Pode ter Elon Musk a solución definitiva para gozar do Internet sen fallos no rural?

Dende Galicia Confidencial, e co gallo dun novo paso dos satélites de Starlink polo noso ceo, entrevistamos a Óscar Rodríguez, un mozo que vive nunha pequena aldea de Rois na que a conexión a Internet polos métodos tradicionais non é moi boa, polo que decidiu comprar a antena de Starlink.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 21/11/2023 | Actualizada ás 21:26

Comparte esta noticia

Para moitas zonas do rural galego ter acceso a Internet sen interrupción e que non se dilúa en días de treboada segue sendo, a día de hoxe, unha utopía. En pleno século XXI, onde xa se fala da intelixencia artificial como a raíña desta década, hai moitos lugares nos que descargarse un simple xogo para o ordenador ou ver unha película de Netflix sen interrupcións segue a ser unha tarefa imposible. Nestes últimos anos xurdiron algunhas empresas, como Rede Aberta, que están tratando de levar a fibra óptica ás pequenas aldeas de Galicia, pero a cousa vai para longo. Pero, e se Elon Musk tivese a solución? Dende Galicia Confidencial entrevistamos a un mozo do rural galego, que vive nunha aldea de Rois, e que comprou fai uns meses a antena de Starlink e nos conta como lle vai con ela.

Antena de Elon Musk
Antena de Elon Musk | Fonte: Starlink

O aparato en si non é barato. No caso de Óscar Rodríguez, mercou a antena por algo máis de 200 euros (nunha oferta, pois agora véndese por uns 450), e paga 74 euros cada mes para poder ter acceso á rede. Con todo, tamén hai a posibilidade de alquilar esa antena, o que eleva o custe mensual a uns 93 euros. A instalación, como nos comenta, é moi sinxela e calquera pode facela: "Precisas dun soporte no que poñela e debes buscar o lugar máis alto posible da casa para que non teña interferencias". Seguidamente, descargas unha aplicación no teléfono, conéctaste ao router, cambiaslle o nome e o contrasinal á rede e xa se conecta á antena. Tarda entre 15 e 20 minutos en calibrar e listo, a funcionar, xa tes acceso a Internet.

Óscar conta que antes de ter a antena de Elon Musk accedía a Internet cun router 4G de Vodafone, "como se tivese un teléfono móbil dando Wifi na casa, era un router cunha tarxeta SIM, pero ía regular tirando a mal, porque na aldea non hai moita cobertura". As comparacións son odiosas. Explica que, "xusto cando comprei a antena de Starlink tratei de descargar un xogo bastante pesado, duns 90 ou 100 GB, co Internet que tiñamos antes, e non fun capaz, colapsábase; púxeno coa antena nova e debeu tardar non máis de hora e media". Óscar tamén viveu en Pontecesures, e asegura que "agora a conexión vaime tan rápido aquí na aldea como cando estaba coa fibra óptica de R en Pontecesures ou en Padrón".

Ademais, semella non importar o número de dispositivos que estean conectados á rede ao mesmo tempo. "Meu pai pode estar mirando unha película en 4k na televisión, eu co ordenador xogando a un xogo potente, a fonte de auga dos gatos conectada, o robot aspirador e outras cousas e non hai ningún problema, nin de ancho de banda, é dicir, que podes meter bastantes equipos á vez; nin de velocidade nin de nada", asegura Óscar, que leva xa catro meses usando esta conexión revolucionaria. Así que, el está convencido de que é unha boa solución para o rural, aínda que, por desgraza, "require dunha inversión forte ao primeiro". Polo demais, "é estable e rápido".

Nas probas realizadas por Starlink durante a fase beta marcábase que as conexións conseguían velocidades de entre 50 Mbps e 150 Mbps, cunha latencia de entre 20 e 40 milisegundos. A idea de Elon Musk é ter ao redor de 12.000 satélites en órbita e que logo poidas pagar mensualidades, como no caso de Óscar, para conectarte dende calquer lugar. A pregunta é: como descubriu Óscar esta alternativa?

Aparatos necesarios para ter conexión aos satélites de Elon Musk
Aparatos necesarios para ter conexión aos satélites de Elon Musk | Fonte: Starlink

"Creo que foi unha vez que vin os satélites de Elon Musk pasar polo ceo, e como volvín a vivir na aldea e sabía que ía ter unha peor conexión, intereseime polo tema", conta a Galicia Confidencial. E é que esta rede de satélites que dan conexión aos fogares que teñen estas antenas de Starlink obsérvanse cada pouco tempo pasando polo noso ceo. Sen ir máis lonxe, onte mesmo pasaron por Galicia, e varios usuarios de redes sociais subiron o vídeo no que se vén unha serie de puntiños de luz moi brillantes, semellantes a estrelas, que pasan en liña recta a toda velocidade.

Así as cousas, se esa conexión se realiza de forma directa co satélite, o tempo podería ser un problema. "Unha cousa que si me preocupaba ao vivir en Galicia era que, se durante o inverno facía mal tempo ou o ceo estaba nubrado, con días de treboada, non funcionase Internet", explica Óscar. Isto é algo que tamén lles sucede a moitas persoas que viven no rural coa conexión normal, que di adeus en días de fortes ventos. Sen embargo, "levamos uns meses nos que chove continuamente e non fallou nada". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta