Centos de persoas maniféstanse en contra de declarar de interese público superior os proxectos eólicos aprobados o último ano

Este luns a Coordinadora 'Eólica Así Non' reuniu ás portas do Parlamento, mentres se debatía no seu interior a Lei de acompañamento dos orzamentos de 2024, a centos de persoas que protestaban contra as leis do PP "que entregan definitivamente o país ao capital privado".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 20/11/2023 | Actualizada ás 19:26

Comparte esta noticia

Centos de persoas convocadas pola Coordinadora 'Eólica Así Non' congregáronse esta tarde diante do Parlamento de Galicia para manifestar a súa repulsa contra as últimas propostas lexislativas do Partido Popular, coas que, segundo denunciaron, pretende sortear as sentenzas xudiciais do TSXG que están a paralizar proxectos eólicos ilegais, así como entregar definitivamente os recursos naturais do país ás eléctricas e mineiras. Trátase da Lei de acompañamento dos orzamentos de 2024, na que os proxectos eólicos autorizados desde o 30 de decembro de 2022 se declaran de “interese público superior”, así como a Lei de beneficios sociais e económicos derivados do aproveitamento de recursos naturais, impulsadas ambas as dúas polo PP pola vía de urxencia e sen a debida participación pública.

Protesta da Coordinadora 'Eólica Así Non'
Protesta da Coordinadora 'Eólica Así Non' | Fonte: Coordinadora 'Eólica Así Non'

"INTERESE PÚBLICO SUPERIOR" CANDO QUEREN DICIR "PRIVADO"

A concentración de Eólica Así Non desenvolveuse mentres no interior do Parlamento se debatía a Lei de Acompañamento dos Orzamentos, na cal o PP propón a declaración dos proxectos industriais eólicos de “interese público superior”, coa perversa intención de facer prevalecer a explotación enerxética do vento fronte a outras actividades económicas estratéxicas, a preservación do medio ambiente e o aproveitamento ordenado dos recursos naturais, tal e como denunciaron dende o colectivo. Ao berro de 'As leis do Capital non son de interese xeral', os colectivos e organizacións que conforman o movemento 'Eólica Así Non' acusaron ao Partido Popular de prevaricar ao reincidir na disposición de leis que recortan dereitos sociais e de participación pública e que favorecen a destrución do patrimonio ambiental e cultural, deixando á cidadanía galega totalmente indefensa e á mercede dos intereses especulativos do lobby enerxético.

A presunción de “interese público superior” facilita a tramitacion de renovables e considera por defecto os polígonos eólicos compatibles co medio ambiente, agás argumento en contra. Esta medida relega á Xunta da súa responsabilidade fiscalizadora nas avaliacións de impacto ambiental dos proxectos enerxéticos e deposita a tutela dos recursos públicos e a “carga da proba” na cidadanía, de forma, que teña que ser o pobo galego o que demostre a incompatibilidade de moitos dos macroeólicos xa autorizados e pendentes de autorización coa preservación da biodiversidade, da auga, dos servizos ecosistémicos, da paisaxe, do patrimonio cultural ou co benestar e saúde das comunidades afectadas, segundo alertan dende Eólica Así Non.

A LEI DE BENEFICIOS DO PP: O BRANQUEO DO ESPOLIO DO PAÍS

Ao tempo, atópase en avaliación no Consello Económico e Social o anteproxecto da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan recursos naturais de Galicia, tamén impulsada polo PP e dirixida unicamente a facilitar o camiño das grandes corporacións empresariais cara á explotación dos recursos naturais que son de todas e todos. Tal e como se concibe, segundo o colectivo, esta lei impide á Administración pública exercer un control efectivo sobre o aproveitamento de recursos naturais básicos para a supervivencia do pobo galego  (enerxía, auga, minerais…). Ben ao contrario, reforza o carácter privado da explotación dos recursos comúns e branquea o espolio do país con supostos beneficios xerais. Na práctica, esta lei servirá para que a Xunta do PP poida dotar de financiación pública encuberta aos negocios privados das súas empresas amigas, que xa se están a enriquecer coa explotación dos nosos recursos naturais.

Estas novas reformas legais constitúen na práctica o abandono da Xunta da súa función executiva a prol do interese xeral e o seu evidente sometemento ao servizo do capital privado, deixando en mans das grandes especuladoras o presente e futuro do noso país. Porén, desde a Coordinadora Eólica Así Non confían en que a mobilización social, o control do poder público exercido pola cidadanía e a independencia da Xustiza consigan deter os efectos perversos deste ronsel antidemocrático de reformas lexislativas, promovidas por un PP que, a cada paso que dá, deixa máis claro, na súa opinión, para quen está a gobernar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta