O TSXG confirma a sanción a un profesor de FP que alcumaba a alumnos e facía comentarios sexistas

'Pokemon' ou 'drogadicto': algúns dos cualificativos do docente, a quen se lle atribúe "trato de favor respecto dalgunhas alumnas polo seu aspecto físico".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2023 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a suspensión de funcións durante 18 meses e 15 días imposta pola Xunta a un funcionario de carreira do corpo de profesores de ensino secundario, con destino definitivo nun centro de formación profesional de Pontevedra, como autor responsable de dúas infraccións graves: unha por falta inxustificada de rendemento; e, a outra, por desconsideración grave cara ao alumnado.

O TSXG tivo en conta o informe do Servizo de Inspección Educativa de data 19 de febreiro de 2021, no que indica que, ao longo dos cursos 2018-2019 e 2019-2020, o director do centro tivo que advertir ao recorrente, "de maneira verbal e en reiteradas ocasións", que a súa actitude na aula e respecto do alumnado, así como a súa práctica docente, "non eran as máis acertadas", xa que recibiran numerosas queixas do alumnado, as cales proseguiron nos cursos posteriores. Finalmente, o 17 de marzo de 2021 a Xunta adoptou o acordo de incoación do procedemento disciplinario contra o demandante e, o 21 de decembro de 2021, ditou a resolución sancionadora.

O castigo pola falta inxustificada de rendemento baseouse nos seguintes feitos: non informar o alumnado da programación didáctica; impuntualidad; falta de explicación da materia; e incoherencia en criterios de cualificación. Así mesmo, alégase que os exames non demostraron a consecución dos obxectivos específicos; que nalgúns exames figuran comentarios como "un desastre" ou "moi frouxo", sen realizar ningunha análise nin indicación; que o único instrumento de avaliación era un exame por trimestre; que non utilizou en ningún momento a aula virtual nin os medios dispostos pola Xunta; que utilizou 'WhatsApp' como instrumento telemático; e non cumpriu coas instrucións recibidas por parte da xefatura de estudos. Ademais, o TSXG destaca que quedaron debidamente acreditados "todos e cada un dos feitos en que se fundou a imputación de falta inxustificada de rendemento".

"POKEMON" E "DROGADICTO" ENTRE OS COMENTARIOS

A sentenza recolle que o expediente do profesor inclúe o emprego de alcumes "inapropiados" para referirse a "moitos alumnos, ridiculizándolos e descualificándoos". Entre as expresións que utilizaba figuran 'Pokemon', 'Miau', 'Transformer", ou 'drogadicto' respecto dalgúns alumnos. "A unha alumna díxolle que era unha decepción diante de todos por suspender a súa materia, a outra alumna chamoulle 'scheriff da clase", e a un alumno díxolle "o que non serve para nada", "ti non vales para facer nada aquí...", segundo recolle o documento xudicial.

A sentenza tamén fai constar o emprego de contestacións "desagradables, cortantes ou displicentes con algúns alumnos", así como "trato de favor respecto dalgunhas alumnas polo seu aspecto físico e idade". Igualmente apunta que usou comentarios "sexistas e insinuantes" para referirse a algunhas das alumnas como "a guapa de XXXXX", "a modelo de XXXXX", ou "mozo" --"pondo en dúbida a orientación sexual" dunha alumna en cuestión--.

Así mesmo, efectuaba, segundo consta no expediente "preguntas innecesarias e persoais", e interviña en conversacións das mozas na aula "opinando de temas persoais", o que daba lugar a "unha notable incomodidade".

Sala para xuízos con tribunal de xurado na Audiencia da Coruña
Sala para xuízos con tribunal de xurado na Audiencia da Coruña | Fonte: TSXG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta