O "falso piloto" que estafou a máis de 150 vítimas co famoso "timo do amor"

Movementos fraudulentos nunha conta de dúas veciñas de Cambados destapa a trama de ciberestafas, con 15 investigados.

Por Europa Press / Redacción | Cambados | 22/11/2023 | Actualizada ás 12:20

Comparte esta noticia

A Garda Civil de Pontevedra destapou unha trama de ciberestafas, con 15 investigados de diversos puntos de España e 7 persoas doutros países, como supostos integrantes dunha organización criminal que utilizaba o coñecido como 'timo do amor' para enganar ás vítimas.

As investigacións iniciáronse por mor da interposición dunha denuncia en Villablino (León), no ano 2020. Así, a Garda Civil descubriu que unha muller fora estafada e realizara transferencias a unha conta bancaria da localidade pontevedresa de Cambados, da que eran titulares unha nai e unha filla.

As pescudas do Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Cambados permitiron constatar o elevado número de movementos fraudulentos que había nesa conta bancaria no último ano. Segundo puideron comprobar os investigadores, o tráfico de transferencias entrantes e saíntes superaba os 500.000 euros, polo que se procedeu ao bloqueo da conta.

Ao tirar deste fío, descubriuse a existencia dunha organización que creaba perfís falsos en varias redes sociais e plataformas de internet. Deste xeito, os delincuentes facíanse pasar por un "atractivo piloto" de aerolíneas que contactaba con mulleres de mediana idade.

'MODUS OPERANDI'

Tras gañarse a súa confianza e facelas crer que mantiñan unha relación amorosa, pedíalles diñeiro para distintos fins, alegando escusas como que estaba no estranxeiro e non podía acceder ás súas contas correntes, e pedíalles que enviasen diñeiro a unha conta dun terceiro.

Noutras ocasións, facíalles crer que lles enviou agasallos caros, como xoias, roupa ou perfumes desde o estranxeiro, e solicitáballes diñeiro para desbloquear pagos en aduanas, en aeroportos ou a transportistas, en concepto de supostos impostos ou aranceis.

Cando a organización recibía o diñeiro na conta corrente facilitada, rapidamente (en ocasións en cuestión de minutos) transferíana a outras contas distribuídas por toda España e polo estranxeiro, para dificultar o seu rastrexo por parte dos investigadores.

Con este 'modus operandi', a organización foi capaz de estafar a máis de 150 persoas, utilizando unha armazón de 18 contas bancarias e máis de 50 liñas de teléfono, tanto nacionais como internacionais.

Perfil do 'falso piloto' en redes sociais que se utilizaba para estafas no chamado 'timo do amor'
Perfil do 'falso piloto' en redes sociais que se utilizaba para estafas no chamado 'timo do amor' | Fonte: GARDA CIVIL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta