As obras de construción da Cidade da Xunta en Santiago provocarán este sábado novos cortes de tráfico

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2023 | Actualizada ás 17:02

Comparte esta noticia

O avance nos traballos de reurbanización da avenida Rodríguez de Viguri de Santiago de Compostela fará necesario cortar este sábado o tráfico no tramo comprendido entre a glorieta da rúa Monte dos Postes e a Avenida do Camiño Francés. Segundo informou a Xunta, este corte servirá para executar os traballos de aglomerado na calzada, aproveitando a diminución da actividade laboral na contorna da Administración galega.

En concreto, este corte é necesario para realizar estes traballos na calzada esquerda da rúa Rodríguez de Viguri, sentido ascendente da rúa, dado que o ancho final da mesma non permite o cruzamento da máquina extendedora con vehículos na vía, particularmente autobuses. O desvío do tráfico estará debidamente sinalizado durante a intervención.

A previsión é que estes mesmos traballos teñan continuidade na calzada dereita a partir do luns, día 20, executándose nun dos dous carrís e deixando, neste caso, o tráfico polo que queda libre. A Xunta avanza na remodelación da avenida Rodríguez de Viguri, cun investimento de 1,6 millóns, no marco da coordinación co proxecto da Cidade de San Caetano, e tras realizar algúns axustes que optimizan a intervención en marcha.

Así, está a prolongarse o carril bici ata a zona das Cancelas que, xunto co itinerario proxectado entre O Milladoiro, a estación intermodal e San Caetano, permitirá completar unha conexión que incluirá o complexo administrativo autonómico, Área Central, o Multiúsos do Sar ou os hospitais.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisa o avance das obras da 1ª fase do complexo administrativo Cidade de San Caetano
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisa o avance das obras da 1ª fase do complexo administrativo Cidade de San Caetano | Fonte: CONCHI PAZ - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta