Ata 34 percorridos se verán afectados en Galicia pola folga de trens que comeza este venres

Servizos mínimos do 72 % en alta velocidade e do 65 % en media distancia. Hai cinco días de folga convocados: 24 de novembro, 30 de novembro, 1 de decembro e 4 e 5 de decembro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 22/11/2023 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana estableceu os servizos mínimos que se terán que cumprir durante a folga de 24 horas en Renfe e Adif que arrincará este próximo venres, 24 de novembro, fixando no 72 % os servizos mínimos de Alta Velocidade e Longa Distancia.

Segundo a resolución do Ministerio, nos trens de Media Distancia os servizos mínimos serán do 65 %, mentres que en Proximidades diferenciarase entre hora punta (de 06.00 a 09.00 horas, de 14.00 a 16.00 e de 18.30 a 20.30), cando serán do 75 %, e o resto da xornada, cando serán do 50 %.

Renfe ofrecerá aos viaxeiros de AVE, Longa e Media Distancia, sempre que sexa posible, viaxar noutro tren no horario máis aproximado ao adquirido. Se non desexan realizar a viaxe, poderán anular ou cambiar para outra data o seu billete sen ningún custo. A resolución, que se pode consultar na web de Renfe, inclúe todos os servizos que se prestarán no cinco días de folga convocados: venres 24 de novembro, xoves 30 de novembro, venres 1 de decembro e luns e martes 4 e 5 de decembro.

Así, en Media Distancia, dos 3.160 trens afectados pola folga circularán en servizos mínimos 2.063, o que supón o 65 %. Pola súa banda, en Alta Velocidade e Longa Distancia, de 1.636 trens afectados pola folga, circularán en servizos mínimos 1.185, o que supón aproximadamente o 72 %.

Os comités de empresa de Renfe e Adif acordaron convocar esta folga ante a incerteza xerada nos persoais polo traspaso de Rodalies, así como pola entrada dunha empresa privada (MSC) no capital de Renfe Mercadorías. O traspaso de Rodalies foi pactado entre PSOE e ERC no marco das negociacións para a investidura de Pedro Sánchez e suporá que Cataluña adquira o control sobre a xestión das R1, R2 e R3, incluíndo os trens e as vías. Posteriormente, valoraranse outras liñas.

Trens suprimidos para a folga do 24 de novembro
Trens suprimidos para a folga do 24 de novembro | Fonte: CGT

EN GALICIA VERANSE AFECTADOS 34 PERCORRIDOS

Un total de 34 percorridos de tren con orixe ou destino a Galicia veranse afectados debido á folga convocada en Renfe e Adif para este venres 24 de novembro. Os sindicatos cualificaron de "abusivos" os servizos mínimos fixados polo Goberno. Concretamente, segundo a información facilitada pola CGT, veranse afectados os trens da Coruña-Ourense con saída ás 5:55 e 7:06 e o Ourense-A Coruña das 6:45 e das 19:40 horas. Tamén quedan suprimidos o Vigo Guixar-Santiago das 6:57 horas, das 17:05 e das 18,20 horas; e os Vigo Urzaiz-A Coruña das 13:40 e 18:15 horas. Ademais, os percorridos de Santiago a Vilagarcía das 11:00 e das 19:10 horas tamén se verán afectados, xunto con outros trens como o Vigo-Porto das 8:58 e das 19:56 horas, ademais de senllos regresos. As conexións de Vigo Urzaiz con Madrid Chamartín das 5:50 e o tren Madrid Chamartín-Vigo Urzaiz das 6:20 horas tamén quedan suprimidos.

Nun comunicado, CGT sinala que "non está de acordo" coa segregación de Renfe e Adif en empresas de ámbito autonómico, aínda que se mostran de acordo con que os gobernos das comunidades "participen" na xestión dos servizos ferroviarios que operen nos seus ámbitos territoriais. Asegura que se se segregan as empresas isto vai repercutir nas condicións laborais e salariais das persoas traballadoras. Tamén rexeitan a "privatización" de Renfe Mercadorías.

OS SINDICATOS FALAN DE SERVIZOS MÍNIMOS "ABUSIVOS"

Os comités de empresa de Renfe e Adif cualificaron de "abusivos" os servizos mínimos ordenados polo ministerio de Transportes durante o cinco días que se estenderá a folga ferroviaria, xa que se establecen considerando unha actividade por encima da que se desenvolve na actualidade, polo que as porcentaxes cobren case o 100 % da actividade real.

Trens de proximidade parados nas vías da estación de trens
Trens de proximidade parados nas vías da estación de trens | Fonte: César Arxina - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta