A Galicia dos encoros que poñen en perigo o marisqueo: "Se se baixa a salinidade, hai mortaldade"

Crecen as esixencias de "luz e taquígrafos" por parte de afectados as rías sobre os protocolos de aperturas de encoros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2023 | Actualizada ás 12:41

Comparte esta noticia

As rías galegas están a sufrir unha morte masiva de marisco nas últimas semanas, despois de choivas continuadas durante un mes. O sector marisqueiro denuncia o impacto que causa a apertura de encoros e os estudos científicos apuntan a unha incidencia de causa-efecto. "Se se baixa a salinidade, hai mortaldade", deixa claro Almudena Hospido, investigadora da área de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O ano pasado, varias científicas presentaron unha metodoloxía que avalía os efectos da variación da salinidade nas rías. O método, aplicado a un estudo de caso na ría de Arousa, foi desenvolvido pola doctoranda Alba Roibás, as profesoras da USC Almudena Hospido e Anuska Mosquera, así como a investigadora Montserrat Núñez. "Nos últimos anos, tiveron lugar repetidos eventos nos que os peixes e algúns moluscos como o berberecho morreron masiva e repentinamente nas rías galega, onde a única explicación posible para estes sucesos foi a baixada drástica da salinidade debido á apertura de encoros", concluían.

Nunha entrevista con Europa Press, Almudena Hospido explica que "hai certas especies que teñen como unha salinidade de confort", o que o converte nunha "sustancia esencial"; "entón, o dano cáusase tanto por exceso como por defecto". "A innovación que supuxo este traballo foi xustamente iso, que nos permite avaliar impactos tanto cando hai un exceso da sustancia como un detrimento, porque estas especies están adoitadas ou se desenvolven satisfactoriamente nunhas concentracións de confort".

Preguntada sobre como funciona o impacto de desaugadoiros de presas, Hospido contesta: "O que fai ao final é que, se temos un contido de sal e temos moita máis auga, pois se baixa a concentración e entón desprazamos ao noso marisco a unha situación onde non se desenvolve confortablemente". "Se baixamos a concentración, neste caso da salinidade, pois hai mortaldade. E iso vémolo, non hai máis que saír ás nosas rías", explica.

ESTUDOS NO ENCORO DE PORTODEMOUROS

No seu artigo, estas investigadoras citaban traballos de científicos como José Manuel Parada, quen asinou xunto aos seus colegas Ricardo Beiras, Sebastián Villasante e Manuel Antelo un estudo da UVigo en 2015 sobre a mortalidade do marisco nos Lombos do Ulla. Recollían resultados de cambios de salinidade entre 2012 e 2014 e comparábaas coas variacións de salinidade esperables en función das variables meteorolóxicas. "As discrepancias entre ambas as series de datos foron asociadas ás variacións do nivel de ocupación do encoro de Portodemouros", resaltaban nese informe.

"Os casos máis graves nos que os eventos de baixa salinidade observada resultaron máis acentuados ou máis persistentes no tempo coincidiron con probables soltas de auga no encoro de Portodemouros, na maioría dos casos, derivados dunha alta ocupación do mesmo", afirmaban entre as súas conclusións.

POSIBILIDADE DE DESCARGAS "BENEFICIOSAS" DE EFLUENTES DE SALINIDADE

Almudena Hospido conta que desenvolveron o seu método para axudar a avaliar o impacto das verteduras das conserveiras á ría. Por iso, indica a necesidade de que se fagan análise con "información moito máis detallada por profundidade" e horas para "repartir responsabilidades" sobre impactos, "xa con modelos dinámicos".

"A choiva provoca un efecto de dilución pero en etapas máis superficiais. E aquí teriamos que ver como se moven as masas, como se dilúe ou como se reparten as sustancias na masa de auga por profundidades. E iso si que é algo que nós non avaliamos", expón esta investigadora.

Ante esta problemática, abre a porta a unha posiblidade de que, "se cadra, unha descarga dun efluente con alto contido en salino sería beneficioso" para contrarrestar "condicións de baixa salinidade". Remarca que "a salinidade empeza a ser un tema de grandísimo interese en diferentes ámbitos científicos".

"LUZ E TAQUÍGRAFOS"

En conversación con Europa Press, o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, denuncia que hai "gran opacidade" e "escurantismo" en "todo o tema de apertura de encoros desde hai moitísimo tempo". "Esta última vez, ante a entrada dun río atmosférico tropical advertimos o que ía acontecer, pero atopámonos cun muro de opacidade absoluta", clama sobre a morte masiva do marisco constatada no último mes.

Así, Rubido esixe que "habería que pór luz e taquigrafos sobre todo este tema". "En primeiro lugar habería que coñecer cales foron ata agora os protocolos, se é que os houbo, os termos destes protocolos", razoa. "E deberían estar encima da mesa porque a auga dos ríos é un asunto público" que "está a afectar de forma determinante ao sector marisqueiro".

O propio conselleiro do Mar, Alfonso Villares, manifestou esta semana no Parlamento que se está traballando, xunto a Consellería de Infraestruturas, con Naturgy, empresa que xestiona o encoro do Tambre, para redefinir o protocolo de actuación ante a apertura de comportas. Espera ofrecer pronto unha resposta en firme sobre esta cuestión, que está a demandar a confraría de Noia, de face a que se lles facilite unha comunicación temperá da evacuación das augas almacenadas.

Unha muller sostén nas mans crías de ameixa na enseada de San Simón
Unha muller sostén nas mans crías de ameixa na enseada de San Simón | Fonte: Adrián Irago - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta