Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2023 | Actualizada ás 14:12
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou unha iniciativa parlamentaria para reclamar ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable a inclusión de Galicia, así como de todo o noroeste peninsular, no mapa das futuras autoestradas ferroviarias contempladas na Estratexia de Mobilidade Segura, Sustentable e Conectada 2030.
Segundo trasladou o BNG nun comunicado, Rego criticou a ausencia do territorio nas previsións de investimento para a transformación de vías ferroviarias en autoestradas ferroviarias, algo segundo di, "de vital importancia" para o transporte de mercadorías sustentable en Galicia, que presenta un "déficit de transporte ferroviario", predominando o transporte por estrada.
Ademais, o deputado do BNG tamén criticou a Adif e as súas "escusas de mal pagador", que se escuda na falta de demanda, así como de propostas por parte de operadores loxísticos e empresas, cando "é o seu labor asegurar a cobertura en todo o territorio do transporte ferroviario de mercadorías", sobre todo nunha "área de importante peso económico-industrial" que depende do transporte terrestre. Considera tamén que é "responsabilidade do Ministerio" incentivar, promover e deseñar por iniciativa propia un mapa de autoestradas ferroviarias que integre toda España, e que Adif "non pode ser un mero receptor de propostas", se non que "ten que adoptar unha posición proactiva" pois se lles deu "un ano de marxe" para incluír a Galicia no seu mapa.
Por outra banda, o BNG tampouco entende "as proclamas de loita contra o Cambio Climático do Goberno", cando na práctica "discrimina territorios" dun deseño de transporte ferroviario de mercadorías que contribúe a un transporte sustentable.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.