Achan unha semente de uva de final do Imperio Romano en Valdeorras

Isto supón a presenza de vides no xacemento de Valencia do Sil no século IV d.C nunha comarca vencellada ao viño

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/11/2023 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

O equipo de Sputnik Labrego, co apoio do Concello de Vilamatín de Valdeorras, descubriu unha semente de uva (vitis viniferaI) do século IV d.C, datada por radiocarbono. Este descubrimento está no marco dunhas escavacións que levan facendo dende fai cinco anos no sitio de O Castelo en Valencia do Sil. Coas mesmas sacaron á luz un dos xacementos de época tardorromana máis completos do noroeste peninsular, así como obtiveron un importante conxunto de materiais que están a desvelar os segredos dos momentos finais do Imperio Romano.  “Recuperar este tipo de evidencias tan delicadas precisa dunha metodoloxía moi específica de toma de mostras de terra que despois levamos a un laboratorio onde son procesadas por flotación”, di Carlos Tejerizo, director do proxecto.

Imaxe da semente de vide atopada en Valencia do Sil
Imaxe da semente de vide atopada en Valencia do Sil | Fonte: sputnik labrego

A identificación desta semente foi realizada por los especialistas Nicolás Losilla, da Universidade de Granada, e Jérôme Ros, do Centre National de la Recherche Scientifique de Francia. “As análises mostraron efectivamente que se trata dunha semente de uva, o que mostraría a presenza de vides na contorna de xacemento. Aínda que o estado dos restos impidan confirmalo, a nosa hipótese é que existía un cultivo sistemático de vide na comarca e, polo tanto, viño local”, afirma Tejerizo.

Este resultado e moitos outros serán expostos nun seminario internacional que terá lugar o próximo venres 24 de novembro na Universidade de Santiago de Compostela. Neste seminario serán discutidos todos os datos provintes das escavacións do xacemento de Valencia do Sil. Este encontro contará con máis dunha ducia de especialistas, que discutirán aspectos como o comercio de época tardorromana, os efectos da minaría romana ou o contexto arqueolóxico do xacemento.

A semente atopada en contexto arqueolóxico ten unha gran relevancia nunha comarca tan vencellada ao viño como é Valdeorras. “Non podemos dicir que no século IV d.C. houbera viñedos como os que hai hoxe en día, mais si que a uva e seguramente o viño eran partes moi importante das economías da contorna”, di Francisco Alonso, da empresa TEMPOS Arqueólogos e coordinador das escavacións en campo de Valencia do Sil. “Tampouco podemos asegurar que tipo de uva era, se Godello, Mencía ou Garnacha, pero seguro que o viño estaba moi bo”, bromea Alonso. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta