Os comercios galegos poderán adherirse en decembro ao Bono Deporte da Xunta, que entrará en vigor en xaneiro

Trátase de bonos de 120 euros cos que se poderá sufragar ata o 80 % de compras de material e equipamento, a asistencia a clases ou a realización de actividades deportivas dos nenos de seis a 16 anos con licenza federada ou inscrita no programa Xogade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2023 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, avanzou que os establecementos poderán adherirse en decembro ao Bono Deporte da Xunta, que entrará en vigor no mes de xaneiro. Diego Calvo pronunciouse deste xeito en reposta a unha pregunta formulada pola deputada do PPdeG Guadalupe Murillo durante o pleno da Cámara galega, no que destacou que esta medida contribuirá a aliviar ás familias de gastos nun contexto de inflación e incerteza.

Así, como primeiro paso, sinalou que o Diario Oficial de Galicia publica este mércores a convocatoria do procedemento para a selección da entidade colaboradora que participará na entrega e distribución das axudas. O seguinte paso será a aprobación o próximo mes de decembro para que os establecementos comerciais ou entidades fornecedoras do servizo poidan adherirse ao programa. Trátase de bonos de 120 euros cos que se poderá sufragar ata o 80 % de compras de material e equipamento, a asistencia a clases ou a realización de actividades deportivas dos nenos de seis a 16 anos con licenza federada ou inscrita no programa Xogade.

Dotada cun orzamento de 16,2 millóns de euros, Diego Calvo destacou que a medida busca impulsar a inclusión de hábitos saudables a través da actividade física nas xeracións máis novas, así como proporcionarlles ás familias apoio económico fronte aos custos deportivos dos seus fillos. O vicepresidente primeiro indicou que se prevé beneficiar a máis de 135.000 deportistas e enmarcou a medida no traballo que realiza a Xunta a favor do deporte en Galicia, como motor de saúde e de benestar.

Nesta liña, referiuse ao incremento de case un 30 % das licenzas federadas rexistrado en Galicia en 2022 con respecto ao anterior, como mostra da boa marcha da práctica deportiva. Diego Calvo sinalou que o lanzamento do Bono Deporte enmárcase no compromiso da a Xunta co deporte base e complementa outras medidas pioneiras en Galicia como o seguro gratuíto para participantes do programa Xogade, cun orzamento de 4,3 millóns de ata 2024. Ademais, puxo en valor que o orzamento de máis de 56 millóns de euros co que contará o deporte galego o próximo ano contempla 8 millóns de euros para apoiar ao tecido asociativo e 17,5 millóns de euros para a creación e mellora de infraestruturas deportivas nas catro provincias galegas.

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, no Parlamento de Galicia
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, no Parlamento de Galicia | Fonte: XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta