Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2023 | Actualizada ás 18:49
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou en Montevideo no encontro mundial de empresarios galegos e destacou o carácter exemplar da comunidade galega no exterior pola dedicación e compromiso e pola "integración leal" nos mecanismos económicos e de desenvolvemento nos países acolledores.
Segundo informou a Xunta, o encontro ten como obxectivo fortalecer as relacións económicas entre Galicia, Uruguai e o resto dos países con presenza de empresarios galegos, consolidando os vínculos entre as diferentes comunidades. "A galeguidade únenos e debémonos seguir xuntando ante os retos que se presentan nesta economía global cambiante", indicou Rivo, á vez que destacou a conexión económica e histórica das relacións comerciais entre Galicia e Uruguai.
Elena Rivo incidiu que as relacións comerciais internacionais son un "activo valioso" que require ser nutrido e fortalecido porque "contribúe tamén a reforzar os lazos culturais e humanos". Desta forma, a Xunta traballa para que Galicia sexa "terra de oportunidades e atraia investimentos" do exterior. Rivo puxo como valor, para avanzar nese propósito, a xestión pública "responsable e sensata, a estabilidade política, a solvencia financeira e o compromiso coa promoción económica".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.