O BNG denuncia na Eurocámara a pésima xestión do transporte público en Galicia

A eurodeputada Ana Miranda sinala que o sector está "case monopolizado" pola empresa Monbus.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2023 | Actualizada ás 18:12

Comparte esta noticia

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou no pleno do Parlamento Europeo os problemas do transporte público en Galicia e a súa "pésima" xestión. "É un escándalo", di, que se traduce na discriminación que sofren os galegos.

"Buses cheos nos pobos e cidades; xente esperando durante horas para chegar ou volver dos traballos e aos centros de estudos; falta de frecuencias horarias e de billetes, que obriga a quen precisa desprazarse a reservar moitas semanas antes, atrasos continuos; falta de conexións para as zonas rurais e precariedade nos contratos dos traballadores de transporte", relata Miranda na súa intervención.

A eurodeputada nacionalista denuncia que o sector do transporte en Galicia está "case monopolizado" pola empresa Monbus, "un monopolio amparado polo Goberno galego do Partido Popular que non ten en conta as decisións xudiciais".

Neste sentido, Miranda fixo referencia á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, avalada polo Supremo, que sostén que Monbus e Alsa repartíronse o mercado de transporte de viaxeiros por estrada en Galicia de forma fraudulenta.

"A normativa europea de concorrencia segue sen respectarse en Galicia", avisa a eurodeputada do Bloque na súa intervención, á vez que considera "moi grave" que a Xunta ampare esta vulneración da normativa europea en lugar de facer cumprir a lexislación e traballar para mellorar a calidade do servizo.

Arquivo - Ana Miranda, no pleno do Europarlamento. CHRISTIAN CREUTZ - Arquivo
Arquivo - Ana Miranda, no pleno do Europarlamento. CHRISTIAN CREUTZ - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta