Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2023 | Actualizada ás 14:13
A Xunta de Galicia dirixirase ao Goberno do Estado para que asuma nos orzamentos xerais para 2024 a liberalización da peaxe da AP-53 entre Santiago e Dozón, de titularidade estatal. Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sostivo que esta medida completaría o "esforzo" que fai a Xunta para que o tramo entre Dozón e Ourense, a AG-53, de titularidade autonómica, está libre de peaxes.
O máximo mandatario autonómico referiuse ao acordo de investidura alcanzado entre o PSOE e o BNG, que inclúe a implantación de rebaixas na peaxe deste tramo. "Visto que deste tema falouse e que estaba incluído nos pactos de investidura recentemente alcanzados, cremos que é o momento para empezar o ano que vén e conseguir que toda a autovía estivese libre de peaxes", dixo.
Rueda detallou que a Xunta sufraga con 9,5 millóns a peaxe na sombra do tramo entre Dozón e Ourense, correspondente á AG-53, para evitar que os usuarios teñan que pagar. "O que pedimos é que iso se complete no outro tramo, de forma que se poida facer toda a viaxe, entre Santiago e Ourense, sen custo", dixo.
O presidente da Xunta sostivo que o custo desta liberalización sería de 10,5 millóns. Unha partida que o Goberno galego pide ao Executivo estatal que inclúa nos orzamentos xerais do Estado para 2024. "É equiparable ao esforzo que está a facer a Xunta de Galicia e cremos que sería tamén unha enrome vantaxe", afirmou para sinalar que non se pide "máis esforzo" do que xa se fai desde as arcas autonómicas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.