Guerra interna no sector hoteleiro pola implementación da taxa turística: un problema ou unha solución?

Jorge Carregal, de Turismo de Santiago, defende a implementación deste gravame como forma de reinvertir a riqueza xerada polos visitantes en paliar os efectos negativos da masificación turística. Luisa Lorenzo, de Unión Hotelera Compostela, lamenta que non se falase co sector hoteleiro desta cuestión, que será o que terá que implementar o imposto. E Cesáreo Pardal, do Clúster de Turismo de Galicia, cre que Santiago non conta cos servizos suficientes para ter un turismo de calidade. Ambos cren que a ocupación non é tan boiante como para pensar nunha taxa turística e que antes de implementala hai outros problemas que resolver.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 05/11/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Tasa turística si ou tasa turística non, esa é a cuestión, como diría Shakespeare. O ter que impoñer un gravame sobre as pernoctacións dos turistas que visiten Santiago de Compostela non é algo do agrado de moitos, e semella que o sector hoteleiro (o que o terá que implementar e actuar como intermediario) e a cidadanía (que pensa que podería ser unha solución á masificación do turismo que está experimentando a súa cidade e ás súas negativas consecuencias) non teñen nada clara a implementación desta taxa, que está xa no punto de mira do Goberno galego, pola petición desesperada do Concello de Santiago para que se impoña este imposto que, na súa opinión, redundaría en beneficio de todos, pois permitiría reinvertir a riqueza económica xerada polos turistas na propia cidade e, por que non, no propio sector turístico. O V Foro do Camiño de Santiago 'Fairway', que se está a celebrar esta semana en Santiago, deu cabida a este tema nunha mesa de debate onde as opinións foron moi dispares.

Dous peregrinos fronte a un local de hostalaría o pasado 31 de xullo de 2021, en Santiago de Compostela
Dous peregrinos fronte a un local de hostalaría o pasado 31 de xullo de 2021, en Santiago de Compostela | Fonte: César Arxina - Arquivo

Jorge Carregal, técnico de comunicación de Turismo de Santiago explica que antes de falar sobre implantar unha taxa turística é necesario comprender por que se implanta. Así, fai referencia ás cifras: o número de pernoctacións na cidade desde 2005 subiu expoñencialmente, no 2010 eran 1,4 millóns, baixaron logo nos anos seguintes ata que en 2015 volveron subir para chegar a un pico no 2019 (aínda sen ser Ano Santo), experimentando logo unha baixada no 2020 por mór da covid e reactivándose no pasado 2022 ata superar os 1,5 millóns de pernoctacións. Isto supón 600.000 pernoctacións máis que as outras dúas grandes cidades galegas: A Coruña e Vigo, que recibiron unhas 900.000 pernoctacións o pasado ano. Ampliando o arco ao resto do Estado, e comparando este turismo co doutras cidades patrimonio da humanidade, Santiago lidera o listado. Só hai tres cidades que superaron en 2022 o millón de pernoctacións: Santiago, Córdoba e Salamanca, que teñen unhas 500.000 pernoctacións menos que Santiago. Pero Santiago non é, nin moito menos, a cidade desta lista con máis poboación, pese a que en pernoctacións ás supera.

Na mesma liña, fixéronse melloras na competitividade do aeroporto, que pasou de recibir en 2010 a 2,1 millóns de pasaxeiros a 2,9 millóns no ano 2019, coa baixada que despois trouxo consigo a pandemia, e a posterior reactivación que fixo que no 2022 Santiago se situase como o aeroporto con maior conexión internacional, ao que chegaron 3,2 millóns de turistas, un 50 % máis de tráfico que respecto ao Ano Santo. Pola súa banda, os outros aeroportos galegos, Vigo e A Coruña, recibiron menos dun millón de turistas no mesmo periodo. Así, despois da pandemia o aeroporto de Santiago creceu aínda máis que no 2019, e iso que xa o 2019 fora o ano con máis pasaxeiros ata o momento. Deste xeito, o número de Compostelas emitidas tamén se incrementou dende o 2010, cando houbo un pico de 272.000 seguido dunha baixada, e en 2019 superouse ese pico, para en 2022 chegar á reactivación total con 438.000 Compostelas emitidas, é dicir, 150.000 máis que no Ano Santo 2010. 

Ante estas cifras, Carregal pregúntase se aínda seguimos crecendo agora que xa pasou o Xacobeo 21-22. "Pois a realidade é que si. Ata o mes de setembro de 2023 xa rexistramos mellores datos que no Ano Santo pasado: un 7 % máis de estancias, 1,6 millóns de pernoctacións; un 11 % máis de pasaxeiros no aeroporto de Santiago, que recibiu a 3,5 millóns de viaxeiros; e un 2 % máis de Compostelas emitidas, sen incluír o dato de outubro, que foi espectacular, con 52.000 Compostelas entregadas, máis que no mesmo mes o pasado Ano Santo". "Este ano, que non é Ano Santo, o previsible sería que experimentásemos un baixón, pero non estamos vivindo ese baixón, estámonos mantendo, aínda un pouco por enriba, e isto é fundamentalmente grazas ao turismo internacional, pois chegaron 105.000 turistas internacionais no mes de setembro, o segundo mellor dato da cidade despois de ter rexistrado o seu mellor dato en setembro de 2017", expón o técnico de comunicación de Turismo de Santiago.

Esta situación, estas cifras de turismo, dan lugar a toda unha serie de desafíos. "A cidade enfróntase a novos desafíos xerados pola presenza dun volume turístico importante e superior ao do ano pasado", evidencia Carregal, que pon como exemplo as escasas licenzas de taxi, a falta de conectividade do transporte público co aeroporto... "Se temos un 50 % máis de pasaxeiros e non temos un transporte adecuado xéranse problemas", advirte. A isto sumaríanse "os excesos de ruídos e a molestia nos barrios onde miles de persoas entran todos os días facendo o Camiño, como o barrio de San Pedro"; e "o impacto do turismo sobre a vivenda residencial, tendo en conta que as vivendas de uso turístico están reguladas dende o ano 2017". Así as cousas, é consciente de que "non podemos xestionar esta situación como no ano 2010, porque en 2010 o noso obxectivo era crecer, e neste momento o obxectivo non debería ser crecer, senón facelode modo san, reducindo ao máximo os impactos negativos que este crecemento turístico pode ter na cidade".

Varios peregrinos camiñan coa súa bicicleta pola Rúa do Franco de Santiago
Varios peregrinos camiñan coa súa bicicleta pola Rúa do Franco de Santiago | Fonte: César Arxina - Arquivo

"UN CONGRESISTA DEIXA 300 EUROS, UN PEREGRINO O 15 DE AGOSTO DEIXA 50"

Carregal considera que neste contexto a taxa turística "pode ser un instrumento, aínda que non unha solución máxica", porque "o cambio de modelo turístico na cidade precisa de moitas medidas complementarias". Dende Turismo de Santiago defenden que "a taxa turística é unha das medidas necesarias, porque non ten impacto na demanda da cidade, é dicir, para o ano seguiremos crecendo ou non independentemente de que haxa taxa turística ou non, e iso xa está comprobado noutras cidades españolas como Barcelona, que teñen taxa turística dende 2012, e onde nunca se reduciu a demanda, porque a existencia dunha taxa non afecta á decisión que toma unha persoa de Estados Unidos, por exemplo, para vir a Santiago; e porque contribuiría a redistribuír a riqueza xeral, pois o turismo xera riqueza e iso é mellor canto mellor sexa a súa calidade, redundando en riqueza tanto para empresas privadas como para as persoas, porque o imposto, ao ser recaudado polo concello, invírtese novamente no mesmo concello".

Por outra banda, tamén consideran que a taxa turística "fomenta un turismo consciente, facendo ver ás persoas que nos visitan que cada un ten unha utilidade directa para lograr que o turismo evolucione de modo sostible e porque fará ver a aquelas persoas da propia cidade contrarias ao fenómeno turístico que o turismo tamén pode aportar valor á propia cidade, coidando e favorecendo os recursos públicos municipais; e tamén xera novos recursos para que o propio concello teña posibilidade de xestionar mellor o turismo, non apostando tanto por continuar co crecemento, senón por mellorar ese crecemento", platexa o técnico de comunicación de Turismo de Santiago.

Carregal pon o exemplo do que aconteceu o pasado mes de agosto, no que "se xeraron moitas molestias, cando a cidade albergou 220.000 pernoctacións", con "ruídos, imaxes non desexadas, queixas por parte dos veiños", mentres que "en setembro a cidade tivo 177.000  pernoctacións, non moitas menos, e non se produciron problemas", porque "a diferenza estaba en que en setembro esas pernoctacións eran de turismo internacional, recibindo 105.000 turistas internacionais, e os restantes eran persoas que viñan pola celebración de congresos". "Un congresista pode deixar 300 euros na cidade, mentres que un peregrino que percorre o Camiño de Santiago o día 15 de agosto deixa entre 50 ou 60 euros", advirte, asegurando que dende Turismo de Santiago "non nos interesa o volume de peregrinos de agosto, senón o tipo de turismo de setembro" e, "para camiñar cara ese modelo, máis sostible e que aporte valor engadido, hai moitas medidas a implementar, pero precísanse recursos, que poden vir do propio modelo, que a través da taxa turística se alimenta a si mesmo para mellorar".

"OS HOTELEIROS ENTERÁMONOS DA IDEA DE IMPLEMENTAR A TAXA POLA PRENSA"

Pola contra, Luisa Lorenzo, presidenta da Unión Hotelera Compostela, cre que para chegar a implementar unha taxa turística antes habería que falar co sector e ter claro o que se vai facer, cando se vai facer e como se vai facer, e "iso é algo que non se fixo". Lorenzo non nega que o turismo é un sector vital, pois supón o 10 % do PIB da Unión Europea, xera un 5 % de emprego directo e un 11,6 % de emprego indirecto en Europa, en España aínda son máis altas estas porcentaxes, por ser un país que vive fundamentalmente do turismo. "O sector turístico arrastra a moitos outros sectores e ás veces non somos sequera conscientes da importancia que ten este sector nas nosas vidas: ao gandeiro de Negreira aféctalle o turismo, pero tamén lle afecta ás nosas tradicións, ocio e mesmo á tecnoloxía (xa que cada vez máis aparecen aplicacións móbiles con marco no sector turístico), pasando polo da artesanía, a pesca, o transporte, as tendas e mesmo a perruquería que temos ao lado da casa", expón. En resumo, "o turismo repercute en gran medida sobre pequenas e medianas empresas, moitas microempresas e autónomos".

Con todo, para xestionalo, é necesario ter en conta ao propio sector, pero "nós enterámonos da idea de implementar unha taxa turística en Santiago a través dos medios de comunicación", denuncia esta representante dos hoteleiros composteláns. "Consideramos que non podemos facer as cousas como ata agora, porque falta unha coordinación entre as distintas administracións, tanto de forma pública-pública como pública-privada, porque as empresas e os cidadáns tamén teñen moito que dicir ao respecto", asevera. Lorenzo ten claro que antes de implantar calquera medida, tamén a taxa turística, "é preciso que se faga unha análise profunda do que está a ocorrer en Santiago, se todo o que recibimos son turistas ou hai tamén excursionistas que veñen a pasar o día, canto turismo nos chega e baixa en bloque dende os portos de Vigo e A Coruña... e moitos outros aspectos". Polo de agora, lamenta que "non sabemos sequera en que se vai aplicar o recaudado, como se recaudará e canto se recaudará".

"A TAXA NON VAI SOLUCIONAR O PROBLEMA, PRECÍSASE ANÁLISE MÁIS FONDA"

"A nós, aos hoteleiros, sobre os que vai recaer a función de intermediarios, non se nos informou aínda de nada", denuncia Lorenzo. Con todo, en liñas xerais, a presidenta da Unión Hotelera Compostela cre que "a taxa turística non vai solucionar o problema que hai en Santiago, pois fai falta unha análise máis profunda". "O que non se podería facer sería usar a taxa turística para suplantar os déficits da administracións pública nos seus orzamentos, porque entón non serviría de nada, non solucionaría o problema, só sería unha parte máis da xestión administrativa municipal", explica. Lorenzo tamén cre que "non se debería gravar a todos os visitantes por igual, porque hai visitantes que veñen en bloque e non xeran recursos, que colapsan o centro durante unhas horas e vanse, pero hainos que si están xerando recursos económicos na cidade durante días". 

Ademais, os datos de ocupación da Unión Hotelera Compostela "non son para botar foguetes": "Os nosos datos falan dun 60 % de ocupación nun Ano Santo en hoteis, o cal nos parece que non xustifica a implementación da medida", asegura Lorenzo. Afectará a implementación da taxa á demanda? Esta hoteleira apunta a "estudos que din que os prezos dos hoteis son moi elásticos á demanda, poñendo como exemplo o caso de Irlanda, onde cando baixou o IVE ao 4 % incrementouse a ocupación hoteleira nun 16 %, evidenciando esa elasticidade da demanda no que respecta ao prezo dos aloxamentos". Polo tanto, a taxa turística podería influír na demanda. Deste xeito, Lorenzo conclúe que só se podería comezar a falar da súa implantación se as administracións se comprometen a que "os ingresos recaudados se reinvirtan no sector turístico". 

"VAISELLE COBRAR AO TURISTA QUE XA PAGA? SEN SERVIZOS DE TAXI?"

Finalmente, Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia, amósase aínda máis tallante, na mesma liña que a presidenta da Unión Hotelera Compostela. "Estes sete primeiros meses do ano tivemos un número de pernoctacións de turismo un 8 % por enriba do ano pasado, cunha ocupación media do 50,55 %, así que non sei a rendibilidade nos negocios como se mide, se queda algo de beneficio ou non queda nada", advirte. Nesta liña, apunta tamén ao grave problema de transporte co aeroporto que teñen os turistas que chegan: "só temos 120 licencias de taxi e hoxe temos 35 menos, porque están facendo servizos no aeroporto, collendo a xente que chega a Santiago e levándoos a Sarria, por exemplo, polo que xa son 35 taxis menos operando na cidade". "Se queremos avanzar cara un turismo de calidade, o primeiro que temos que facer é darlle servizos, e non llos estamos a dar", alerta, de maneira que habería que falar de moitas outras cousas antes de falar de taxa turística. 

Así, aínda concedendo que "ninguén deixa de vir a un destino por ter que pagar unha taxa turística, iso está claro", considera en que o principal problema está en "a quen lla vamos facer pagar". "Vaiselle cobrar ao turista que xa paga? Un autobús que chega á dársena da estación de Santiago paga 18 euros por estacionar alí, cando ven con 55 prazas cubertas por excursionistas aos que non se lles vai cobrar taxa, porque realmente é ao turista que para nos establecementos hoteleiros e gasta na cidade e xa paga pola súa visita ao que se lle vai impoñer a taxa", advirte. A iso suma o problema das vivendas turísticas e a súa proliferación, que son onde reside "a maior parte deses excursionistas". "Pero eu non vexo á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) dicindo nada, nin se está en contra ou a favor, como se non fose con eles", sentenza Pardal.

Sobre o aeroporto de Santiago e as súas conexións, asegura que "o problema está en que os concellos galegos cada un mira cara o seu aeroporto, o de Santiago mira polo aeroporto de Santiago, o de Vigo polo seu e o da Coruña polo seu". A pregunta é: "Por onde nos entran os turistas internacionais a Galicia cando apenas contamos con conexións internacionais?", plantexa. "Pois hai un bus que vén todos os días á Cidade da Cultura a buscar pasaxeiros e levalos a Oporto, porque o bus que tiñamos aquí directo ao aeroporto suprimiuse, e agora só temos un bus urbano que para en sete paradas antes de chegar ao aeroporto", expón o presidente do Clúster de Turismo de Galicia. 

"OXALÁ NON VEÑAN 8 MILLÓNS DE TURISTAS E VEÑAN 4 QUE GASTEN MÁIS"

Así que, para poder mellorar o turismo que se recibe na actualidade en Compostela é nesario, en opinión de Pardal, "mellorar os servizos que se lle ofrecen". "Oxalá non veñan os 8 millóns de turistas que chegan cada ano a Galicia, oxalá veñan 4 millóns, pero que estes gasten tres veces máis, e que en lugar de quedarse unha noite pagando 70 euros, se queden tres noites a 70 euros cada noite". Nesta cuestión, "as vivendas de uso turístico están aí e hai que lidiar con elas". "Fai catro anos, antes das eleccións municipais xa se falaba delas, pero tomar decisións custa votos e os votos custan alcaldías", asegura.

Polo momento, e sobre a taxa turística, afirma que "a Xunta vai tomar unha decisión polos 313 concellos galegos e non vin a ningún alcalde a favor da taxa turística, lonxe diso, vin ao alcalde de Nigrán, concello turístico por excelencia, que dixo que no seu concello o sector empresarial xa paga suficientes impostos" como para cargarlle con máis. "Quizáis habería que facerlle esta pregunta aos outros 313 concellos, porque tamén é un tema que vai con eles, e sobre o que non teñen capacidade de decisión, como si pasa en Portugal, por exemplo, onde son os propios concellos os que deciden implementar taxa turística ou non, non vén determinado dende o Goberno central nin autonómico", afirma. 

Polo que respecta a onde irá destinado este imposto turístico, Pardal coincide en que debería ir destinado "integramente para o sector turístico, para promoción, promoción e máis promoción, e despois ver como se poden redistribuír eses fluxos de turistas que xeran masificación en determinadas horas do día, que non en todas, en determinados días do ano, que non en todos". "Se vamos un 15 de agosto á Praza do Obradoiro claro que haberá moita xente, pero o interesante é ver canta ocupación hai esa semana en Santiago, para ver se son turistas de calidade ou excursionistas", expón, incidindo en que "ninguén deixa de vir a un destino por ter que pagar dous ou catro euros, pero hai que ter moi en conta como se aplicará esa taxa turística, tendo en conta tamén que en Santiago hai moita xente que vén traballar e precisa quedarse a pernoctar, e non son turistas, son traballadores". En resumo, "en caso de que se chegue a implementar, o sector aí ten moitísimo que dicir".

Miles de turistas e peregrinos chegan a Santiago nas festas de Apóstolo
Miles de turistas e peregrinos chegan a Santiago nas festas de Apóstolo | Fonte: NICOLÁS GÓMEZ CARBALLO - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta