O ataque ás sedes do PSOE enfronta a socialistas e populares en Galicia tras a negativa do PPdeG a condenalas

O PPdeG é reticente a apoiar este punto dunha declaración institucional na Cámara e pide, ademais, incluír unha condena implícita da amnistía. Rueda: "condenamos calquera agresión a calquera partido político ou calquera político".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2023 | Actualizada ás 09:55

Comparte esta noticia

Os socialistas galegos e, en concreto, o deputado lucense e candidato á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, lanzou este martes unha proposta de declaración institucional da Cámara galega co obxectivo de condenar os "ataques" ás sedes do seu partido que se sucederon nas últimas horas.

Pleno do Parlamento de Galicia / Europa Press. / Europa Press
Pleno do Parlamento de Galicia / Europa Press. / Europa Press

Desta maneira, enviou aos demais grupos do hemiciclo galego (PPdeG e BNG) un texto ao que a última hora do martes respondeu o PPdeG, e a cuxo contido tivo acceso Europa Press, eliminando as referencias expresas aos socialistas e ampliando a condena a "calquera" formación política. Ademais, engadiu unha mención á amnistía, facendo referencia a un rexeitamento a medidas de graza a persoas "procesadas ou condenadas por atentar, agredir ou vexar" aos membros das forzas da orde.

Neste punto, as negociacións encallaron onte á noite, posto que os socialistas establecen unha liña vermella clara: a mención expresa aos actos contra as súas sedes e os membros do seu partido, por ser os feitos que traen causa da declaración institucional. Ademais, na contraoferta enviada polos socialistas aos populares, á que tivo acceso Europa Press, tamén se elimina a parte final referida a as medidas exculpatorias.

INTERCAMBIO DE PAPEIS

Desta maneira, o intercambio de papeis sucédese nas últimas horas con obstáculos de frutificar se non hai unha inclusión expresa á condena dos actos que se sucederon, despois de que este mesmo martes o PSOE tamén reprochase ao PP a morneza na súa postura e, en concreto, Besteiro recriminase ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, que non rexeitase os actos ante as súas sedes.

A contraproposta do PSdeG (a versión inicial contaba co visto e prace do BNG a priori), condena "os ataques contra as institucións públicas ou contra as sedes de calquera formación política, así como as ameazas, insultos e ataques aos seus membros", tal e como xa propuxo o PPdeG.

O segundo punto, no que por agora non hai acordo, sería "condenar, en virtude do exposto, os ataques contra as sedes do Partido Socialista, así como as ameazas, insultos e ataques aos seus membros que están a padecer estes días". Si están ambas as formacións de acordo en que se pida "pór fin aos discursos de odio que fomenten comportamentos hostís contra os partidos políticos democráticos e os seus membros".

Nun cuarto punto, só están de acordo na primeira parte do texto, inicialmente xa incluída polo PSOE. Isto é, en "mostrar o apoio ás forzas e corpos de seguridade do Estado no cumprimento efectivo e na defensa da orde constitucional", sobre o que non hai un pronunciamento aínda da opinión do BNG. Neste punto, en todo caso, quedaría suprimida a intención do PPdeG de rexeitar a concesión de calquera medida de graza en favor de persoas procesadas ou condenadas por atentar, agredir ou vexar" aos membros das forzas da orde.

RESPOSTA DE RUEDA

A proposta de declaración institucional promovida polo PSdeG no Parlamento de Galicia, e que anunciou o candidato socialista á Xunta, encallou nas negociacións entre os grupos e a sesión parlamentaria concluíu sen acordo nunha xornada na que houbo os primeiros pronunciamentos públicos de populares condenando os ataques ante as sedes socialistas.

Tras o intercambio de papeis desde este martes, especialmente entre os socialistas e populares, na sesión de control, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, respondeu publicamente á petición do PSOE, pero rexeitou facer mención explícita aos ataques ás sedes socialistas, como pedía o PSdeG que se acordase.

"Por suposto que condenamos calquera agresión a calquera partido político ou calquera político", dixo, para reprochar, a continuación, que "é difícil" de entender por que os socialistas "non queren condenar o vandalismo" ao coche dun alcalde (polo de Oroso) ou o "escrache" a unha concelleira popular.

Con esta resposta xa marcou de novo as diferenzas entre a proposta do PSOE, en cuxa contraoferta aos populares incluíase a condena xeral a todos os partidos, pero tamén unha mención explícita aos ataques e "ameazas" aos socialistas, os feitos que, como lembrou na pregunta ao presidente a viceportavoz socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, son os que están a ocorrer neste momento. Pola súa banda, Rueda puxo o acento en que os socialistas eliminaron desa proposta de declaración a referencia ás medidas de graza, unha postura que o presidente autonómico cualificou de "incoherencia, intolerancia e indescritible".

BESTEIRO VE A RESPOSTA "AMBIGUA"

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, reprochou ao presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, "ambigüidade" na súa resposta aos ataques a sedes socialistas, no caso de Galicia as de Lugo e Ferrol e demandoulle "porse ao lado do non violentos".

Fíxoo a preguntas dos xornalistas e despois de que, en sesión de control parlamentaria, Rueda asegurase que condenan "calquera agresión a calquera partido político ou calquera político" en resposta á petición de declaración institucional impulsada polo PSdeG para "condenar os ataques" ás sedes socialistas pola amnistía a independentistas.

"Tivo a oportunidade histórica para porse ao lado do non violentos", remarcou Besteiro, quen asegurou que se está producindo "un ataque aos alicerces da democracia". Ademais, insistiu en que por parte de Rueda está "a caerse nunha vía perigosa, nesa liña que segue Feijóo alentado polo PP máis ultra desde a capital de España".

"Non responde os votantes do PP en Galicia, que non son violentos", insistiu o candidato socialista, quen considerou que as manifestacións de Rueda sobre o que está a suceder responden á "ambigüidade". "Son ataques a sedes do PSOE", dixo ao defender que debe condenarse a violencia e, especificamente neste caso, a que que se está producindo nestas sedes.

Así para Besteiro ao "non querer facelo parece que un está detrás e alentando esas situacións, hai ataques a un partido en concreto", insistiu para incidir en que xa se formalizou denuncia polos rexistrados nas de Lugo e Ferrol.

ATAQUES EN LUGO E FERROL

En concreto, no caso de Lugo durante o fin de semana rexistráronse actos vandálicos contra a sede provincial. A fachada do edificio, situado na rúa Salmón e afastada do centro da capital, amenceu na xornada do luns cuberta de ovos. Operarios do sector de limpeza traballaron durante toda a mañá para reparar os danos, segundo confirmaron a Europa Press fontes próximas ao partido.

Á súa vez, o local do PSOE de Ferrol apareceu nas últimas horas cunhas pintadas, nas que se pode ler 'España non rompe', ademais dunha inscrición que apunta ao seu logotipo coa palabra 'puteros'. A agrupación local, a través dun comunicado, condenou esta acción e rexeitou todas as actitudes violentas que "só radicalizan e pon en perigo a convivencia".

O partido xa presentou unha denuncia en sede policial e detallou que estas apareceron "despois dunha convocatoria por redes sociais e alentada por certos representantes políticos de Vox para concentrarse" fronte ao local socialista, acción que tivo lugar ás 20,30 horas deste martes, 7 de novembro.

O PSOE de Ferrol detallou que condenan as pintadas realizadas "na nosa sede local, así como todas as accións violentas producidas en numerosas sedes e institucións en municipios de toda España" e que "cando se promoven este tipo de accións por acción ou omisión, non se defende o dereito de manifestación e libre expresión, o que se sementa é unha serie de comportamentos propios da extrema dereita".

Ademais, detallan que "a violencia, sexa verbal ou física, sempre foi a ferramenta do extremismo e do fascismo", e que é "unha contradición pedir o respecto ás normas democráticas e ao Estado de dereito e logo alentar estas actitudes por parte da extrema dereita e o silencio da dereita democrática no noso país".

DIRECCIÓN PROVINCIAL

Tamén esta formación política a nivel provincial saíu ao paso desta acción, "condenando o ataque contra a Casa do Pobo de Ferrol, a sede dos socialistas da cidade, e os demais episodios de vandalismo e acoso vividos en toda España nos últimos días".

Ademais, estiman que este "non é un ataque ao PSOE, senón á democracia" e instan ás demais formacións políticas locais e galegas e, en particular, ao PP de Ferrol e ao PPdeG, a "condenalo e rexeitar o uso da violencia xa que actos como estes son inadmisibles nunha sociedade democrática".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta