Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2023 | Actualizada ás 18:54
O Concello de Santiago emitiu este venres un comunicado no que precisa que a instrución sobre inspección "reúne a normativa autonómica e estatal de medidas de seguridade dos locais" e ten por obxecto "establecer os criterios que debe seguir o persoal técnico do Servizo de Licenzas e Disciplina Urbanística nos procedementos de inspección que se prevé realizar nos establecementos en que se realicen actividades incluídas no Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da comunidade autónoma de Galicia".
O "estado da alarma creado na opinión pública como consecuencia dos incendios producidos recentemente en locais de lecer nocturno", un deles nunha sala compostelá, "aconsella reforzar os labores de inspección e vixilancia" neste tipo de locais, apunta o consistorio. Para iso, o goberno local aposta pola realización de inspeccións "para comprobar que ditas actividades están a realizarse conforme á legalidade e sen riscos innecesarios para as persoas usuarias en caso de incendio".
Este labor de inspección centrarase primeiramente en comprobar se o establecemento axústase ao título habilitante concedido. Nese sentido, no que se refire á configuración do local, comprobarase se a distribución, a posición de mobiliario fixo ou barras para bebidas e os percorridos e saídas de evacuación correspóndense co autorizado.
Tamén se comprobará se o local conta cos elementos de sinalización visibles, alumeado de emerxencia e instalacións de seguridade contra incendios en bo estado de funcionamento e axustadas ao proxecto ou á documentación técnica licenciada. No caso de que o resultado da inspección sexa desfavorable, tomaranse as medidas para a reposición da legalidade de acordo co disposto na normativa de aplicación.
Para o caso dos establecementos que se axusten á licenza concedida pero non cumpran a normativa en vigor en materia de accesibilidade ou seguridade que sería esixible na actualidade, seguirase o mesmo criterio que ata agora, é dicir, non se requirirá a adaptación total do local á normativa vixente na actualidade, aclarou o concello.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.