Besteiro critica o "abandono" da sanidade pública por parte do PP que "está moi nervioso"

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta declara nunha concentración en Viveiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2023 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou que o PP "está moi nervioso" e asegurou que ese "nerviosismo" se incrementa porque "vai haber un novo Goberno en España que vai prestar moitísima atención a Galicia". A preguntas dos medios sobre as eleccións autonómicas antes de participar nunha concentración en Viveiro contra a "destrución da Atención Primaria", Besteiro sostivo que "o nerviosismo no PP vai 'in crescendo', pero, en todo caso, os socialistas galegos están "preparados" para "calquera continxencia que se produza". Así, asegurou que os socialistas van estar "implicados ao 100% desde Madrid", cun goberno "100% pensando en Galicia". "Nos temos a ilusión posta en cambiar as cousas e facer as cousas dunha maneira diferente", reivindicou.

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro./ PSDEG / Europa Press
O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro./ PSDEG / Europa Press

Besteiro, acusou á Xunta de "insolvencia" e de "falta de planificación" na xestión sanitaria. En declaracións aos medios en Viveiro antes de participar nunha concentración contra a "destrución da Atención Primaria", o líder socialista criticou o "abandono" da sanidade pública por parte do PP e sinalou que "iso si que é romper Galicia", diferenciando entre os concellos que dispoñen de atención sanitaria e os que non. Neste sentido, explicou que o 80% dos 67 municipios lucenses teñen baixas de médicos e 14 deles teñen risco de perder o servizo, segundo apuntou o socialista.

"Isto non ocorreu agora. Hai unha falta de planificación sanitaria grandísima. Levan 14 anos gobernando, xa non lle poden botar a ninguén a culpa. Esa insolvencia na xestión prodúcese na prestación dun servizo onde a xente o demanda", relatou Besteiro. Tamén fixo referencia ás listas de espera en Atención Primaria, "de entre 15 e 20 días" nun contexto con poboación cada vez máis envellecida.

Ademais, denunciou a situación na que se atopa o Centro de Saúde de Viveiro, que é "unha mostra máis da lamentable situación que padece a atención primaria en Galicia". Así, lamentou que os veciños do municipio leven "un ano sen pediatra" e con "só dous médios para atender urxencias e consultas". En contraposición ao modelo do PP, Besteiro defendeu que os socialistas galegos queren un modelo de atención primaria "multidisciplinar", que sexa "o centro real da saúde galega" con persoal con "condicións laborais dignas" e "cos recursos necesarios para volver ofrecer unha atención de calidade aos galegos e galegas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta