Temas: MúSICA

«Voces do ano», concertos líricos en Ferrol, Pontevedra, Vigo e A Coruña

Amigos da Lírica e Afundación presentan o ciclo de concertos líricos programado para o vindeiro outono en catro localidades do país.

Por GC Tendencias | Vigo | 02/06/2015 | Actualizada ás 19:47

Comparte esta noticia

A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) e a Asociación Amigos da Lírica presentaron hoxe o ciclo lírico «Voces do ano», que percorrerá as cidades de Ferrol, A Coruña, Pontevedra e Vigo o vindeiro outono. No acto estiveron presentes o presidente da Asociación Española de Amigos da Lírica, José M. Grande Morlán, a soprano Juana Castillo, que participará nos recitais e a coordinadora da Sede de Afundación en Ferrol, Tatiana Puente. «Voces do ano» incluirá un total de catro concertos líricos, que comezarán o 25 de setembro en Vigo e continuarán o 17 de outubro en Pontevedra, o 14 de novembro na Coruña e o 12 de decembro en Ferrol. Os recitais estarán protagonizados pola soprano Juana Castillo e o barítono Santos Ariño, distinguidos ambos co Premio á Traxectoria Profesional «Voces do ano» que convoca anualmente a Asociación Española de Amigos da Lírica. Ambos os dous estarán acompañados polo pianista Julián Sanz Riobóo.

Juana Castillo inicia a súa carreira profesional como solista de Andalucía, unha produción que se estrea en maio de 1992 con motivo da inauguración da Expo 92 de Sevilla, na que compartiu escenario con Alfredo Kraus, Plácido Domingo, Montserrat Caballé ou María Bayo, entre outros, e coa que percorreu diversos escenarios de Europa e Estados Unidos. Posteriormente, o Teatro La Maestranza de Sevilla contrátaa para o seu Rigoletto, onde actúa de novo con Alfredo Kraus e tamén coa solista Eva Lindt. Tras perfeccionar os seus estudos musicais en Italia, prosegue as súas actuacións neste país e iníciase no xénero da zarzuela en diversas localidades españolas. Juana Castillo é, ademais, fundadora da Orquesta Juvenil de Córdoba e asesora internacional en España do prestixioso Festival de Avenches (Suíza). Durante a súa carreira profesional alterna as representacións de ópera e zarzuela con diferentes concertos, galas e recitais líricos en España e en Italia e, con motivo do falecemento de María Callas, en setembro de 2007, está entre os artistas convidados ao célebre Festival María Callas. O seu labor artístico persoal compaxínao co labor formativo de novas e novos intérpretes e co seu compromiso de difundir o canto lírico nos máis diversos ámbitos. Con varios premios e mencións honoríficas nacionais e internacionais, en 2014 a Asociación Española Amigos de la Lírica outorgoulle o seu Premio Especial á Traxectoria Profesional. 

Santos Ariño debuta en 1982 no Teatro Real de Madrid, cantando El diluvio de Noé, de Britten, ao que segue un ano despois a súa participación no papel de Morales, en Carmen, no Liceo de Barcelona. A partir dese momento actúa sucesivamente en diversos teatros de España, Portugal e Italia, onde interpreta o papel de Enrico en Lucía de Lammermoor e participa en Fausto e L’elisir d’amore, xunto a Alfredo Kraus, obras ás que sucederán outros clásicos como Il trovatore, de Verdi, El barbero de Sevilla ou La traviata, entre outros moitos. Doce anos despois do seu debut no Teatro Real, comeza a interpretar zarzuelas, un xénero ao que lle tiña un especial respecto, «pola dificultade engadida que supoñen as partes faladas de cada personaxe». A partir dese momento interpreta grandes obras do xénero como La revoltosa, La rosa del azafrán ou La fama del Tartanero e participa en numerosas tempadas do Teatro da Zarzuela, onde interpreta diversos papeis solistas, os últimos en 2014. En España actúa practicamente en todos os teatros nos que se programa tempada lírica e levou o seu repertorio como barítono lírico a escenarios de toda Europa e Sudamérica. 

Julián Sanz Riobóo, compositor e pianista, ten actuado en numerosos auditorios como o Manuel de Falla de Granada, o Gran Teatro de Córdoba, o Palacio de Lebrija en Sevilla ou a Sala María Cristina de Málaga. Como compositor musicalizou premios de poesía e prosa en importantes certames literarios a nivel nacional e compuxo obras para diversas entidades e fundacións. Neste ámbito, está inmerso actualmente na composición e dirección de proxectos para empresas musicais con enorme traxectoria e proxección internacional. Como pianista, participou tamén no festival «Rafael Orozco», na escola e festival internacional de música Presjovem, co que colaborou en diversas galas benéficas, ou no Festival de Música Contemporánea de Córdoba, entre outros moitos. Actualmente compaxina os seus labores como docente no Conservatorio Profesional de Música de Osuna, coas de concertista e compositor.  

Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta