Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2023 | Actualizada ás 17:20
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago) denuncia o "colapso permanente" das Urxencias do Hospital Clínico compostelán, despois dun episodio na tarde do mércores no que describen con "13 pacientes graves en padiolas e cadeiras de rodas". De feito, había "26 pacientes co ingreso asinado" que estaban "a esperar o traslado a planta e ocupando zonas de atención".
A Xerencia da área Sanitaria de Santiago-Barbanza, consultada por Europa Press, non confirma estas cifras pero si insiste en que "o paciente crítico non espera", xa que aqueles que son clasificados como 'prioridade 1' son atendidos "de maneira inmediata" de acordo co sistema de triaxe adoptado.
Segundo o comunicado da Asociación de Usuarios do CHUS e un vídeo difundido por redes sociais, durante toda a tarde os corredores de Urxencias "estiveron cheos de pacientes graves" a pesar de que a ocupación de camas era "do 54 por 100". "Por tanto, si existían medios que, debidamente dotados, podían responder as demandas de ingresos solicitadas polos facultativos", agrega este colectivo.
A asociación lamenta que o servizo estea "instalado no colapso permanente" a falta de que se produza o pico de demanda estacional por doenzas vinculadas ao inverno, por exemplo a gripe. De feito, ofrece cifras de que, entre as 8.00 da maña do mércores e as 8.00 do xoves foron atendidas 427 persoas en Urxencias, o que non xustifica "o colapso do servizo" que xera "un dano moral e físico" aos usuarios.
"O que está a ocorrer responde, en primeiro lugar, á inoperancia da Xerencia para establecer sistemas eficientes de xestión que permitan dispor da capacidade plena dos medios existentes e, en segundo lugar, á incapacidade da Atención Primaria de dar resposta as demandas de pacientes e usuarios", resume a asociación.
"OS TEMPOS ESTÁN A CUMPRIRSE"
Ante esta denuncia, a Xerencia da área Sanitaria alega que os críticos "non esperan" e que "os tempos asistenciais están a cumprirse" de acordo co protocolo do triaxe Manchester, a través do cal se clasifica a gravidade dos pacientes "cun magnífico traballo por parte dos profesionais" do CHUS.
Neste contexto, a Xerencia aproveita para chamar á participación da poboación nas diferentes campañas de vacinación e para lembrar que as Urxencias do Clínico viviu nos últimos dous anos "un importante esforzo" tanto na ampliación de espazos e adquisición de tecnoloxía, cun investimento de máis de 2 millóns de euros, como no incremento nun 30 por cento do persoal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.