A Audiencia da Coruña acolle a próxima semana dous xuízos por delitos de agresión sexual e un por abuso a unha menor

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2023 | Actualizada ás 13:26

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial da Coruña acollerá a próxima semana dous xuízos por delitos de agresión sexual e un deles por abuso sexual a unha menor de 13 anos.

A sección primeira da Audiencia da Coruña acollerá, a porta pechada, o vindeiro luns un xuízo contra un home para o que Fiscalía solicita tres anos de prisión por malos tratos habituais, dous anos por ameazas, 10 meses por malos tratos de xénero e 12 anos por delito continuado de agresión sexual.

O Ministerio Público considera que se lle debe impor a medida de liberdade vixiada ao acusado durante 10 anos tras o cumprimento da pena privativa de liberdade, ademais de diferentes prohibicións de achegamento á vítima e contacto con ela.

A maiores pide que se acorde a execución en España das penas privativas de liberdade impostas, ata un límite de sete anos de prisión, e tras ese cumprimento, deberá procederse á expulsión do territorio español do acusado, con prohibición de regreso durante 10 anos, desde que se realicen a expulsión. O acusado indemnizará á vítima con 10.000 euros polo dano moral e con 250 euros polas lesións, así como ao Sergas na cantidade a que ascenda o custo de asistencia á vítima.

10 ANOS DE PRISIÓN POR AGRESIÓN SEXUAL

Por outra banda, a sección primeira deste xulgado celebrará o vindeiro mércores, a porta pechada, un xuízo contra un home acusado de agresión sexual sobre unha muller polo que Fiscalía solicita 10 anos de prisión. O delito produciuse nun hotel en novembro de 2019.

Ademais, pide para o acusado a prohibición de comunicarse coa vítima ou aproximarse a ela, ao seu domicilio, lugar de traballo, centro de estudos e calquera lugar no que se atope a menos de 500 metros por un tempo de 15 anos. Tamén solicita unha indemnización para a vítima de 10.000 euros e ao Sergas segundo o que determine a sentenza pola atención á muller.

ABUSO SEXUAL A UNHA MENOR DE 13 ANOS

A sección segunda da Audiencia xulgará o vindeiro xoves a un home acusado dun delito continuado de abuso sexual a unha menor de 13 anos, polo que solicita cinco anos e 11 meses de prisión.

Segundo o escrito fiscal, o delito produciuse en varias ocasións desde mediados de 2015 "co ánimo de satisfacer os seus impulsos e desexos sexuais, aproveitando a relación análoga á paterno filial e os momentos nos que ambos estaban sós no domicilio e en contra da vontade da menor".

O Ministerio Público solicita para o acusado a medida de Liberdade Vixiada, con posterioridade ao cumprimento da pena, durante sete anos, así como unha indemnizaciónd e 10.000 euros á vítima.

O fiscal pide que se lle prohiba aproximarse á menor, ao seu domicilio e a calquera outro que frecuente a moza a unha distancia de 300 metros, así como a prohibición de comunicarse con ela por calquera medio directo e indirecto durante catro anos.

Exterior da Audiencia Provincial da Coruña
Exterior da Audiencia Provincial da Coruña | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta