Por Galicia Confidencial | A Coruña | 13/11/2023 | Actualizada ás 22:00
'Non é un presidente, é un delincuente', 'Sánchez fóra, deshonras a túa bandeira', 'Non é un presidente, é un ditador', 'Puigdemont, a prisión', e, curiosamente, 'Besteiro, a prisión'. Os lemas que se corearon nas manifestacións que o pasado domingo convocaron a 13.000 persoas nas principais cidades galegas segundo a Delegación do Goberno --30.000 segundo o PPdeG-- amosan ben as claras a nova estratexia do Partido Popular; mobilizar aos seus e aos que non son seus para continuar co clima de presión absoluta xa non a Pedro Sánchez, senón tamén ao PSOE.
De feito, os principais dirixentes do PPdeG insistiron o domingo, e este luns, en que moitos dos que foron a esas protestas "non eran do PP". Un argumento que vai na liña do xa pronunciado por Feijóo hai uns días de que o "PSOE no existe" e que tenta encerellar e causar caos e confusión no partido de Sánchez para desmobilizar e desmotivar aos seus votantes e ter novos argumentos cos que atacar ao presidente español.
"Que non se equivoquen no PSOE. Eu estiven na mobilización de Pontevedra e, aínda que é certo que estaba convocada polo PP, había moita xente que non era do PP, pero que quería estar alí para manifestar a súa indignación e rexeitamento cos pactos que se están facendo e as cesións", dicía este luns Afonso Rueda. Un argumento escoitado ao longo do día noutros dirixentes autonómicos do Partido Popular.
RUEDA: "A PROTESTA NON É DO PP, É DA CIDADANÍA"
O presidente galego repetía, en certo sentido, o dito xa o domingo, cando explicou que esta protesta "non é do PP, é da cidadanía", argumentando que "moita xente que está aquí non votou ao PP e poida que haxa xente do PSOE indignada co que está a facer o seu dirixente, deste PSOE que non recoñece". "Por moito que lles amole a algúns, este é un sentimento cidadán, un clamor que hai tempo que non se daba e está a manifestar unha indignación, con independencia de que a organice un partido concreto", insistía.
Non tardou en responderlle o candidato do PSdeG ás eleccións galegas, José Ramón Besteiro. "Os galegos son xente moi sensata que sabe distinguir cando un o tenta enganar", respondía este luns sobre se existe unha campaña do PP para tensionar a vida política. "A xente irase dando de conta de que iso da amnistía é unha escusa para poder volver repetir as eleccións a nivel nacional e a ver se desta vez o Feijóo que marchou dicindo que ía ser presidente do Goberno, a ver se sae", afirmou.
BESTEIRO: "HAI UN PARTIDO QUE NON ACEPTOU OS RESULTADOS DO 23X"
Así, ten claro que o Partido Popular utiliza a amnistía como "escusa" para buscar a confrontación porque "non acepta" o resultado do 23 de xullo e "quere repetir as eleccións" ata que "poida gobernar o PP". "Isto non vai de amnistía si e amnistía non, isto vai dun partido que non aceptou os resultados do 23 de xullo e quere repetir as eleccións as veces que sexa necesario ata que saia o resultado que quere, que é que poida gobernar o PP", dixo mantendo tamén o argumentario que tamén se lle escoitou a ministros socialistas e dirixentes deste partido.
En todo caso, o candidato socialista á Xunta ten claro que o PP "xoga coa ambigüidade" e con "alentar" estas protestas nunha estratexia na que o PP segue "os pasos que lle marcan directamente de Madrid". Tras iso, lembrou "outras amnistías" que se produciron na historia da democracia en España e lembrou que co popular Mariano Rajoy na Presidencia do Goberno "houbo unha amnistía fiscal" na que se "perdoaron delitos a xente que ocultaba bens á facenda pública fóra de España".
Non está só Besteiro na súas reflexións. Cargos do seu partido tamén o apoian. "O PP o que busca claramente é seguir na estratexia da confrontación, do tensionamento", apunta un alcalde do PSdeG da provincia de Pontevedra consultado por GC. "Antes o pacto de Sánchez con Podemos, logo era Bildu, e Txapote na campaña electoral e agora é a amnistía e Puigdemont. O que buscan son escusas para seguir tirados ao monte e non falar do que realmente importa que é o emprego, os servizos sociais, a sanidade ou a educación", critica.
EFECTO NAS ELECCIÓNS GALEGAS
Este rexedor non oculta que esta campaña de presión na rúa e nos medios de comunicación ten os seus resultados a curto prazo e, obviamente, pode influír na campaña electoral das galegas que, no peor escenario posible, poden celebrarse dentro de cinco meses. "Está claro que se tensionan á rúa co único argumento político que teñen que é o de utilizar o pacto do PSOE con Puigdemont pois pode durarlle unhas semanas, uns meses, pero así non poden aguantar toda a lexislatura", indica.
De feito, e a pesar de ser mobilizacións nas que os dirixentes populares din que participaron moitos cidadáns que non son deste partido, "e moitos deles do PSOE", nalgunha protesta, como na de Lugo, escoitaronse berros de "Besteiro, a prisión". "Está claro que hai tamén unha intencionalidade política en todo isto. Tentan acabar co PSOE, desxitimalo ante os votantes e, como?, pois atacando a Pedro Sánchez e, por ende, a Besteiro", aseguran.
Outro dirixente socialista ourensán cre que esta estratexia do PP "vai ter custes electorais" no PSOE nas eleccións galegas. "Está claro que están atacando a marca que representa hoxe o PSOE que é Pedro Sánchez e, obviamente, se a marca se resinte tamén afecta a Galicia", asegura.
BESTEIRO, O "CANDIDATO SANCHISTA"
Este cargo socialista está convencido de que o PP galego utilizará a mesma estratexia de "presión e tensión" co candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro, especialmente pola súa "vinculación con Pedro Sánchez". "Dirán que é un candidato sanchista e tentarán presionar con iso", asegura.
O enfado pola "campaña sucia", din, do PP contra Sánchez tamén sobrevoou a reunión da executiva socialista que tivo lugar esta fin de semana. E, aínda que non se falou expresamente da campaña contra o presidente español nin das eleccións galegas, o certo é que de portas cara a fóra varios dirixentes comentaron que vai ter efecto nos comicios galegos. "Se me preguntas hoxe, eu diría que non sería boa idea traer a Pedro Sánchez a un mitin a Galicia", asegura este dirixente. O alcalde, pola súa banda, é máis pragmático; "fan moito ruído pero isto non lles vai durar moito tempo", asegura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.