A Santa Compaña, presente no 'Allariz de medo'

Do 27 de outubro ao 1 de novembro, almas en pena, meigas e seres do alén reuniranse en Allariz.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 18/10/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O 'Allariz de medo' chega este ano á súa sétima edición con actividades para todos os públicos e co obxectivo de manter a tradicional celebración do Samaín. Trátase dunha actividade que atrae ano tras ano tanto a veciñanza coma a visitantes para ver as recreacións e as ambientacións repartidas polas rúas do casco histórico.

A alcaldesa Cristina Cid e a concelleira María López na presentación. Foto: Comunicación Concello de Allariz.
A alcaldesa Cristina Cid e a concelleira María López na presentación. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

A Alcaldesa de Allariz, Cristina Cid e a concelleira María López aproveitaron a presentación do evento para salientar a importancia de preservar e manter estas tradicións, sen a necesidade de importar outras de fóra, para que as novas xeracións participen destas festas.

PROGRAMACIÓN

O "Xardín das Cabazas", actividade que se programa dende hai tres anos, estará localizada na Praza do Matadoiro, permitindo que as crianzas coloquen as súas cabazas de Samaín. De acordo coa lenda de Samaín, as cabazas eran colocadas acesas nos muros para axudar as almas que retornaban na noite dos defuntos a atopar o camiño de volta.

Dende o 27 de outubro, Allariz recibirá a visita de almas, esqueletos e outros seres do alén que ocuparán as rúas durante seis días nas distintas ambientacións repartidas por 6 puntos. A rúa do Pozo, a Praza Maior e a Praza de Abaixo, a Praza do Matadoiro, a rúa do Portelo e Santo Estevo acollerán esas ambientacións inspiradas no Samaín.

SANTA COMPAÑA E FESTA DO MEDO

O sábado, día 28, as actividades comezarán ao redor das 19:30 h, con actuacións do grupo Silvardeiras Teatro animando as rúas do casco histórico de Allariz. Ás 21:00h, a "Santa Compaña" chegará en procesión. Ás 23:00h, a "Festa de Medo" terá comezo na Praza Maior, a cargo da Discomóbil Apocalipsis.

O día 31 de outubro, o grupo Silvardeiras Teatro retornará ás rúas de Allariz ás 19:30 h. para máis animacións. Ás 21:00 h, a "Santa Compaña" visitará as rúas de Allariz antes da noite dos defuntos e ás 23:00 h. terá lugar a "Festa de Samaín-Noite dos Defuntos" coa Discomóbil Apocalipsis.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta