Besteiro será o rival de Rueda nas vindeiras eleccións galegas

Foi a única candidatura que reuniu os avais necesarios para competir nas primarias. O outro candidato, Manuel Losada, non foi quen de reunir os apoios suficientes tras a retirada de Gonzalo Caballero.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2023 | Actualizada ás 13:11

Comparte esta noticia

O que foi secretario xeral do PSdeG entre 2013 e 2016, José Ramón Gómez Besteiro, será o aspirante socialista á Presidencia da Xunta ao ser a súa candidatura a única que reuniu os avais necesarios para competir nas primarias.

Minutos antes das 12,30 horas e acompañado por varios militantes socialistas, o propio Besteiro entregou en persoa na sede do PSdeG máis de 3.000 firmas, cinco veces máis das mínimas esixidas.

Pola súa banda, a falta da ratificación oficial por parte do partido, tal e como informaron fontes consultadas por Europa Press, o outro socialista postulado, o coruñés Manuel Losada, non reuniu os apoios precisos para que a súa candidatura fose ratificada. Os aspirantes tiñan ata as 15,00 horas para rexistrar os avais que se cifraban nun mínimo de 615, equivalentes ao 6% da militancia que ten o PSdeG en Galicia, e un máximo de 1.024.

Así as cousas, o exdelegado do Goberno en Galicia e actual deputado no Congreso pola provincia de Lugo será o candidato socialista á Presidencia da Xunta, a falta da proclamación oficial por parte do partido, e sen necesidade de que os militantes teñan que votar en primarias.

O precandidato ás primarias que o PSdeG celebrará para elixir o seu candidato á Xunta José Ramón Gómez Besteiro á súa chegada á sede dos socialistas galegos
O precandidato ás primarias que o PSdeG celebrará para elixir o seu candidato á Xunta José Ramón Gómez Besteiro á súa chegada á sede dos socialistas galegos | Fonte: Europa Press

A Comisión Nacional de Ética do PSdeG xa o proclamou de forma provisional como candidato á Presidencia da Xunta e, no caso de que non haxa reclamacións, a proclamación definitiva do candidato producirase transcorridas 24 horas da finalización do proceso.

PASO ADIANTE

Besteiro confirmou o luns da pasada semana o que era un segredo a voces no seo do partido e anunciou que daba o paso adiante para competir nas primarias e encabezar a candidatura do PSdeG ás eleccións galegas. Fíxoo nos corredores do Parlamento de Galicia, onde ese día se celebraba o debate sobre o estado da autonomía.

Todo iso na mesma xornada na que transcendeu que o PSOE decidira reactivar as primarias. E é que o proceso interno, convocado inicialmente polo PSdeG para o 17 de setembro, foi aprazado pola dirección federal "ata a celebración da sesión de investidura e a eventual formación de Goberno".

Tras confirmarse a intención de Besteiro e tamén nos corredores do Parlamento galego pero un día despois, deu un paso adiante o que foi secretario xeral do PSdeG e actual deputado autonómico, Gonzalo Caballero. Con todo, cinco días despois de postularse, anunciou que retiraba a súa candidatura "por lealdade e responsabilidade" tras constatar que a dirección socialista e os altos cargos do PSdeG "optan por outra candidatura".

Ademais tamén durante a súa visita ao Pazo do Hórreo para asistir ao debate de política xeral, o actual xefe de filas da formación, Valentín González Formoso, ratificou que el non participaría nas primarias nunhas declaracións aos medios nas que compareceu acompañado por distintos cargos socialistas, entre eles o propio Besteiro.

REGRESO DE BESTEIRO Á POLÍTICA

José Ramón Gómez Besteiro regresou á política o pasado mes de marzo co seu nomeamento como delegado do Goberno tras permanecer sete anos apartado do foco mediático. O que foi secretario xeral do PSdeG entre 2013 e 2016 decidiu dar un paso á marxe e dimitir como líder do partido en Galicia tras ser investigado pola xuíza Pilar de Lara en relación a varios delitos. Todos eles serían arquivados e a maxistrada sería apartada dos xulgados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Crus

Moi bonito o sitio escollido para facer a foto, parece mentira a estas alturas que non se lle dea importancia a estas cousas.