25N- Juan Carlos Permuy: "A masculinidade igualitaria permite derrubar moitas presións sobre o home"

Juan Carlos Permuy é psicólogo e un dos organizadores das XIII Xornadas “Achégate á Igualdade" "Queres formar parte? Novas masculinidades, novas oportunidades". Este encontro celebrouse o 16 de novembro e nel abordouse a nova masculinidade, unha revisión do papel do home na sociedade para derrubar estereótipos e presións como ser duro, non chorar ou ser provedor. Aínda así, queda moito por avanzar na explicación das novas masculinidades ou masculinidades igualitarias.

Por Moncho Mariño | Santiago | 22/11/2023 | Actualizada ás 21:20

Comparte esta noticia

Juan Carlos Permuy
Juan Carlos Permuy | Fonte: CoidadosaMente

-As masculinidades igualitarias serían unha “corrección” das masculinidades tal como as viñamos entendendo, a discriminación cara á outra parte da sociedade?
Cando falamos de masculinidades pensamos na idea de relación entre un home e unha muller. Nós falamos tamén da relación dun home con el mesmo, pois desde a nosa postura pensamos que unha vía para relacionarse mellor coa contorna, coas mulleres e unha relación mellor con el mesmo vai axudar a esa persoa a quitar moitas presións, moitos adxectivos propios. Cando pensamos en novas masculinidades, pensamos nos beneficios que lle pode aportar á muller un home máis sensible, con maneiras de relacionarse máis igualitarias. Pensamos tamén nos beneficios que trae para o home, botar abaixo moitas das presións sobre el. É difícil ser home hoxe tamén.

-As xornadas “Achégate á igualdade. Queres formar parte? Novas masculinidades, novas oportunidades”. Cales son esas novas oportunidades para os homes nunha sociedade onde se acepten as masculinidades igualitarias?
A primeira é ser un home que aposta por acabar coa agresividade e coa violencia en todas as súas formas, acabando co machismo, agresións ou comentarios machistas. Tamén é interesante entender este novo rol que rompe estereótipos de xénero aprendidos sobre masculinidade e feminidade. Acabar coa idea de que os homes non choran, non coidan ou que non deben ser sempre fortes e non mostrar nunca as súas debilidades, aí é onde radicaría a fortaleza para este novo concepto, na capacidade para ser humano e na capacidade para poder sentir quen son eu. Nas xornadas houbo unha mesa redonda onde participaron uns mozos que fixeron carreira en deportes considerados tipicamente femininos, con toda a dificultade que isto implica. Hoxe pola contra, hai mulleres que poden entrar en escenarios considerados masculinos, por exemplo, o fútbol. Hoxe non sorprende tanto ver unha muller xogando fútbol mais si pode espertar sorpresa ver un home participando en patinaxe artística, ou danza ou ballet. As masculinidades igualitarias son unha oportunidade para o home e para a muller porque elas ven como os homes estamos activos na loita contra os estereótipos. Logo está a figura dos homes que coidan. Esta actividade sempre foi considerada como feminina, mais hoxe ver un home coidando dos fillos e ver como non traballa laboralmente e está coidando dos fillos é unha maneira de romper coas estruturas establecidas. Todo isto é unha oportunidade para homes e mulleres. O caso é que desde hai tempo viñamos observando como o discurso feminista, igualitario moitas veces estaba focalizado en colocar a parte dos mozos nas antípodas do que buscabamos. É como se pouco a pouco os puxesen nun extremo, como se o discurso non chegase a eles de maneira correcta. Por tanto, necesitamos a participación de todos, non só das mulleres, non podemos normalizar o feito de que se hai unha manifestación contra a violencia de xénero, o 95% das persoas asistentes son mulleres. Necesitamos que os homes participen nesta nova concepción social.

-Explica cal foi o funcionamento dos obradorios destas xornadas.
Buscabamos que as xornadas fosen un achegamento e un chamado tanto ás mulleres que evidentemente, sempre están aí, sempre acoden a este tipo de formacións, de reflexións en conxunto; pois neste caso queremos tamén ofrecer unha oportunidade para repensar ser home. O 80% destas xornadas están feitas con esta finalidade. Na mesa redonda participaron dúas mulleres máis unha deportista, no resto das xornadas participaron homes, pois queriamos figuras relevantes masculinas que tamén nos fagan ver tamén que unha nova idea de ser home tamén é válida, é beneficiosa e vainos axudar a todos. As xornadas exploraron como os homes poden desenvolver un papel máis activo na loita contra a violencia de xénero. Tentamos ver a igualdade de xénero non como unha ameaza, senón unha oportunidade cara unha sociedade máis xusta. Aínda máis, o grande obxectivo destas xornadas é fomentar conciencia, reflexión e acción. Isto faise tentando transformarnos a todos en axentes de cambio, nos barrios, entornos e na mesma vida persoal de cada un. Xa dixen que unha das mesas redondas contou coa participación de persoas do deporte. Aquí non podemos esquecer o sucedido no mundial de fútbol feminino motivado por un feito arquetípico, a selección feminina gaña un mundial e o máximo representante da Federación Española actuou como actuou, con esa obscenidade. Daquela vimos dun movemento moi potente sucedido este verán e xusto quixemos comezar as xornadas desde aí, desde ese movemento deportivo, desde persoas que se achegan ao mundo deportivo con certas dificultades ás veces, como puidemos ver coa selección feminina de fútbol. Na mesa redonda participou vía online Vero Boquete, xogadora da Fiorentina e foi comentarista no mundial. Tamén participa na campaña “Non contes comigo para...”, organizada polo Concello de Ames. Estiveron Carlos Sinorini, patinador de categoría nacional dun clube que se chama Ágora de Boqueixón, Martín Casal é ximnasta de ximnasia rítmica do clube 'Viravolta' de Santiago.

-De que maneira espuxeron a súa visión sobre o rol masculino no deporte?
A mesa titulábase “A forza do desexo fronte aos papeis de xénero establecidos no deporte”. Estes dous mozos falaron da súa experiencia en deportes considerados femininos e onde se cuestionaba moito que un mozo puidese participar neles. Na mesa estaba tamén Angy Nogueira, xogadora de fútbol sala no clube Meigas de Ames e tamén estivo a súa adestratoda María Pérez. Tamén houbo unha palestra de Silverio Sáez, doutor en psicoloxía e sexólogo, quen falou sobre todos os puntos abordados até o de agora nesta entrevista, a “reforma” das masculinidades. Logo estivo Ritxar Bacete que é antropólogo e traballador social que falou sobre os homes ante o desafío da igualdade. Cada un deles desenvolveu canda seu obradoiro, simultáneos, durante a tarde.

-Como encaixan as novas masculinidades en movementos como o LGBTIQ+?
Se de algo falamos aquí é de respecto á diversidade, á individualidade e respecto á humanidade. Se nunha cousa pensamos cando organizamos esta xornada ou calquera outra é pensando nos valores humanos. O movemento LGBTIQ+ aposta polo respecto á diversidade e unhas xornadas sobre novas masculinidades apostan polo respecto á diversidade e pola ausencia de calquera tipo de violencia.

-Introducir este concepto da nova masculinidade necesitaría dun período a medio prazo polo menos. Habería mesmo que comezar polos centros de ensino.
Creo que é pertinente cambiar estrutura entre persoas coma nós, adultas xa, que necesitamos algún foco de toma de conciencia, un punto de inicio onde nos cuestionemos o que somos, como somos, como convivimos  e como nos tratamos nós mesmos. Mais a abordaxe para este cambio debe ser ambiental, desde todos os estratos sociais e comezando polas idades máis temperás. Sinto como que estamos nunha época onde en xeral, onde a maior parte dos centros docentes, os plans educativos, equipos directivos e desde as escolas infantís, xa están traballando sobre o respecto, a non violencia, novas formas de relación entre todos, onde se están cuestionando os papeis de xénero establecidos tradicionalmente. Un pai contounos sentir que os seus fillos xa viven nun mundo novo, cunhas ideas máis solidarias e igualitarias, que aceptan a diversidade. Ese é un traballo de anos, queda moito pois vivimos nunha cultura que ao final nos inflúe, aínda sentido estarmos fóra dela. Isto parte de idades moi temperás.

-Que é ser home e que é a masculinidade?
Desde o meu punto de vista, ser home primeiro é ser persoa. Non podo entender ser home sen habitar un mundo onde me relaciono e nos relacionamos con outros, sexan homes ou mellores. Non podemos entender un mundo onde ser home signifique ser algo máis que unha muller ou estar por encima da muller. Esta é unha pregunta delicada, ser home damo a miña identidade, iso é algo que sei e está na miña mente e vai máis alá do meu propio sexo, porque podería sentirme muller habitando un corpo de home. Para min ser home é unha identidade, síntome un home mais non deixo de ser un humano, e ser humano implica unha serie de emocións, de formas de ser, de sentir, de respectar, de coidar e de maneiras de vivir as miñas emocións que non teñen nada diferente a como as pode vivir unha muller. Ser home é ser unha persoa que nace e necesita transitar a vida da mesma maneira que lle toca vivir a unha muller, co mesmo esforzo que lle dedica unha muller partindo dunha posición de igualdade. Mais se a pregunta vai sobre que significa ser home, entendo que está na identidade de cada quen e na mente de cada quen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta