Un ourensán de 22 anos compraba roupa e coches con transferencias bancarias que nunca chegaban

Foi enviado a prisión.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 19/10/2023 | Actualizada ás 11:05

Comparte esta noticia

A Garda Civil de Ourense desarticulou un grupo criminal que se dedicaba a cometer estafas a través de Internet e de forma presencial, adquirindo maquinaria, vehículos ou roupa que logo pagaba con transferencias falsas. O principal acusado, de 22 anos, foi enviado a prisión.

A investigación iniciouse por mor dunha denuncia interposta en Celanova, na que un home aseguraba que unha persoa se presentou no seu comercio e, tras comprar diversa maquinaria de xardinaría, fixéralle unha transferencia bancaria que nunca se chegou a facer efectiva. No desenvolvemento da operación, a Garda Civil puido comprobar que había máis delitos cometidos co mesmo modus operandi en distintos puntos da xeografía galega, nas que se compraba material que era vendido a través de diversos portais de venda en Internet.

No mes de agosto do presente ano, o grupo comprou roupa nun comercio na provincia de Pontevedra, a cal foi vendida nunha tenda de roupa situada nunha céntrica rúa de Ourense. Tamén contactaron con persoas que anunciaran a venda dos seus vehículos en distintos portais, concertando unha cita con eles e, tras facerlles unha suposta transferencia, levaban os vehículos. Ao non recibir o diñeiro, o vendedor púñase en contacto co suposto comprador, o cal sempre lle daba escusas, e non volvía responder. Desta forma fixéronse con coches e motocicletas en Lugo, Pontevedra, Zamora, Salamanca e Valladolid.

Na operación, a Garda Civil detivo a un veciño de Ourense de 22 anos e tomou declaración en calidade de investigados a unha muller de 47 anos de idade, como propietaria da tenda de roupa, a un home de 48 anos e a un cidadán portugués, veciño de Ourense, de 32 anos. No transcurso da investigación a Garda Civil recuperou dous vehículos: un BMW modelo 330CI, subtraído na provincia de Pontevedra, e un SEAT modelo Leon FR, estafado na provincia de Salamanca.

Axente da Garda Civil
Axente da Garda Civil | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta