Pontón acusa ao PP de "usar medios públicos para electoralismo"

A portavoz nacional do BNG insistiu en que a formación nacionalista está "totalmente preparada" para as eleccións galegas "sexa cal for a data da convocatoria" que, dixo, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, elixirá "en función dos seus intereses partidistas e non en función do que precise Galicia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/11/2023 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu en que a formación nacionalista está "totalmente preparada" para as eleccións galegas "sexa cal for a data da convocatoria" que, dixo, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, elixirá "en función dos seus intereses partidistas e non en función do que precise Galicia", e acusou aos populares de "estar en campaña usando medios públicos para electoralismo".

Despois de que o presidente do PNV, Andoni Ortuzar, dixese este mércores que en Galicia os comicios parece "que van ir a fume de carozo" e que "foron os galegos os que sempre chamaron a Lehendakari para ver se se podían coordinar as datas", aínda que agora parece que non queren que coincidan coas de Euskadi "porque queren galeguizar as eleccións"; Pontón sinalou que o BNG "está totalmente preparado para as eleccións galegas, sexa cal for a data".

"De feito, o PP está en campaña electoral e usando o Goberno da Xunta e os medios públicos para facer electoralismo puro e duro de partido e, de paso, tapar a súa incapacidade política para defender os intereses dos galegos ante o Estado e ante Bruxelas", remarcou Pontón, en declaracións a petición de Europa Press tras as palabras de Ortuzar.

A líder nacionalista salientou que "estamos ante un PP esgotado, que carece de proxecto, que non ten nada que ofrecer a este país salvo propaganda e que ademais está en tempo de desconto". Así, sentenciou que estamos "ante o epílogo dun PP que representa o pasado fronte a un BNG que representa a alternativa para pór en marcha unha nova Galicia liderando o goberno do cambio e dándolle a este país a primeira presidenta con mans libres".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta