O Goberno galego sobe un 7 % as partidas sociais de migración: "Cada vez máis emigrantes queren volver a Galicia"

A oposición denuncia a "alarmante cifra de asesores que non para de crecer".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2023 | Actualizada ás 19:34

Comparte esta noticia

As partidas de servizos sociais de migracións encabezan o crecemento da área de Presidencia para 2024, cunha subida do 7,3 %, ata un total de 20,9 millóns de euros. Na súa comparecencia en comisión parlamentaria esta tarde de xoves, a secretaria xeral da Presidencia, Beatriz Cuiña Barja, informou de que esta subida busca dar resposta a "os crecentes niveis de demanda e inflación". "Cada vez máis emigrantes queren volver a Galicia", asegura.

Isto prodúcese nunha área de Presidencia que crece un 5 %, do mesmo xeito que a media da Xunta, e que alcanza de forma global 305,7 millóns de euros. Haberá dous millóns de euros extra para que retornados fagan fronte a situacións "sobrevindas". O financiamento de bolsas de excelencia Mocidade Exterior crecerá un 18,6 % para financiar gastos como a matrícula de máster a 250 estudantes, cun incremento das contías: eran de 7.000 a 11.400 euros e agora soben de 8.000 a 12.500 euros.

Tamén avanzou Cuiña Barja que en "próximos días" porase en marcha a oficina itinerante de información polo rural para retornados. Xunto a isto, aumenta o asesoramento das oficinas para ámbitos laborais e tributarios, ademais das cuestións xurídicas xa existentes. Paralelamente, haberá un millón de euros para a actividade emprendedora de retornados.

No tocante ao exterior, as axudas sociais de carácter individual repuntan un 10 % a 4 millóns, destinadas a subsistencia e emerxencia social. Para os programas de Lei de Galeguidade haberá medio millón máis, ata un total de 3,28 millóns. Entre outras partidas, refórzase un 10 % máis o apoio a entidades de apoio social e sanitario no exterior, con 2,5 millóns.

UN 7 % DE FONDOS MÁIS PARA A AXENCIA DE TURISMO

Por outra banda, a Axencia de Turismo de Galicia incrementa un 7 % os seus fondos, uns 9,5 millóns máis, para un global de 144,1 millóns. A Xunta destaca os 4,9 millóns de viaxeiros aloxados en Galicia o oito primeiros meses deste ano, con 9,5 millóns de pernoctacións, maior dato histórico. Resérvanse 48,3 millóns para o plan de reforzo de turismo sustentable. En 2024 desenvolveranse os de Santiago, Ribeira Sacra, Ourense termal, A Mariña lucense e A Coruña. Seguirán apoios ao Bono Turístico e Outono Gastronómico. 

A secretaria xeral da Presidencia, Beatriz Cuiña Barja, en comisión parlamentaria
A secretaria xeral da Presidencia, Beatriz Cuiña Barja, en comisión parlamentaria | Fonte: PARLAMENTO

Haberá 70 millóns para un Camiño de Santiago "máis sustentable". A Xunta traballa na rehabilitación dunha ducia de BIC na ruta xacobea. A conservación de albergues leva 11,2 millóns e o mantemento do Camiño 4,6 millóns. Noutra orde de partidas, a Secretaría Xeral de Medio mantén orzamento, a asesoría xurídica contará con 3 millóns e prodúcese unha alza do 3,5 % na CRTVG que "obedece a aspectos de persoal e plataforma dixital".

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Durante o debate, Pablo Arangüena (PSdeG) denunciou a "alarmante cifra de asesores que non para de crecer", pois pasou de 170 en 2018 a 189 en 2021, segundo datos do Consello de Contas, o que choca con "ese principio de contención dos gastos do que falan cada ano". Reproba que a Xunta non ofreza os datos nesta materia para o próximo ano. Tamén apunta á alza de altos cargos de 89 a 95 entre 2020 e 2021. O deputado socialista reprocha que a asesoría xurídica está "a perder preitos case como unha máquina industrial", especialmente en materia eólica, onde "case sempre lles impoñen as costas", o que "non é baladí".

Así mesmo, Arangüena tacha de "incalificable" que a Xunta lle dea 50.000 euros ao "medio ultra" de Javier Negre para unha "suposta promoción do Camiño". A continuación, cargou contra a "obscena" manipulación da CRTVG, que compara coa "televisión de Corea do Norte", á vez que advirte de que a Secretaría Xeral de Medio "oculta" os gastos en publicidade e propaganda a través de investimentos inmateriais. Tras el, tomou a palabra Daniel Castro (BNG) para pór o foco sobre o "auténtico problema" da emigración de mozos galegos a outras comunidades do Estado, unha "triste realidade" que pide avaliar á Xunta.

O deputado do Bloque lanzou críticas ao modelo "caduco" da Xunta para o turismo, así como á CRTVG, sobre a cal pregunta se os 4 millóns que se prevén de subida "son para un programa en exclusiva do señor Rueda". En cambio, Alberto Pazos Couñago (PP) valorou que este orzamento supoña unha "contención" do gasto "superfluo" para centrarse en aspectos como o apoio ao turismo e a "atención a galegos que viven fóra e que queren retornar ao seu país". Cualifica de "idea brillante" a oficina itinerante polo rural.

Ao BNG díxolle que ten que "ir superando certa erupción que lles sae" co Camiño. A Arangüena espetoulle o popular que "repite todos os anos as mesmas parvadas" e a súa marcha do Parlamento será "unha boa noticia mesmo para o Partido Socialista", á vez que defendeu "promocionar o Camiño con vídeos en redes sociais", en relación coa denuncia acerca dos 50.000 euros para Javier Negre.

Nas súas quendas de réplica, a secretaria xeral da Presidencia expuxo que o gasto en altos cargos da Xunta será de 7 millóns en 2024, un 23 % menos que co bipartito, e o gasto para persoal eventual será de 6,8 millóns, un 6,8 % menos que co bipartito, segundo os seus datos ofrecidos. O presidente da Xunta cobra un 2 % menos que co goberno de BNG e PSdeG, engadiu. Finalmente, quixo Cuiña Barja saír en defensa dos letrados da Xunta, que "desenvolven o seu traballo o mellor que poden", "con moitas garantías".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta