Cando Galicia se fixo a base de palcos de música

O proxecto Palcos, do CSIC, busca coñecer arquitectónica e antropoloxicamente esas construcións propias dos anos 70 exclusivas de Galicia. Ademais, aprecian que a festa actual está sufrindo unha volta atrás. "A tendencia nalgúns sitios xa está sendo a de prescindir de macroorquestras e volver a unha festa de dimensións máis pequenas". Hai comisións que din que "traer á Panorama está ben, pero o importante é conseguir que se manteñan as relacións entre os veciños, non tanto atraer a millóns de persoas á parroquia".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 24/10/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Dicir verbena é sinónimo de dicir Galicia. Non hai nada que nos guste máis que a festa, que forma parte das nosas raíces como galegos, que nos acompaña ao longo de toda a nosa vida, dende que somos ben pequenos ata que chegamos a anciáns. Isto non é algo da Galicia moderna, senón que vén de moi atrás, e foi evolucionando conforme foi evolucionando a sociedade. Para darse de conta, non hai máis que fixarse en como cambiaron as formacións musicais: de pequenos grupos a grandes orquestras como poden ser a día de hoxe a Panorama ou a París de Noia, que concentran a milleiros de persoas. Aínda así, en moitas aldeas e pobos séguense celebrando as festas de toda a vida, pequenas e para os veciños. A variedade está servida.

Palco vivo na Igrexa, Goiás, Lalín
Palco vivo na Igrexa, Goiás, Lalín | Fonte: Proxecto Palcos

Conscientes do valor que ten a festa en Galicia, dende o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC de Santiago lanzaron o proxecto Palcos, coa idea de intentar entender como foron cambiando as verbenas e festas populares nos últimos 40 anos. "Para facelo, enfocámonos no estudo dos palcos, pero non os das orquestras de agora, senón eses que non hai fóra de Galicia, eses que non se montan e se desmontan para a festa, senón que están todo o ano no campo da festa, e gozan de formas arquitectónicas que marcan un tempo e que, en moitos casos, tamén se foron transformando xunto coas propias festas ao longo do tempo, quedando en desuso algúns ou reconvertíndose para outras cuestións", explica o investigador Íñigo Sánchez.

Deste xeito, o obxectivo principal é descubrir a cultural material e inmaterial da festa galega a través dos seus palcos e ver como se produxo esa evolución dende o palco efímero "que tamén hai nalgúns lugares de aquí de Galicia, segundo nos contou algunha xente, montado con madeiras ou co que a comisión de festas tivese cada ano a man", ata ese palco construído a partir dos anos 70, "ese palco de obra, de ladrillo, construído cos recursos das comisións de festas e das propias aldeas". Ademais, "deixamos un pouco a un lado eses palcos máis patrimoniais, os redondos, porque xa formaron parte doutra investigación", apunta Sánchez.

Nesta evolución habería que meter un terceiro cambio, que é o da época actual, pois o palco construído deu paso a ese palco móbil que son os escenarios móbiles das orquestras actuais, que poden levarse dun lado para outro e montarse e desmontarse en cuestión dunhas horas. "Precisamente, os antigos palcos quedaron en desuso porque non eran quen de acoller ese despregamento das novas orquestras", explica Sánchez. Así, son tres momentos de evolución das festas que este proxecto plasmará de maneira inequívoca: do palco efímero ao palco construído e do palco construído ao palco móbil. 

COLABORACIÓN CIDADÁ

O proxecto Palcos comezou a xestarse hai tempo, pero como tal foi presentado e arrancou o traballo de campo en xullo deste mesmo ano, polo que os investigadores do CSIC atópanse agora na fase de catalogación, realizando un inventario de localización dos palcos, tratando de identificalos e catalogalos. Para axudarse contan cunha plataforma online que contén un mapa ao que a xente pode subir fotos dos palcos da súa zona contando tamén algunha historia relativa ás súas festas. "Está resultando moi útil para localizar eses palcos que aínda permanecen espallados pola xeografía galega", asegura o investigador, que engade que "parécenos interesante implicar á cidadanía no proxecto, máis aló de coller o coche e ir nós por aí buscando palcos coma tolos". 

Palco vivo en Toén, Ourense
Palco vivo en Toén, Ourense | Fonte: Proxecto Palcos

E é que ademais de identificar e analizar arquitectónicamente os palcos (medidas, materiais...), tamén buscan coñecer casos concretos que resulten interesantes, é dicir, realizar estudos de caso sobre a historia do palco en cuestión e a historia das festas desa aldea onde está ubicado. "É algo que estamos tratando de facer en simultáneo coa primeira fase de identificación", apunta Sánchez. Polo momento, levan aproximadamente medio cento de palcos identificados dos que a xente subiu algunha información. Con todo, aínda que están a recibir moitas fotos de palcos a través da plataforma web, piden "que a xente se anime a mandarnos un audio contando algunha historia sobre o palco", porque iso é algo que lles está costando, conseguir a mirada máis antropolóxica. 

Así, por unha banda, con esta identificación dos palcos tratan de poder chegar a conclusións sobre se hai zonas nas que predominan máis os palcos construídos dunha determinada maneira ou doutra, e tamén ver como foi evolucionando a morfoloxía dos palcos conforme foron cambiando as formacións musicais. Sánchez pon o exemplo dun palco que se atoparon en Boqueixón, "adaptado xa á propia orquestra filarmónica, e puidemos ver á banda municipal de Padrón actuando sobre el". Tamén o exemplo dun palco dunha aldea de Lugo próxima a Monterroso que foi cortado este mesmo ano pola metade para reconvertirse en mirador, pois ten ao seu redor unha paisaxe moi pintoresca e, como xa non se usaba, decidiron buscarlle uso.

MAPA WEB INTERACTIVO

No mapa que se pode consultar na web do Proxecto Palcos os palcos divídense en catro categorías: aqueles que aínda están activos e séguense usando para as festas, dos que "hai bastantes, máis dos que poderiamos ter imaxinado"; aqueles que seguen existindo pero xa se usan para outros fins que non teñen que ver coa festa, "como os que foron reconvertidos en alpendres para gardar a leña ou en espazos de reunión dos mozos, mesmo nos falaron de un que foi reconvertido en capela"; os palcos en estado máis ruinoso e que quedaron abandonados "pero que gozan dunha carga afectiva bastante intensa para a comunidade local"; e os palcos que xa non existen, directamente, pero que a xente aínda recorda, que "son os máis difíciles de identificar porque aínda que vaias pola estrada xa non hai rastro, aínda que poidas intuir nalgúns casos que como hai un campo da festa puido haber un palco".

Con todo, o investigador do CSIC quere deixar claro que "nós con este proxecto tampouco temos ningunha intención de patrimonializar estas construcións, parécenos unha forma de arquitectura vernácula que é interesante coñecer, pero non temos a intención de dicir que esto hai que conservalo". E é que xa ven que "a pesar de que moitos dos palcos están en desuso son obxectos vivos nas comunidades". Tanto é así que recentemente saiu o caso dun palco na zona de Lalín ao que lle deran un golpe e a comunidade lanzouse a discutir sobre o tema de se había que tiralo ou non, o que demostra a sensibilidade dalgunhas comunidades para con estas construcións. 

ESCASOS PALCOS PRETO DA COSTA E PAGADOS POLOS EMIGRANTES

Por agora, as hipóteses coas que traballan os investigadores son variadas. Por unha banda, teñen a hipótese de que a nivel urbano os palcos son máis do tipo templete, é dicir, construcións de finais do século XIX e XX que imitan esa figura do templete de banda municipal. Por outra, segundo están vendo nos primeiros achegamentos en persoa e polo que lles vai contando a xente, "semella que na zona da costa abundan menos os palcos". Por exemplo, "na zona da Costa da Morte, falando cunha asociación de patrimonio de Corme, dixéronnos que por esa zona non había palcos", conta Sánchez. 

Así mesmo, outra das hipóteses que barallan é que os palcos están moi vinculados á emigración dos veciños, porque "hai moitos destes palcos que, polo que nos foron contando, eran financiados polos emigrantes", explica Sánchez. Unha análise dos seus elementos decorativos tamén pode chegar a falar da capacidade económica das parroquias. "Nas aldeas xa non quedan moitos rexistros, pero sabemos que hai comisións de festas que teñen datos sobre canto costou construír o palco e quen o pagou", afirma o investigador. Esta investigación xa formaría parte desa segunda fase de achegamento á historia dos palcos.

Finalmente, dende o CSIC aprecian que a festa parece que está sufrindo unha volta atrás nos últimos anos. "A tendencia nalgúns sitios xa está sendo a de prescindir de macroorquestras e volver a unha festa de dimensións máis pequenas", conta Sánchez, que explica que hai comisións de festas que lles contan que "traer á Panorama está ben, pero o importante é conseguir que a través da festa se manteñan as relacións entre os veciños, non tanto atraer a millóns de persoas de fóra á parroquia". De feito, co cambio xeracional dentro das propias comisións tamén se están a xerar conflitos, porque, tal e como lles contou unha comisión de preto de Santiago composta por xente xoven, "hai xente máis maior da parroquia que non entende por que non se pode facer a festa de toda a vida e hai que traer estas outras orquestras".

Palco reapropiado en A Illa, Entrimo
Palco reapropiado en A Illa, Entrimo | Fonte: Proxecto Palcos
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta