Xunta e deputacións anuncian que preparan "unha segunda oferta" para os bombeiros comarcais

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2023 | Actualizada ás 19:31

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Diego Calvo, anunciou este mércores que xa está en preparación "unha segunda oferta" para os bombeiros comarcais, tras o rexeitamento da primeira proposta da Administración galega e as deputacións para pór fin á súa folga. Así o dixo durante a súa intervención no Pleno para responder a unha pregunta formulada polo deputado nacionalista Iago Tabarés en relación a este conflito, no que acusou á Xunta de "falta de vontade negociadora".

Calvo, na súa resposta, considerou esta aseveración "un exercicio de cinismo tremendo" e lembrou que, no marco das negociacións, aos bombeiros fíxoselles unha proposta que "a pesar de que nun primeiro momento aceptaron, días despois rexeitaron" incluíndo cuestións "que non se poden asumir por parte dos consorcios" nos que, lembrou, están representados todos os partidos.

"A posición que temos é de sentido común, non é unha cuestión de partidos", dixo Diego Calvo, que asegurou que "non hai nadiña de nada de discusión" entre as diferentes tendencias políticas nas deputacións. "O único caso distinto é vostede, así que empezo a falar cos seus", recomendou o vicepresidente.

Calvo defendeu que a Xunta estivo "desde o primeiro momento" disposta a "chegar a acordos" e avanzou que nestes momentos está "a prepararse nosa segunda oferta". "Faremos a segunda oferta, pero farémola con sentido, sobre todo porque estamos a administrar diñeiro que non é noso e non podemos aceptar determinadas cousas que ían alí pedidas". "Pero non é que non acepte a Xunta, non a aceptan os consorcios e nos consorcios están vostedes", resolveu.

Decenas de bombeiros dos parques comarcais de Galicia durante a protesta por unha mellora das condicións laborais, fronte á Deputación de Lugo, a 31 de outubro de 2023, en Lugo
Decenas de bombeiros dos parques comarcais de Galicia durante a protesta por unha mellora das condicións laborais, fronte á Deputación de Lugo, a 31 de outubro de 2023, en Lugo | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta