O Parlamento insta á Xunta que reclame a transferencia da xestión do Ingreso Mínimo Vital

A deputada popular Raquel Arias pediu "aproveitar a experiencia que Galicia ten na tramitación da Risga desde hai 30 anos" para "simplificar e axilizar os trámites".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2023 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

A Comisión de Sanidade e Política Social do Parlamento galego aprobou este xoves instar á Xunta a que reclame ao Goberno do Estado a transferencia a Galicia da xestión do Ingreso Mínimo Vital (IMV), unha proposición do PP que contou co voto a favor do BNG e a abstención dos deputados do PSdeG.

Na defensa desta PNL, a deputada popular Raquel Arias pediu "aproveitar a experiencia que Galicia ten na tramitación da Risga desde hai 30 anos" para "simplificar e axilizar os trámites" á vez que se "evitan solapamientos".

O IMV foi "a medida estrela do Goberno de Pedro Sánchez", dixo Arias, pero "desde o primeiro momento fixo augas" por "a nula e desastrosa xestión" por parte do Executivo central, con requisitos que "saturan e desbordan aos que piden as axudas".

En Galicia, alertou a deputada popular "seis de cada 10 persoas vulnerables con dereito ao IMV non o perciben", polo que instou a trasladar a súa xestión á Xunta.

Na súa quenda de intervención, a deputada nacionalista Iria Carreira evidenciou o apoio desta formación á proposta, pero reclamou que se avance aínda máis aló, na creación dunha renda galega de inserción laboral e social propia.

Así, Carreira esixiu que esta reclamación "non se converta nun mecanismo de confrontación baleiro e estéril" e que "non se limite" a esta acción, se non que se avance a "outras medidas decididas para actuar contra a pobreza e a exclusión social" en Galicia.

Pola súa banda, a socialista Marina Ortega, cuxo grupo se abstivo, lembrou que en decembro de 2020, uns meses despois da aprobación do IMV, o PSdeG "pediu á Xunta que a Risga se fixese complementaria" desta axuda. "A Risga, na súa lei, ten un veto a todo tipo de axudas ou rendas que sexan similares. Pediuse á conselleira que se eliminase ese veto e a resposta da conselleira de Política Social foi que se tiña que adaptar o IMV á Risga", dixo Marina Ortega.

Pleno do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO
Pleno do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta