Leilía despídese dos escenarios con xira e novo disco: "Hai que cantar nos enterros... e morreremos cantando"

A xira, 'Anque me vou non me vou' fará parada nas catro provincias galegas a partir deste domingo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2023 | Actualizada ás 13:41

Comparte esta noticia

O grupo Leilía di adios aos escenarios cun novo disco e unha xira de despida coa que percorrerá as catro provincias galegas, conscientes de que o grupo "morre como entidade que se sobe aos escenarios" pero que pervive "ao formar parte da identidade cultural dun país". Felisa, Montse, Mercedes, Patricia, Ana e Rosario, moi emocionadas, repasaron os seus case 40 anos de carreira durante un almorzo informativo celebrado en Santiago. "Cando empezamos, nin nós dabamos un duro por nós mesmas. Eran tempos difíciles para a música tradicional e para a música galega. Estamos orgullosísimas de onde chegamos", comentou Rosario.

Para algunhas, esta despedida é "case como un enterro". "Pero aínda que sexa un enterro, sempre dixemos que hai que cantar nos enterros... e morreremos cantando", chancearon. Leilía arrincou a súa andaina musical en 1989 e, a pesar do complicado do momento, decidiron "pór en valor a música tradicional", así como a vestimenta asociada a ela; uns estilismos que a sociedade relacionaba co mundo do folclore. "Cando iamos cara ao escenario, concretamente na Praza de Cervantes, o que iamos escoitando era: 'boh, gaitas', 'bah, non queremos escoitar música folclórica'. E a gran sorpresa foi que a xente non coñecía a música da nosa terra, das pandereteiras e os gaiteiros", relataron.

O grupo buscaba "rescatar esas melodías que se recollían nas aldeas e que quedaban en saco roto". "Leilía viu o gran potencial que había nas aldeas. E de aí xurdiu todo o movemento das pandereteiras. Hai 34 anos, ir camiñando pola rúa coa pandeireta era algo excepcional. Agora cambiou o panorama musical deste país tamén un pouco grazas á irrupción de Leilía porque por aquel entón a música que se vía como de inspiración celta. Había un descoñecemento absoluto de que esa riqueza estaba nas aldeas", apuntan.

Insisten as artistas en remarcar que, aínda que Leilía "morra" como "esa entidade que se vai dos palcos", continuará viva "agora que forma parte do que é o universo da música galega". "Seguirá soando cada vez que escollades unha lista de reprodución, poñades un disco, vexades un vídeo ou saiades a correr cuns cascos nos que soe Leilía. Non morre porque forma parte da identidade cultural deste país".

DISCO E XIRA

O grupo arrincará a súa xira de despedida, 'Anque me vou non me vou', o vindeiro domingo 26 de novembro no teatro Joffre de Ferrol, con entradas gratuítas ata completar aforamento. Estará tamén o 12 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, o 7 de xaneiro no Teatro Colón da Coruña e xa por último, o 13 de xaneiro no Auditorio de Santiago de Compostela.

"Oxalá, de verdade, saibamos recompensarvos por todo o que nos destes. Porque Leilía si que fixo un traballo de recuperación, de dignificación, da posta en valor da muller e da pandeireta, pero todo o que nos leva dado a xente que está detrás de Leilía... Oxalá esteamos á altura", sinalou Ana

Leilía pon o punto final á súa produción discográfica volvendo ao momento de partida, coa regravación dos seus primeiros temas. 'Vidas cantadas' e a reinterpretación, "co pouso de 34 anos", dunha maqueta gravada en 1992 e distribuída gratuitamente coa prensa. Poderase adquirir nos concertos, en tendas a partir do 1 de decembro e en plataformas estará dispoñible a partir das 00.00 horas dese día.

Grupo Leilía
Grupo Leilía | Fonte: XUNTA DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta