Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2023 | Actualizada ás 20:14
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, anunciou que o vindeiro martes se reunirá telematicamente co director xeral de Dereitos dos Animais, Sergio García, no marco dos contactos bilaterais ofrecidos polo Goberno central a aquelas comunidades interesadas en abordar as dúbidas de aplicación e competenciais suscitadas pola nova Lei estatal de protección de dereitos e benestar dos animais, en vigor desde o pasado 29 de setembro.
A representante da Xunta participou este domingo na asemblea convocada pola asociación Club de Raza Can de Palleiro, en Padrón, na que trataron a preocupación do colectivo pola nova normativa sectorial e os efectos que podería ter sobre esta raza autóctona, que, segundo os datos que manexa a propia entidade, conta con máis de 2.200 exemplares inscritos no seu Libro xenealóxico.
Neste sentido, tal e como trasladou o Goberno galego, do Campo destacou a importancia de clarificar canto antes varios aspectos e esixencias introducidas pola nova lei estatal, motivo polo que o seu departamento solicitou en varias ocasións unha reunión co Ministerio, co fin de determinar o alcance da mesma e clarificar o papel dos concellos e das comunidades na súa aplicación práctica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.