administración local e coñecemento da realidade social vilalbesa". Con esta decisión, indicaron que o PSOE asegura a continuidade da acción política progresista no concello, "sempre coa perspectiva de alcanzar as mellores condicións de vida para a maioría das persoas".

Marta Rouco, natural de Goiriz, é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola USC, cun máster en Administración Financeira e Tributaria expedido pola mesma universidade.

RECOÑECEMENTO DO PSOE PROVINCIAL

Pola súa banda, o PSOE provincial trasladou a Europa Press que respecta a decisión da rexedora de incorporarse á súa profesión antes de xubilarse para finalizar a súa traxectoria laboral. A dirección provincial puxo en valor que Elba Veleiro conseguiu para o PSOE a alcaldía de Vilalba, un cargo que conseguiu revalidar, "demostrando a súa valía como xestora".

"Desexamos toda a sorte na súa vida persoal e profesional e esperamos que siga participando na vida do PSOE e do concello, que é un activo moi importante", sinalou.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro Fernández, asinan o convenio para o FIV
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro Fernández, asinan o convenio para o FIV | Fonte: Deputación de Lugo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta