Unha de cada catro mulleres maltratadas xa padece ou chegará a padecer unha discapacidade a causa do maltrato

Moitas mulleres non se animan a denunciar unha situación de violencia de xénero por "medo a ser xulgadas" e precisan apoios para chegar a facelo. O libro 'La Voz del Coraje' conta catorce historias de superación entre as que se recollen testemuños de galegas.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 12/10/2023 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Acabar coa violencia de xénero non se reduce só a conseguir que as vítimas denuncien e a que as forzas da orde apresen ao agresor, senón que tamén pasa polo apoio que hai que brindar a estas mulleres, que pasaron por una situación nas súas vidas que ninguén está exento de vivir. E, sobre todo, o máis importante é non xulgar a quen xa está sendo xulgada, por un maltratador. Esa é a mensaxe que trata de trasladarse no libro 'La Voz del Coraje', no que catorce mulleres con discapacidade alzan a súa voz para contar a súa historia de superación persoal e como foron quen de saír do maltrato.

Manifestación contra a violencia de xénero
Manifestación contra a violencia de xénero | Fonte: Javier Vázquez - Arquivo

As mulleres  que presentan a súa voz no libro forman parte do proxecto 'Mulleres en Modo ON VG', iniciativa de Inserta Empleo e Fundación ONCE, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, que pretende que as mulleres con discapacidade que sufriron violencia de xénero recuperen as rendas da súa vida a través da formación e do emprego. En palabras de Ana Pilar Cruz, directora do proxecto, o libro é "un espazo para poñer voz e rostro a estas mulleres valentes", para servir de exemplo a outras que estean na súa mesma situación e para implicar á sociedade na loita contra esta lacra.

Cada un dos seus testemuños, en palabras de Esther Peñas, periodista escritora deste libro a partir das entrevistas mantidas con cada unha destas mulleres, "fálanos da maldade do ser humano, da incomprensible capacidade dunha persoa para non apiadarse da dor allea". E tamén "da valentía, o empuxe e a capacidade de atopar a forza cando todo está en contra, para saír dun territorio do que semella que non hai escapatoria, aínda que si a hai". "Desde fóra semella fácil, pero un maltratador dinamita a autoestima das súas vítimas, facéndoas crer que non valen nada e que nada poden", recorda.

Esta xornalista tamén reflexiona sobre a necesidade de ter presentes os diferentes tipos de violencia de xénero: "Unha bofetada ou unha paliza son actos moi claros de violencia de xénero, pero hai outros exemplos máis sutís con efectos tan tráxicos como a violencia física: vexacións verbais, insultos, violencia económica (un maltratador que non pasa o sustento aos seus fillos ou que compromete á vítima con préstamos usando os cartos como chantaxe), acoso laboral (abuso de compañeiros ante persoas con enfermidades mentais) e moitas outras formas".

Estas catorce mulleres serven de exemplo para moitas outras que tratan de saír do seu pesadelo e aínda teñen un camiño que percorrer por diante, pois demostran que si se pode saír e que si hai un futuro, como reivindica Beatriz Gallego Nieto, responsable de Inserta Empleo en Galicia. Na mesma liña, Virginia Carracedo, secretaria xeral e diretora de Transformación, Excelencia e Igualdade de Fundación ONCE e secretaria xeral de Inserta Empleo, cre que xa é hora de dicir 'non' ao que está a suceder: "Ata este momento no que vai de 2023 xa morreron 50 mulleres vítimas de violencia de xénero (un total de 1.250 dende o ano 2003), máis que en 2022, aínda cando se aproxima o Nadal, data na que adoita incrementarse esta lacra, polo que superaremos este número".

Muller dicindo 'non' á violencia de xénero
Muller dicindo 'non' á violencia de xénero | Fonte: Commons

O 27 % DAS MULLERES CON DISCAPACIDADE SUFRIU VIOLENCIA DE XÉNERO

Do total de mulleres vítimas de violencia de xénero, "case o 25 %, seguramente (unha de cada catro), ou mesmo máis, ou ben teñen unha discapacidade ou ben a adquirirán se non morren antes a man das súas parellas", advirte Gallego Nieto, que lamenta que a alternativa para elas teña que ser "ou morrer ou ter unha discapacidade". Por iso, este proxecto trata de que esas secuelas psicolóxicas se borren. "Nunca debería ser á vítima á que se esixan as probas, como se fai, porque xa bastante sufrimento ten como para ter que demostrar que ela non é a culpable do que lle acontece", afirma.

No caso das mulleres con discapacidade esta demostración aínda é máis esixida. "Se tes unha discapacidade intelectual e non sabes explicarte ben xa dan por feito que o que estás a contar é falso", lamenta a secretaria xeral e diretora de Transformación, Excelencia e Igualdade de Fundación ONCE. Para que iso non pase os referentes son moi necesarios, ao igual que os ciclos de recuperación, pois estas mulleres só lograrán saír desa desgraza se conseguen ter un emprego que as dote de autosuficiencia económica, empoderamento e autodeterminación...

Os datos da macroenquisa de violencia contra as mulleres elaborada polo Instituto Nacional de Estadística (INE) amosan que o 27 % das mulleres con discapacidade sufriu violencia física ou psquícia dalgunha parella durante a súa vida; mentres que a porcentaxe naquelas mulleres que non padecen discapacidade redúcese ata un 13,8 %. Deste xeito, todas as mulleres do primeiro grupo están a sufrir unha triple discriminación: por ser muller, por ser discapacidade e por ser vítima de violencia de xénero (pola forma en que teñen que soportar que as mire parte da sociedade).

O PROXECTO 'MULLERES EN MODO ON VG' EMPREGOU A 75 GALEGAS DENDE 2020

A nivel laboral, o proxecto 'Mulleres en Modo ON VG' conseguiu empregar dende 2020 ata hoxe a nivel nacional a 700 mulleres, e chegou a atender a 2.200. En Galicia, foron atendidas un total de 206 mulleres e lográronse 75 contratacións. "Estas mulleres loitan para facer das empresas un lugar mellor", afirma Gallego Nieto, xa que teñen un "talento diverso, enriquecedor, e unha resiliencia e poder de superación moi de valorar nesta época na que as 'soft skills' están tan de moda entre os responsables de emprego, pois estas mulleres 'soft skills' teñen para dar e regalar, e o seu é un talento que non se pode desperdiciar", reflexiona.

Cando as mulleres chegan a Inserta Empleo pedindo axuda, segundo explica Elisabet Lameiro, unha das técnicas especializada na atención a mulleres con discapacidade dentro do proxecto, explica que se lles fai unha entrevista, porque "aínda que todas teñen certos factores semellantes, cada caso é único, cada muller está nun proceso diferente do seu ciclo de recuperación" e, polo tanto, ten que atenderse de xeito diferenciado. "O máis importante é o desenvolvemente persoal", na súa opinión, porque "conseguir un traballo pode ser máis ou menos sinxelo, pero se ti unha vez que o estás non estás en circunstancias de mantelo no tempo a longo prazo non serve de nada, así que nós dámosche as ferramentas para que poida mantelo no tempo".

Ademais, Elisabet Lameiro asegura que no seu traballo habilidades como a empatía, a escoita activa e o non xulgar xamais a situación dunha muller, porque non se ten nin idea de cal é o fondo do asunto, son básicos. E por parte da muller atendida, asegura que resulta fundamental que esta "teña esas ganas de saír da situación, porque senón non terá ningún cambio, débese ir pouco a pouco avanzando na liña de empoderamento total, e cada pequeno paso que se dá é un logro que abre as portas a un futuro no que se enfoquen as cousas doutra maneira".

HAI UN PERFIL DE MALTRATADOR? E DE VÍTIMA?

A gran pregunta é: hai un perfil de maltratador e un perfil de vítima? O certo é que non. Tal e como explica esta técnica orientadora, "hai moitos estereotipos, pero é realmente algo que pode ocorrer a calquera persoa en calquera situación", xa que "mesmo dentro da familia aguantamos certos comportamentos tóxicos e non cortamos lazos porque parece que temos que aguantalos polo simple feito de ser familia". Na súa opinión, "isto é algo educacional, e un maltratador é unha persoa 'normal' cuxa educación non foi a correcta, foi tóxica e exerce un patrón de violencia e supremacía sobre as mulleres". No tocante ás mulleres, tamén cre que "calquera pode chegar a caer nisto, pero tendo as ferramentas, a educación adecuada e coñecéndose a unha mesma, pódense marcar os límites, sendo moi importante tamén o grupo de apoio familiar, de amigos ou de outro tipo de entidades".

Finalmente, Carlos Fernández Lamigueiro, presidente do Consello Territorial de ONCE en Galicia asegurou que "está claro que temos un problema importante, porque nos parece que o mundo avanza para ben, pero hai aspectos nos que non é que retrocedamos, senón que volvemos á marca de saída", como é o caso da violencia de xénero. "Todos somos coñecedores das cifras, pero eses datos son só a punta do iceberg e aínda que o que queda son as estadísticas, débese traballar na orixe", porque "cando les e ves que estas circunstancias de violencia e maltrato cada vez afectan a persoas máis novas remóveseche a conciencia e pensas que hai algo que, como sociedade, estamos facendo mal, e que necesariamente temos que facer mellor".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta