Formoso anuncia que a Deputación da Coruña ten intención de abrir delegacións en Santiago e Ferrol

Sobre a situación do peche na central das Pontes, onde é alcalde, o presidente da Deputación da Coruña sinalou que "Endesa non se compromete coas auxiliares".

Por E.P. | Ferrol | 14/11/2023 | Actualizada ás 18:01

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, anunciou este martes que a intención é que a institución provincial abra sedes en Santiago e Ferrol, onde xa hai "unha sede tributaria", pero "non é a mellor das imaxes".

Así, o socialista explicou que quere para estas cidades "unha sede que tamén ensine as outras caras". A idea, polo momento, "está verde" en canto á localización, pero están a buscarse posibles emprazamentos.

"A nosa intención é ter presenza en Santiago e en Ferrol, cidades onde a Deputación ten unha vida económica, cultural, social e deportiva enorme", dixo Formoso durante a súa participación no ciclo 'Conversas no Parador', que organiza o Club de Prensa de Ferrol.

ENDESA

A preguntas dos medios de comunicación sobre a situación na que está o proceso de peche da central térmica da localidade das Pontes de García Rodríguez, onde é alcalde, González Formoso asegurou que "o que preocupa enormemente" é que "Endesa non se compromete coas auxiliares".

"Non o entendemos, porque Endesa mostrou un compromiso social alí, innegable", explicou, lembrando que "mantivo en nómina a todas as compañías, aínda necesitando seguramente unha porcentaxe moi pequena para manter unha central que operaba cun grupo de cando en vez, e mantívoo durante anos".

Neste sentido, incidiu en que "agora, por meses que quedan ata o inicio do desmantelamento, descólgase da sensibilidade social e o compromiso con menos dun centenar de persoas que van traballar no desmantelamento, pero que se teñen que ir á rúa".

"É, desde o meu punto de vista, un acto absolutamente torpe por parte de Endesa, que o recibiu todo deste territorio, que recibiu beneficios multimillonarios cada ano e que debería, desde o noso punto de vista, demostrar compromiso ata o final", sentenciou.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. DEPUTACIÓN DA CORUÑA
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Que tempos aqueles... 15 de maio de 2011... pasaron 12 anos, unha pandemia, unha guerra e un xenocidio... e cando case tódolos partidos recoñecían o absurdo papel das Deputacións e avogaban pola súa supresión definitiva... Agora non só ninguén fala da súa abolición senon que se Multiplican coma Fungos (?) En Pontevedra abren sede en Vigo. En Coruña abrirán sede en Santiago e Ferrol... ¿Por que non abren sede na Arxentina, Brasil, Suiza...? A vivir que son dous días...