Adolfo Domínguez lembra a súa infancia no rural na recollida no Premio Ourensanía

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 10/11/2023 | Actualizada ás 21:12

Comparte esta noticia

O deseñador ourensán Adolfo Domínguez recibiu este venres o Premio Ourensanía 2023, que entrega a Deputación de Ourense, en recoñecemento á súa traxectoria profesional, que lle levou a recoller importantes galardóns sendo o modisto galego máis premiado.

Empresario, intelectual, modisto e escritor, Domínguez dedicou a súa vida profesional a desenvolver desde Galicia un grupo empresarial de moda con proxección internacional. A súa firma dispón na actualidade de 345 puntos de venda en 22 países e emprega a máis de mil profesionais, na súa maioría nos servizos centrais de San Cibrao das Viñas, en Ourense.

Adolfo Domínguez naceu no concello ourensán da Pobra de Trives, un lugar que tivo moi presente na súa intervención no Teatro Principal ourensán onde recoñeceu que non se esperaba "en absoluto" o recoñecemento. No seu discurso de agradecemento, lembrou a súa infancia nas montañas ourensás e subliñou a importancia do rural e da presenza da natureza, "que o arranxa todo". "Por que non facemos de Ourense unha cidade de flores? Con balcóns cheos de plantas que estaban na nosa tradición", expuxo desde o escenario.

O modisto destacou a beleza da parte oriental da provincia pondo o foco no pobo do seu pai, Cernado, pero tamén noutras zonas de Ourense como a catedral. "Gústame máis que a de Santiago de Compostela", aseverou.

Alfonso Rueda, Adolfo Domínguez e Luís Menor na entrega do Premio Ourensanía 2023. XUNTA
Alfonso Rueda, Adolfo Domínguez e Luís Menor na entrega do Premio Ourensanía 2023. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta