'Libérate das garras da violencia', lema do 25N no Concello de Allariz

O concello, a través da Área de Igualdade, organiza diferentes actividades entre o 4 e o 25 de novembro co gallo do Día Internacional para a erradicación das violencias contra as mulleres.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 03/11/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Concello de Allariz conmemorará o 25N deste ano baixo o lema "Libérate das garras da ciolencia" e programando varias actividades que teñen como obxectivo erradicar as violencias que se exercen contra as mulleres.

Tania Álvarez, concelleira de Benestar Social e Cristina Outeiriño, técnica de Igualdade. Foto: Comunicación Concello de Allariz.
Tania Álvarez, concelleira de Benestar Social e Cristina Outeiriño, técnica de Igualdade. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

Os días 4 e 18 de novembro haberá un curso de defensa persoal e autocapacidades, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade. Para asistir deberase formalizar a inscrición no Fogar dos Maiores, teléfono 988 554 059 ou no correo electrónico igualdade@allariz.gal. Esta formación impartirase polo persoal da Federación Galega de Loita que ten como obxectivo princiapal coñecer protocolos de actuación cara diversas situacións de violencia de xénero, pero traballando máis vertentes que a propiamente física.

O venres 24 de novembro terá lugar na Casa de Cultura, ás 20:30h a representación da obra “O soño dos vagalumes”. Esta obra de teatro estará representada polo grupo de teatro de nais e pais da Universidade Laboral e dirixida pola alaricana Ángeles Álvarez.

Segundo explican Tania Álvarez, concelleira de Benestar Social, e Cristina Outeiriño, técnica de Igualdade, a obra está inspirada no libro das Marías de Santiago, relatando a historia de Maruxa e Coralia Fandiño, dúas irmáns que sufriron a represión franquista. Esta actividade pretende ser unha aproximación á memoria histórica e á violencia sistemática contra as mulleres ao longo dos anos, e sobre todo na época franquista. A representación terá entrada de balde ata completar capacidade.

E xa o 25 de novembro, ás 12:00 h., procederase a pendurar unha pancarta reivindicativa no balcón da Casa do Concello e á lectura do Manifesto Institucional contra a violencia de xénero.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta