Aberta unha investigación para averiguar se houbo ou non filtracións nas datas das inspeccións a residencias

O proceso inclúe ao persoal que o denunciou publicamente, pero a Administración matiza que é porque engloba "a toda a Inspección".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2023 | Actualizada ás 20:10

Comparte esta noticia

A Xunta abriu unha investigación sobre se, tal e como denunciou nun comunicado en agosto a Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais (Agiss), houbo ou non filtracións a empresas de residencias de maiores sobre as datas e horas nas que ían ter unha inspección.

A Consellería de Política Social e Xuventude, á que apuntaba directamente este colectivo, negou desde o principio que avisase aos centros destas visitas. Este xoves, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ratificou que hai un procedemento en marcha para dar "transparencia" a esta cuestión.

Nos últimos días, o departamento que dirixe Fabiola García citou a varios funcionarios no marco desta investigación. As pescudas tamén inclúen aos autores do comunicado no que se denunciaban os feitos, o que centrou as novas críticas de Agiss. Fontes da Xunta recoñecen que está en marcha este procedemento, tamén a estas persoas. Con todo, matizan que se está investigando "a toda a Inspección" e que non hai ánimo de "perseguir" aos que alertaron das supostas filtracións.

Este xoves, ao ser preguntado respecto diso na súa comparecencia posterior á reunión semanal do seu Executivo, o presidente explicou que o proceso busca "saber exactamente o que pasou e se hai persoas responsables". "O que quere a xente é que investiguemos de modo amplo", dixo. En todo caso, Alfonso Rueda suxeriu que "quen non sexa responsable de ningunha conduta non adecuada cos seus deberes como funcionario público, non ten que ter absolutamente ningún problema".

Unha familiar dun usuario do centro, na porta da residencia das Gándaras, a maior de Lugo
Unha familiar dun usuario do centro, na porta da residencia das Gándaras, a maior de Lugo | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta