Detidos por roubar nos vehículos de repartidores mentres entregaban paquetes

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 30/11/2023 | Actualizada ás 10:29

Comparte esta noticia

A Garda Civil de Ourense detivo, no marco da operación 'Lapsus O' a unha parella que presuntamente se dedicaba a roubar nos vehículos de repartidores mentres estes entregaban paquetes. Segundo informa a Benemérita, os arrestados son un home, de 54 anos de idade e veciño de Ourense, así como unha muller, de 34 anos e nada na República Dominicana.

A ambos acúsaselles de ser os presuntos autores dun delito de roubo con forza, de tres delitos de estafa en grao de tentativa, de tres furtos en vehículos e de dous furtos en establecementos comerciais. Todos estes actos cometéronse na zona do Ribeiro de Ourense. Tal como explica a Garda Civil, esta parella aproveitaría que os repartidores estaban a entregar un paquete para roubar nos seus vehículos. Despois, tratarían de utilizar os seus cartóns de crédito para facer compras.

Imaxe da cámara de seguridade dun dos establecementos onde supostamente cometerían un delito
Imaxe da cámara de seguridade dun dos establecementos onde supostamente cometerían un delito | Fonte: GARDA CIVIL

En concreto, levarían a cabo furtos na pescadería da praza de abastos de Ribadavia, así como no vehículo do repartidor de peixe e no de carne, ademais de en unha gasolineira de Melón. O roubo con forza sería cometido nunha vivenda de Ribadavia. Doutra banda, cos cartóns subtraídos tratarían de sacar diñeiro nun caixeiro de Abanca de Ribadavia e tentaron realizar compras na gasolineira e nunha administración do ONCE. O diñeiro total subtraído rolda os 1.500 euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta