Lei de acompañamento: Axilizar a contratación de interinos, xestión municipal de VTCs e aumento de premios en bingos sociais

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2023 | Actualizada ás 19:46

Comparte esta noticia

O proxecto da lei de acompañamento (de medidas fiscais e administrativas) aos orzamentos da Xunta de 2023 inclúe decenas de modificacións en normativa autonómica, entre as que se atopa medidas como regular a participación dos municipios na xestión dos servizos VTC, a creación dunha oficina única económica como parte da simplificación administrativa para empresas, accións especiais de contratación de interinos para a dispoñibilidade de persoal sanitario, así como modificar a recente lei de xogo para que os bingos que se fan en residencias de maiores e asociacións culturais poidan ter premios maiores.

Así, recóllese unha disposición adicional de medidas especiais en listas de contratación temporal ou interino para "garantir a dispoñibilidade de persoal de perfil sanitario". No caso de non haber aspirantes para a contratación temporal de facultativos, o Goberno galego dá luz verde a: acudir a integrantes de listas que solicitaron a súa inclusión en caso de non estar publicadas as definitivas, acudir á relación de penalizados e recorrer directamente ao Servizo Público de Emprego.

Pola súa banda, as autorizacións dos VTC que realizan servizos interurbanos corresponde á comunidade galega, pero os concellos serán competentes para outorgar autorizacións habilitantes para os servizos urbano de aluguer destes vehículos con condutor aos que dispoñan da correspondente interurbana. A ordenanza municipal deberá establecer limitacións para o outorgamento de autorizacións por motivos de tipo ambiental e seguridade viaria.

Mentres, a Xunta leva a cabo unha batería de medidas co fin de simplificar trámites administrativos para a actividade económica. Aquí ponse en marcha unha oficina económica única como "punto de contacto centralizado e singular para as empresas e persoas emprendedoras", coa supresión de diversos órganos. Ademais, elimínase a figura da iniciativa empresarial prioritaria ao entenderse que hai diferentes avances na materia para a axilización.

Igualmente, a Administración galega modifica a recentemente aprobada lei do xogo de Galicia para aumentar o límite de premios nos bingos que se realizan en residencias, asociacións culturais e comisións de festas, xa que "supón unha importante labor de entretemento e socialización das persoas maiores en zonas rurais nas que teñen moi limitado o acceso a actividades de lecer". Había un límite de 300 euros e agora elévase a 1.300 euros de cantidades xogadas por sesión (con premios outorgados que non superen os 1.000 euros por sesión).

Paralelamente, vólvense a modificar leis como a de incendios para a declaración de proxectos de xestión integral de biomasa a través de actividades agrogandeiras. Tamén hai varios cambios de novo na lei de chan para introducir cuestións como que comerciantes ambulantes e actividades de lecer serán admisibles en chan rústico.

Bingo
Bingo | Fonte: GAD3 - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta