Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2025 | Actualizada ás 12:43
A viceportavoz parlamentaria do BNG Olalla Rodil denunciou que a Xunta "continúa recortando" o orzamento dirixido ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) cunha modificación de crédito no mes de xuño de "12 millóns de euros" para destinalos a "cheques asistencialistas". Esta cantidade, apuntou, engádese aos "cinco millóns de euros xa recortados no mes de maio". "En dous meses, o PP pegou unha navallada de 17 millóns de euros ao orzamento do SAF, que está a piques da quebra, colapsado polo infrafinanciamento", censurou.
Nesta liña, Olalla Rodil asegurou que as cifras da Xunta en materia de dependencia "non son para botar foguetes" e volveu acusar aos populares de "recortar servizos e substituílos por axudas pírricas". En concreto, apuntou que no primeiro semestre do ano o SAF "está absolutamente colapsado" e "a piques de crebar", perdendo "1.026 persoas usuarias" e cos centros de día "perdendo case 300". "Mentres se baleiran servizos, vemos como as axudas asistencialistas se incrementaron en máis de 6.000. Falamos de axudas por coidado en domicilio que non chegan a 400 euros ao mes", lamentou.
Ademais, a deputada nacionalista afirmou que "por primeira vez hai máis persoas dependentes en Galicia pagando unha residencia privada que nunha residencia pública", ao que engadiu que hai "máis de 7.400 persoas recibindo unha axuda pírrica" de entre "361 euros a 420". "Este é o modelo do PP na dependencia e do que saca peito o Goberno de Rueda e do PP: axudas 'low cost' que perseguen devolver o coidado ao domicilio", criticou.
LISTAS DEPENDENCIA
Neste sentido, Olalla Rodil sinalou que nestes momentos hai "2.034 persoas agardando pola dependencia" en Galicia cunha espera de "361 días"; un tempo, asegurou, "que duplica o que establece a lei" para a tramitación desta condición. Tamén censurou que Galicia é a comunidade que "menos inviste por persoa dependente", cunha cifra de "1.317 euros por persoa fronte aos case 2.000 da medida estatal" e "moi lonxe dos 2.900 que inviste o Goberno vasco". "O PP desmantela a dependencia como servizo público e aplica unha política asistencialista e privatizadora que lonxe de garantir dereitos, precariza, individualiza e devolve os coidados ao fogar para que sexan asumidos polas mulleres", subliñou.
RÉPLICA DA XUNTA AO BNG
A Xunta replicou ao BNG que "non é certo" que a Administración autonómica reducise o orzamento destinado ao Servizo de Axuda non Fogar (SAF), senón que incrementou os fondos "ata chegar aos 140 millóns de euros" no último ano, o que supón "un 8% máis". Así, despois de que os nacionalistas denunciasen este xoves que o Goberno galego "recortou" 12 millóns de euros a este servizo no mes de xuño a través de modificacións de crédito, a Consellería de Política Social lembrou que o SAF é "competencia municipal", mentres a Xunta "apóiaos economicamente".
Tras destacar que a Xunta consignou neste 2025 máis de 600 millóns de euros, "un 12% con respecto ao ano anterior", asegurou que o diñeiro ao que fai referencia o BNG corresponde a fondos "destinados á atención á dependencia". "E, ante a imposibilidade de concellos de executalos a través do SAF, son empregados para financiar outros servizos para atender aos dependentes galegos, que prefiren ser atendidos nas súas casas e por persoas da súa contorna", sinalou.
Nesta liña, o departamento que dirixe Fabiola García reivindicou que a intención do Goberno galego é seguir aumentado a súa achega aos Concellos e, con este obxectivo, destacou, está en negociacións coa Fegamp. Con todo, insistiu en que é necesaria a implicación do Executivo central, cumprindo coa Lei e asumindo o 50% dos custos da dependencia en lugar de "reducir o financiamiento, que pasou do 40% no 2023 ao 34% no 2024".
Unha maneira de proceder, manifestou a Xunta, que contrasta con "o acordo bilateral que o Executivo de Sánchez, apoiado polo BNG, asinou co País Vasco para financiar o 50% do custo da dependencia" en Euskadi. "Creando dependentes de primeira, os vascos, e de segunda, os galegos", reprochou Política Social. Ademais, asegurou que é o Goberno central o que está "a afogar" aos concellos, xa que, engadiu, "non só reduce o financiamiento, senón que aumenta as obrigacións" coa modificación da Lei de Dependencia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.